O berro Wilhelm (Wilhelm scream) é un efecto sonoro moi usado no cinema e na televisión. Apareceu por primeira vez en 1951 no filme Distant Drums, de Raoul Walsh.[1] O efecto renovou a súa popularidade (e foise convertendo nunha chiscadela interna) despois de ser empregado en Star Wars e moitos outros filmes, series de televisión e videoxogos.[2] O berro é usado a miúdo cando alguén é alcanzado por unha frecha, cae desde unha grande altura ou sae despedido nunha explosión.

O berro Wilhelm converteuse nun coñecido clixé cinematográfico e dise que foi usado en máis de 216 filmes.[3]

O son leva este nome por Private Wilhelm, un personaxe do western de 1953 A carga dos xinetes indios que resulta ferido por unha frecha. Pensábase que este era o segundo filme en que se empregara o efecto sonoro e que se trataba da primeira vez que llo solicitaban ao arquivo sonoro da Warner Brothers.[4]

Historia editar

Orixe editar

O berro ten a súa orixe nunha serie de efectos sonoros gravados para o filme Distant Drums, de 1951. Nunha escena, os soldados están a vadear un pantano nos Everglades (Florida), e un deles é trabado e mergullado por un alligator. O berro para esa escena foi gravado posteriormente nunha toma xunto con outros cinco berros de dor, que foron etiquetados como "home que berra trabado por un alligator". O quinto berro foi empregado para o soldado da escena dos pantanos, pero os berros cuarto, quinto e sexto tamén foron usados anteriormente no filme, cando lles disparan a tres indios durante o ataque a un forte. Aínda que as tomas 4ª, 5ª e 6ª son as máis recoñecibles, todos os berros son denominados Wilhelm no mundo dos efectos sonoros.

Uso posterior editar

O rexurdimento do berro Wilhelm partiu do deseñador sonoro cinematográfico Benjamin Burtt Jr., que descubriu a gravación orixinal nun rolo de estudio etiquetado como "Home comido por un alligator" e incorporouna nunha escena de A guerra das galaxias. A Burtt atribúeselle a denominación do berro en honor ao soldado Private Wilhelm, do filme The Charge at Feather River[5]. Na década seguinte, Burtt comezou a incorporar o berro noutros filmes en que traballaba, entre os que se contan moitos dos proxectos de George Lucas ou Steven Spielberg (aparece, por exemplo, en todos os filmes de Indiana Jones). Outros deseñadores sonoros acabaron sabendo do berro, de xeito que a súa inclusión en filmes converteuse nunha tradición dos profesionais do ramo.[2] As pescudas de Burtt suxiren que o actor e cantante Sheb Wooley, coñecido pola súa canción de 1958 "Flying Purple People Eater", puido ser quen proferiu o berro orixinal. Esta tese vese apoiada por unha entrevista do ano 2005 a Linda Dotson, a viúva de Wooley. Burtt descubriu na Warner Brothers gravacións do editor de Distant Drums entre as que había unha pequena lista de nomes de actores que debían gravar liñas de diálogo para varios personaxes do filme. Wooley interpretou o papel de Private Jessup en Distant Drums e foi un dos poucos actores que gravaron elementos vocais adicionais para o filme, como os berros do home mordido polo alligator.[6]. Linda Dotson confirmou que o berro que hai en tantas películas de vaqueiros era de Wooley e engadiu: "sempre chanceaba co ben que se lle daba berrar e morrer nos filmes".[4]

Notas editar

  1. Lee, James (25 de setembro de 2007). "Cue the Scream: Meet Hollywood's Go-To Shriek". Wired Magazine (15.10). Consultado o 4 de xaneiro de 2011 (en inglés). 
  2. 2,0 2,1 Garfield, Bob; Brooke Gladstone (30 de decembro de 2005). "Wilhelm". On the Media (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2012. Consultado o 4 de xaneiro de 2011. 
  3. Lee, Steve (3 de novembro de 2008 (en inglés)). "List of movies containing Wilhelm scream". Hollywood Lost and Found. 
  4. 4,0 4,1 Malvern, Jack (21 de maio de 20052005). "Aaaaaaaarrrrrrrrgggggghhh!!". The Times. Consultado o 12 de decembro de 2009. 
  5. Lee, Steve (17 May 2005). "The Wilhelm Scream". Hollywood Lost and Found. 
  6. "Distant Drums". Internet Movie Database (en inglés). Consultado o 05/01/2011. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar