Taxonomía

ciencia da clasificación
(Redirección desde «Bioloxía sistemática»)

A taxonomía ou taxinomía (do grego ταξις, taxis, "ordenamento", e νομος, nomos, "norma" ou "regra") é a ciencia da clasificación. Xeralmente emprégase o termo para designar a taxonomía biolóxica, ciencia que ordena os organismos vivos nun sistema de clasificación composto por taxons agrupados en categorías taxonómicas.

Diagrama de taxonomía biolóxica.

Tipo de taxonomías e escolas taxonómicas

editar

Orixinalmente o termo taxonomía só facía referencia á ciencia que clasificaba os seres vivos, hoxe o termo aplícase de forma máis ampla e nun sentido máis xeral referíndose á clasificación das cousas e ós principios que subxacen en cada clasificación.

Existen diferentes tipos de taxonomías referidas a diversos campos:

A taxonomía biolóxica nace da necesidade de poñer orde nos máis de 5 millóns de especies de seres vivos que temos no planeta, para iso, esta ciencia ordénaos, descríbeos e clasifícaos tomando como unidade fundamental a especie. Ademais desta categoría existen outros rangos que de maior nivel que son os seguintes: Dominio, Reino, Filo ou Phylum ou División (en plantas), Clase, Orde, Familia, Tribo, Xénero, Especie e Subespecie, niveis entre os que se poden inserir outros, tales como: subphylum, superorde, subfamilia etc.

Pódese dicir que a taxonomía biolóxica comezou grazas aos traballos do naturalista sueco Carl von Linné (Linneo) (1707-1778), que foi quen creou o sistema de clasificación que aínda hoxe estase a empregar e que está baseado nos diferentes taxons dispostos en orde xerárquica.

Na taxonomía filoxenética (ou cladística), os organismos poden ser clasificados en clados, que son as diferentes pólas da árbore filoxenética proposta para agrupar os seres vivos, é dicir, un clado pódese interpretar como un conxunto de especies emparentadas por un antecesor común. Os clados pódense representar nun cladograma. Un taxón é un clado que foi situado nunha categoría taxonómica, ao que se lle outorgou un nome en latín, fíxose unha descrición do mesmo e asocioúselle un exemplar “tipo” e logo foi publicado nunha revista científica. Cando se fai todo isto, o taxón ten o nome axeitado. A Nomenclatura é a subdisciplina que trata de regulamentar estes pasos, e ocúpase de que se ateñan aos principios de nomenclatura científica internacional. Os sistemas de clasificación resultantes funcionan como contedores de información por unha banda, e como preditores pola outra. Unha vez está determinado o sistema de clasificación, extráense os caracteres diagnósticos de cada taxón, que se organizan en grandes libros chamados Claves de Identificación, que son empregados na disciplina da Determinación ou identificación de organismos, e que sitúa a un organismo descoñecido nun taxón coñecido do sistema de clasificación dado.

As normas que regulan a creación dos sistemas de clasificación son un pouco arbitrarias. Para comprender esas arbitrariedades (por exemplo, a nomenclatura binomial das especies e a uninomial das categorías superiores a especies, ou a cantidade de categorías superiores á especie, ou a cantidade de categorías taxonómicas e os nomes das mesmas) é necesario estudar a Historia da Taxonomía, que nos deixaron como herdanza os Códigos Internacionais de Nomenclatura aos que deben aterse os sistemas de clasificación. Hoxe estase a debater se cómpre facer reformas substanciais nos Códigos, habendo propostas como son a “taxonomía libre de rangos”, as “marcas de ADN” etc.

Unha escola taxonómica minoritaria é a que considera que os grupos parafiléticos tamén deberían ter a posibilidade de ser convertidos en taxóns, se os grupos que os conforman son o suficientemente semellantes entre si e o suficientemente diferentes do clado que queda fóra (escola evolucionista). Un exemplo clásico dun grupo parafilético que algúns taxónomos consideran un taxón, é o das algas verdes, parafiléticas respecto ás plantas terrestres (todas xuntas formarían o clado das plantas verdes). Un dos expoñentes actuais desta escola é o investigador Cavalier-Smith.

Outra escola minoritaria, chamada fenética, está encabezada por investigadores como Sokal, que pregoaba que era imposible coñecer a filoxenia dos organismos coa información que se recollía, debido a que os razoamentos facíanse circulares (a morfoloxía determinaba as relacións de parentesco, e coas relacións de parentesco interprétase a morfoloxía)e a información incompleta. Estes investigadores escollían facer clasificacións baseadas exclusivamente na cantidade de caracteres semellantes entre os organismos, sen inferir ningunha historia evolutiva detrás deles (tal e como fora formulada orixinalmente a taxonomía, antes da teoría da evolución de Darwin). Esta escola perdeu recentemente forza coa chegada das análises de ADN e coa mellor interpretación do rexistro fósil que temos hoxe en día.

Unha escola distinta, da cal o expoñente máis extremo quizais sexa o PhyloCode (https://web.archive.org/web/20030802181518/http://www.phylocode.org/), propón unha clasificación libre de categorías, pero non ten moita resonancia no eido científico.

A taxonomía numérica ou fenecticismo é unha escola sistemática que defende a agrupación empregando exclusivamente a similitude, xeralmente mediante estimacións cuantitativas da devandita similitude. Consiste, por exemplo, en obter clasificacións dentro dun grupo de individuos empregando para iso as propiedades que os caracterizan. Para conseguir este obxectivo utilízanse diferentes ferramentas matemáticas e estatísticas, que permiten determinar as semellanzas entre os individuos a clasificar.

No terreo educativo temos a taxonomía de Bloom, unha clasificación dos obxectivos do proceso educativo elaborada polo pedagogo norteamericano Benjamin Bloom que distingue tres dominios ou "categorías" de actividades educativas e seis niveis xerárquicos de comportamento intelectual.

Outras taxonomías, como as analizadas por Durkheim e por Lévi-Strauss, son chamadas ás veces taxonomías populares (folk taxonomy) para distinguilas das taxonomías científicas, que afirman que están separadas das relacións sociais e polo tanto son obxectivas e universais.

A Baraminoloxía, a alternativa creacionista á cladística, é un sistema que enfatiza a reprodución illada. Por exemplo, estes grupos a miúdo toman os mamíferos como unha clase separada dos outros vertebrados.

A Folcsonomía (Folksonomy) é un neoloxísmo derivado da palabra taxonomía (non debe confundirse co termo “folk taxonomy” antes comentado) que é usado en informática e que dá nome á categorización colaborativa por medio de etiquetas simples nun espazo de nomes chans, sen xerarquías nin relacións de parentesco predeterminadas. Jon Udell (2004) suxire que o abandono das taxonomías a favor das listaxes de palabras claves non é novidade, e que a súa diferenza fundamental é o intercambio de opinións (feedback) que se atopa na folcsonomía e non na taxonomía.

A expresión “taxonomía de empresa” (enterprise taxonomy) úsase no mundo dos negocios para describir unha forma moi limitada da taxonomía usada só dentro dunha organización. Un exemplo podería ser un certo método de clasificar as árbores como “Tipo A”, “Tipo B” e “ Tipo C” usado só por unha compañía madeireira específica para categorizar os envíos en barco dos troncos.

Historia da taxonomía

editar

As orixes da taxonomía remóntanse ás orixes da linguaxe, cando as persoas chamaban cos mesmos nomes a organismos máis ou menos similares. Este sistema aínda persiste hoxe en día no que chamamos os “nomes vulgares” dos organismos. Estes nomes son útiles na fala cotiá pero os naturalistas decatáronse de que precisaban un sistema máis universal e rigoroso de nomear aos organismos.

Xa no século XVIII a taxonomía recibiu un empurrón definitivo grazas ó naturalista sueco Carl von Linné (Linneo) que tiña a ambición de nomear a tódolos animais, plantas e minerais coñecidos da época. No ano 1753 escribiu o libro Species Plantarum (“Os tipos de plantas”), no que cada tipo de planta era descrito cunha frase cun máximo de 12 palabras (polinomios). Ademais engadiu outra innovación que xa fora empregada antes por Castpar Bauhin (1560-1624): a nomenclatura binomial ou binomios, como o “nome curto” das especies. Nas marxes do seu Species Plantarum, seguido do nome axeitado polinomial de cada especie, escribiu unha soa palabra. Esta palabra, combinada coa primeira palabra do polinomio (hoxe chamada xénero), formaba un nome máis doado de lembrar e curto para cada especie.

A nomenclatura binomial para identificar de xeito unívoco as especies resolvía así os problemas producidos pola variedade de nomes locais. Ó mesmo tempo Linneo propuxo un esquema xerárquico de clasificación, onde as especies moi semellantes se puidesen agrupar nun mesmo xénero, os xéneros en familias, e así sucesivamente en ordes, clases, filos e reinos, proporcionando unha imaxe estruturada (como a árbore de Porfirio da metafísica clásica) da relación entre especies. O conxunto dos organismos agrupados segundo as xerarquías anteditas, constitúen os sistemas de clasificación dos organismos que poden ser arbitrarios, se só tentan agrupar os organismos para facilitar a súa determinación de maneira artificiosa, ou naturais, cando as xerarquías se establecen en función das súas semellanzas reais. A palabra “natural” daquela non foi definida cientificamente e no tempo de Linneo só quería dicir que as especies foron creadas “naturalmente” semellantes a algunhas e diferentes doutras. Aínda non xurdira a teoría da Evolución no mundo científico.

O termo taxonomía foi creado en 1813 empregando a devandita grafía polo botánico suízo Agustin Pyrame de Candolle (1778-1841) na súa Teoría elemental da botánica ou exposición dos principios de clasificación natural da arte de describir e estudar os vexetais para designar na súa «teoría das clasificacións» o o método e o que el cualificou como «bases da botánica filosófica».

Aínda que, como o método de Jussieu, utiliza os binomios lineanos e preconiza o «método natural» oposto ó «sistema artificial» de Linneo, a taxonomía proposta por De Candolle afástase pola importancia dada ós saltos. Mentres que para Linneo e Jussieu, a natureza «non dá saltos», Candolle insiste nas descontinuidades que están na base da noción de taxon, ó mesmo tempo entidade e división. O termo taxonomía é de uso corrente hoxe en día, pero en francés a súa grafía foi corrixida por Emile Littre a Taxinomía, pero a outra grafía segue sendo moi utilizada en Francia, sobre todo grazas á súa conservación da tradución inglesa Taxonomy.

Cando xurdiu a teoría da evolución a mediados do século XIX, comezou a admitirse, tal e como propuxera Darwin, que o grao de parentesco entre os taxons (filoxenia) debía servir como criterio para a formación dos grupos. A publicación do seu libro Sobre a orixe das especies en 1859 estimulou a incorporación das teorías evolutivas na clasificación, proceso que aínda hoxe non rematou (de Queiroz e Gauthier 1992). Un paso crítico neste proceso foi a adquisición da perspectiva filoxenética, na que algúns científicos, como Willi Hennig (1913-1976), Walter Zimmermann (1892-1980) e Warren H. Wagner (1920-2000) e moitos máis, fixeron valiosas achegas. A bioloxía sistemática é a ciencia que trata de relacionar os sistemas de clasificación coas teorías sobre evolución dos taxons.

Hoxe en día o desenvolvemento de novas técnicas (como a análise do ADN) e as novas formas de análise filoxenética (que permite analizar matrices cunha cantidade enorme de datos) están introducindo cambios substanciais nas clasificacións ó uso, obrigando a desfacer grupos de longa tradición e definir outros novos. As achegas máis significativas proceden da comparación directa dos xenes e os xenomas. Hoxe os organismos agrúpanse segundo as semellanzas no seu ADN (e logo co apoio do rexistro fósil e a morfoloxía), e a evolución dos caracteres morfolóxicos é “interpretada” unha vez a árbore filoxenética está consensuada. Esta situación enriqueceu o campo da Bioloxía Sistemática, e logrou unha relación estreita desta última coa ciencia da evolución, cousa que antes non ocorrera debido as numerosas imprecisións que existían antes da chegada das análise de ADN nos sistemas de clasificación. A taxonomía pasou a ser só unha subdisciplina da Bioloxía Sistemática que se ocupa de crear o sistema de clasificación segundo as regras, e a “estrela” pasou a ser a árbore filoxenética en si.

As diferenzas entre taxonomía e sistemática

editar

Na maioría das disciplinas das ciencias da vida, o termo taxonomía é inseparable de sistemática, ciencia que ten por obxecto enumerar e clasificar os taxons cunha certa orde, baseada en principios diversos.

Na práctica, o termo "sistemática" designa tanto o método empregado (por exemplo dirase «a sistemática filoxenética») como o resultado obtido con este método (a «sistemática dos basidiomicetos»). No sentido concreto do resultado, as dúas ciencias diferéncianse pouco e a miúdo confúndense, porque son practicadas simultaneamente polas mesmas persoas. Os taxonomistas foron chamados dende sempre sistemáticos, porque despois de ter estudado e descrito os organismos, eles intentaron clasificalos a partir do nivel baixo das especies (alpha taxonomía ou "taxonomía primaria").

Os que empregan sobre todo o sentido do método, sobre todo os filoxenéticos, nomean a miúdo o resultado como clasificación ou incluso "taxonomía".

As categorías taxonómicas

editar

As categorías taxonómicas son os diferentes chanzos nos que podería dividirse a clasificación dun ser vivo. As máis importante de todas quizais sexan as que nomean o xénero e a especie, por exemplo: no caso do lobo, Canis lupus (xénero Canis, especie lupus).

As categorías taxonómicas son as seguintes: Dominio, Reino, Subreino, Filo (ou División, no caso das plantas), Subfilo ou Subdivisión, Superclase, Clase, Subclase, Superorde, Orde, Suborde, Infraorde, Superfamilia, Familia, Subfamilia, Tribo, Subtribo, Xénero, Subxénero e a Especie. Dentro da especie temos aínda Subespecie, Variedade, Subvariedade e Raza.

O nome científico

editar

As especies son nomeadas segundo o sistema de nomenclatura binomial creado por Linneo. O nome dunha especie é a combinación dun binomio (expresión de dúas palabras) en latín, onde a primeira, o nome xenérico (en maiúsculas), é compartida polas especies do mesmo xénero, e a segunda, o adxectivo específico, fai alusión a algunha característica, propiedade distintiva, unha homenaxe a un científico o outro criterio (e escríbese con minúsculas). Exemplos: Senecio jacobea (Herba de Santiago), Pagellus cantabricus (Ollomol).

Unha vez fixado, un nome non é substituído por outro sen un motivo taxonómico (exemplo: a triquina foi bautizada como Trichina spiralis, pero hoxe mudou a Trichinella spiralis) aínda que poida conter algún erro.

Perspectivas actuais da taxonomía

editar

Grazas á análise de ADN e ós progresos na informática e Internet a taxonomía volveu a poñerse de moda no mundo científico. Estas novas ferramentas xeran un debate acerca da utilidade das regras da taxonomía tal como están hoxe en día. Xorden opinións respecto da necesidade de reformar os Códigos de Nomenclatura Zoolóxica e Botánica (Mallet e Willmott, 2003).

Só cuns poucos centos de bases de ADN pódese facer unha análise que serve para facer a identificación e parentesco dun ser vivo. Algúns autores como Hebert et al. (2003) ou Tautz et al. (2003), propoñen un rol central do ADN na definición das especies, de xeito que unha mostra de ADN e a súa lectura da secuencia de bases debería ser un dos caracteres do espécime tipo, e unha especie de marca como un carácter clave, de emprego similar a como se usa o código de barras nos supermercados.

Esta taxonomía ten algúns dos problemas que xa tiñan os outros enfoques: por exemplo, o problema do límite da circunscrición dos taxóns. Outro problema e decidir que secuencia do ADN usar, xa que algunhas secuencias non dan unha información que diferencie o taxon dos demais, polo que non é conveniente confiar nunha soa secuencia de ADN.

Existen moitas iniciativas taxonómicas en Internet, das que quizais son máis populares son:

Unha web universal de información taxonómica só xurdirá cando exista unha web na que se obteña a mellor información, a máis completa e actualizada, de contido libre, e "amigable" (user-friendly). Entón as demais caerán en desuso. Só nas bacterias esa información está unificada, na seguinte páxina:

Existe unha proposta para a creación dun rexistro central de nomes (Charles Godfray, 2002) (Minelli,2003) no que se poida facer unha primeira revisión a través de Internet.

O futuro dos códigos ten que cambiar para poder reflectir as novas realidades e necesidades, e só un amplo consenso poderá evitar a fragmentación do coñecemento existente en moitos sistemas incompatibles (Mallet e Willmott, 2003)

Códigos internacionais de nomenclatura

editar
  • Greuter, W. et al. 2000. International Code of Botanical Nomenclature (St. Louis Code). Gantner/Koeltz (contido online aquí Arquivado 12 de decembro de 2002 en Wayback Machine.)
  • International Commission on Zoological Nomenclature. 1999. International Code of Zoological Nomenclature. International Trust for Zoological Nomenclature. (contido online aquí)
  • P. H. A. Sneath. 1990. International Code of Nomenclature of Bacteria: Bacteriological Code, 1990 Revision. International Union of Microbiological Societies. ISBN 978-1-55581-039-9 (contido online aquí).

Véxase tamén

editar

Biografía

editar
  • Raven, P. H., Evert, R. F., Eichhorn, S. E. 1999. Biology of Plants. 6ª edición.
  • Judd, W. S. Campbell, C. S. Kellogg, E. A. Stevens, P.F. Donoghue, M. J. 2002. Plant systematics: a phylogenetic approach, Second Edition. Sinauer Axxoc, USA.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar