Bote polbeiro de Bueu
O bote polbeiro de Bueu é unha embarcación tradicional das rías Baixas, característica da vila de Bueu. Destaca pola súa solidez e amplitude: a manga chega a ser a metade da eslora. Caracterízase pola construción a tope. Segundo o antropólogo sueco Staffan Mörling as súas formas están baseadas na lancha de relinga.
Características
editarAs medidas habituais eran de 4 metros de eslora por 2 de manga, chegando a construírse de 5,5 metros de eslora no caso dos máis grandes e 3,5 no dos máis pequenos. Emprégase na súa construción madeiras de carballo (para a quilla, a roda, o codaste e as cadernas); e de piñeiro para o resto dos elementos. Os remos cruzados (ao igual que o das dornas) están construídos en dúas pezas. A vela guaira apareceu a principios do século XX, anteriormente empregábase vela de relinga e a vela latina.
A súa ocupación dominante era a pesca do polbo con raña, ao que se adaptaba moi ben, aínda que tamén se utilizaba para outro tipo de capturas. O feito de ter "dobre proa" fixo que non se adaptara ben a motorización levando a súa desaparición nos anos 60. A Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos de Bueu (membro da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) está a recuperar esta embarcación e posúe exemplares da mesma. Existe outro en activo no pantalán de embarcacións tradicionais de Bouzas[1]. Así mesmo, hai un exemplar exposto no Museo Massó de Bueu.[2]
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Simes Martínez, Fidel: O Bote polbeiro de Bueu. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, 2005. ISBN 84-453-3883-8
- Mörling, Staffan: Las embarcaciones tradicionales de Galicia. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Pesca, 1989. ISBN 84-453-0071-7
Ligazóns externas
editar- Historia da lancha en www.modelismonaval.com
- Museo Massó
- Blog do Museo Massó