Abrir o menú principal

Benjamin McLane Spock nado en New Haven (Connecticut) o 2 de maio de 1903 e finado en La Jolla o 15 de marzo de 1998, foi un pediatra estadounidense cuxo libro The Common Sense Book of Baby and Child Care publicado en 1946 é un dos maiores best-sellers de todos os tempos.

Benjamin Spock
Benjamin McLane Spock (1976).jpg
Nacemento2 de maio de 1903
 New Haven, Connecticut
Falecemento15 de marzo de 1998
 La Jolla
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterColumbia University College of Physicians and Surgeons, Phillips Academy e Yale School of Medicine
Ocupaciónmédico, oficial, remeiro, pedagogo, catedrático de universidade, psiquiatra, político e psicólogo
PremiosHumanist of the Year e Gandhi Peace Award
Benjamin Spock signature.svg
editar datos en Wikidata ]

A súa revolucionaria mensaxe a todas as nais era «vostede sabe máis do que cre». Spock foi o primeiro pediatra en estudar psicanálise para tratar de comprender as necesidades infantís e a dinámica familiar.[1][2] As súas ideas sobre o coidado infantil permitiron a varias xeracións de pais ser máis flexibles e afectuosos cos seus fillos, e tratalos como individuos, nun contexto en que a sabedoría tradicional propugnaba o uso da disciplina, e que por exemplo os bebés non deben ser "consentidos" alzándoos cando choran.

Spock foi ademais medalla de ouro en remo nos Xogos Olímpicos de París 1924.

Índice

TraxectoriaEditar

Nacido en New Haven, Connecticut, Spock foi motivado polos seus pais a axudar no coidado de cinco irmáns. Os seus pais eran Benjamin Ives Spock, graduado de Yale e avogado da New Haven Railroad, eMildred Louise (Stoughton) Spock.[3] O seu nome é de orixe neerlandesa; orixinalmente escribíano Spaak antes de emigrar á antiga colonia de Nova Holanda.[4]

Graduado na Universidade Yale, Spock foi membro das fraternidades Scroll and Key e Zeta Psi e deportista de remo. Como membro dunha tripulación de oito remeiros, gañou unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de París 1924, xunto a James Stillman Rockefeller, tamén membro de Scroll and Key.

Spock formouse en medicina no colexio de médicos e cirurxiáns da Universidade de Columbia en Nova York, onde se graduou coa mellor cualificación do seu curso en 1929. Fixo unha residencia no Weill Medical College da Universidade Cornell en Manhattan, e logo en psiquiatría na clínica Payne Whitney. Nesa época, casou con Jane Cheney.[5]

Durante a segunda guerra mundial prestou servizos como psiquiatra no corpo médico da reserva da armada estadounidense, licenciándose co rango de Lieutenant commander. Logo do servizo empregouse como profesor na escola de medicina da Universidade de Minnesota, na Universidade de Pittsburgh e en Case Western Reserve University.

A súa esposa axudouno a escribir Dr. Spock's Baby & Child Care, que foi publicado en 1946 por Duell, Sloan & Pearce como The Common Sense Book of Baby and Child Care. O libro vendeu máis de cincuenta millóns de copias en 42 linguas.[6][7]

En 1976 Spock contraeu un segundo matrimonio con Mary Morgan,[8] quen lle preparaba conferencias e seminarios. Construíron unha casa preto de Rogers, Arkansas, sobre un lago, onde Spock remaba no seu bote cedo polas mañás. Mary, ex-muller dun médico de Arkansas, pronto adoptou a vida de viaxes e activismo político de Spock, e foi arrestada con el varias veces por desobediencia civil. Tamén introduciu o seu marido no ioga e na dieta macrobiótica, e axudouno a revisar o seu libro en 1976, incorporando linguaxe de xénero neutral.

Spock morreu na súa residencia de La Jolla, California logo dunha longa loita contra o cancro.

LibrosEditar

En 1946, Spock publicou o seu libro The Common Sense Book of Baby and Child Care, que se converteu nun best seller. Contra 1998 vendéranse máis de cincuenta millóns de exemplares, e foi traducido a 39 linguas. Posteriormente escribiu outro tres libros sobre paternidade.

Spock apoiaba ideas sobre a paternidade que na súa época non eran ortodoxas. Co tempo os seus libros axudaron a modificar os conceptos sociais sobre o tema, e a opinión de quen se consideraban a eles mesmos como expertos. Por exemplo, os expertos adoitaban suxerir que os bebés necesitaban aprender a durmir nun horario regular, e que alzalos cando choraban soamente lles ensinaba a chorar máis e non durmir polas noites, noción derivada do condutismo. Tamén aconsellaban alimentalos nun horario preestablecido, e que alzalos, bicalos ou abrazalos non os preparaba para ser fortes e independentes nun mundo duro. Spock en cambio aconsellou os pais que visen os seus fillos como individuos, e non aplicarlles receitas filosóficas preconcibidas.

Anos despois Spock escribiu un libro titulado Dr. Spock on Vietnam e unha biografía xunto a Mary Morgan Spock, na que estableceu a súa filosofía sobre o envellecemento: «Retardar e denegar».

Durante moitos anos, Spock viviu no seu barco, Carapace, nas Illas Virxes Británicas.[9] Aos 84 anos, Spock gañou o terceiro posto no concurso de remo, cruzando catro millas (6,4 km) da canal de Sir Frances Drake entre Tortola e Norman Island en 2,5 hours.[10] Spock tivo un segundo barco chamado Turtle, no que viviu e navegou en Maine durante os veráns. Eles vivían só nos barcos, sen casa, durante máis de vinte anos. Ao final da súa vida, o seu médico Steve Pauker aconsellouno que volvese á terra. En 1992, recibiu o premio Peace Abbey Courage of Conscience no John F. Kennedy Presidential Library polo seu compromiso co desarme e a cría dos nenos.[11][12]

Polémica sobre permisividadeEditar

As ideas de Spock sobre paternidade recibiron críticas de quen vían na súa promoción de maior permisividade por parte dos pais unha relación con problemas sociais e de conduta. Norman Vincent Peale declarou a fins da década de 1960 que "os Estados Unidos están a pagar o prezo de dúas xeracións que seguiron o plan de gratificación instantánea do Dr.Spock". Antes de desdicirse por mor dunha demanda por inxurias, o Vicepresidente Spiro Agnew denunciou a Spock como o "pai da permisividade", argumentando que "Spock alentou co seu sistema de crianza a anarquía xuvenil dos anos 60".

Os seus defensores consideraron que estas críticas mostraban ignorancia sobre o que Spock escribira realmente, e que agochaban unha reacción ante o seu activismo político. O mesmo Spock na súa autobiografía aclarou que nunca apoiara a permisividade e tamén que os ataques que recibía e as acusacións de que arruinara a mocidade estadounidense aumentaron en resposta á súa oposición á guerra de Vietnam. Describía tales acusacións como ataques ad hominem, cunha motivación e natureza política que resultaban claros.[13]

Spock abordou estas acusacións no primeiro capítulo do seu libro de 1994 A Better World for Our Children:

A etiqueta de permisividade: Un par de semanas despois da denuncia por conspiración legal, e resistencia ás operacións militares, fun acusado polo reverendo Norman Vincent Peale, un ben coñecido clérigo e escritor de Nova York que apoiou a guerra de Vietnam, corruptora de toda unha xeración. Nun sermón amplamente difundido pola prensa, o reverendo Peale culpoume pola perda de patriotismo, de responsabilidade e de disciplina dos mozos que se opoñen á guerra.
Todas estas deficiencias, dixo, debéronse á miña suxestión aos pais para darlles gratificación instantánea como bebés. Fun culpado en ducias de editoriais e columnas de xornais esencialmente conservadores ao longo de todo o país, quen compartían as aseveracións de Peale.
Moitos pais detivéronme na rúa o no aeroporto para agradecerme por axudalos a criar belos nenos, e con frecuencia agregaban que non viran referencia ningunha á gratificación instantánea no libro. Contesteilles que están no certo... siempre advertín aos pais sobre manter firmeza e un claro liderado, sobre dar e recibir cortesía. Por outra banda tamén recibín cartas de nais conservadoras dicindo, en efecto que grazas a Deus nunca utilizaran o meu horrible libro, e que os seus fillos se bañaban, usaban roupa limpa e obtiñan boa cualificacións na escola.
Dado que recibín as primeiras acusacións vinte e dous anos despois de que o libro se publicou orixinariamente, e tendo en conta que os que escriben como de prexudicial é o meu libro aseguran que non o usaron nunca, penso que está claro que se trata de hostilidade cara ás miñas conviccións políticas, máis que cara á miña prédica en pediatría. E aínda que neguei as acusacións durante vinte e cinco anos, unha das primeiras preguntas que me fan os xornalistas nas entrevistas é: "Doctor Spock, aínda segue a ser permisivo?" Non se pode lidar cunha falsa acusación.
Benjamin Spock, A Better World for Our Children

IdearioEditar

Posición para durmir e síndrome de morte súbita infantilEditar

Spock aconsellou que non se colocasen os bebés de costas para durmir, comentando na edición de 1958 do seu libro que «se o neno vomita, existe a posibilidade de que se asfixie». Esta advertencia influíu moito nos servizos de saúde, con apoio case unánime ata a década de 1990.[14] Estudos empíricos posteriores, con todo, atoparon que o risco de síndrome de morte súbita do lactante se incrementa significativamente cando se deita o bebé sobre o seu abdome. Os partidarios da medicina baseada na evidencia usaron esta cuestión como exemplo da importancia que teñen os consellos médicos baseados en evidencia estatística, informando de que puideran evitarse aproximadamente 50000 mortes súbitas en Europa, Australia e os Estados Unidos se se adecuase o consello en 1970, ano en que se dispuña xa de evidencia suficiente.[15]

Circuncisión masculinaEditar

Na década de 1940, Spock foi partidario da circuncisión aplicada durante os primeiros días de vida. Non obstante, en 1989, nun artigo na revista Redbook, afirmou que "a circuncisión masculina é traumática, dolorosa e de valor cuestionable".[16] Foi o primeiro receptor do premio dos dereitos humanos do International Symposium on Circumcision (ISC) en 1991 e foi citado dicindo, "na miña propia preferencia, se tivese a boa fortuna de ter outro fillo, deixaría o seu pene tranquilo".[17]

Activismo políticoEditar

En 1962 Spock uniuse a Peace Action, (comité para unha política nuclear sa), onde actuou politicamente para pór fin á guerra de Vietnam. En 1964 el e outro catro militantes incluído William Sloane Coffin foron procesados polo fiscal xeral Ramsey Clark por cargos de conspiración e oposición á estratexia nacional. Spock e tres dos seus presuntos cómplices foron condenados a dous anos de prisión, aínda que nunca estiveran xuntos nun mesmo cuarto. A condena nunca se aplicou, foi apelada, e en 1969 un tribunal federal revogouna.

En 1967 foi nomeado como candidato a vicepresidente acompañando a Martin Luther King na Conferencia para novas políticas en Chicago. Segundo escribe William F. Pepper en Orders to kill, a conferencia foi disolta por axentes provocadores do goberno.

Spock foi candidato do People's Party nas eleccións presidenciais dos Estados Unidos de 1972, cunha plataforma que propuña atención médica gratuíta, o rexeitamento das leis de crime sen vítima, a legalización do aborto, a homosexualidade e a marihuana, un ingreso mínimo garantido para as familias, e a retirada inmediata das tropas estadounidenses de países estranxeiros.[18]

Nas décadas de 1970 e 1980 Spock ofreceu conferencias contra as armas nucleares e os recortes en axuda social do goberno.

ObrasEditar

  • Baby and Child Care (1946, con revisións na novena edición, 2012)
  • A Baby's First Year (1954)
  • Feeding Your Baby and Child (1955)
  • Dr. Spock Talks With Mothers (1961)
  • Problems of Parents (1962)
  • Caring for Your Disabled Child (1965)
  • Dr. Spock on Vietnam (1968)
  • Decent and Indecent (1970)
  • A Teenager's Guide to Life and Love (1970)
  • Raising Children in a Difficult Time (1974)
  • Spock on Parenting (1988)
  • Spock on Spock: a Memoir of Growing Up With the Century (1989)
  • A Better World for Our Children (1994)[19]
  • Dr. Spock's the School Years: The Emotional and Social Development of Children 01 Edition (2001)

NotasEditar

  1. En inglés: "you know more than you think you do".
  2. Hidalgo, Louise (23 de agoto de 2011). "Dr Spock's Baby and Child Care at 65" – vía www.bbc.co.uk. 
  3. Bart Barnes, "Pediatrician Benjamin Spock Dies", The Washington Post, 17 de marzo de 1998; páxina A01.
  4. "Benjamin Spock -New Netherland Institute". New Netherland Institute. Consultado o 22 de xuño de 2013. 
  5. Biography of Spock at drspock.com Arquivado 1 de setembro de 2010 en Wayback Machine.
  6. Pace, Eric. "Benjamin Spock, World's Pediatrician, Dies at 94". NewYorkTimes.com. New York Times. Consultado o 27 de outubro de 2016. 
  7. "Dr. Spock's baby book will endure". CNN.com. Cable News Network, Inc. Consultado o 27 de outubro de 2016. 
  8. "At 88, an Undiminished Dr. Spock". www.nytimes.com. Consultado o 29 de agosto de 2017. 
  9. "Mary Morgan: Spock's wife also caretaker". Daily Breeze (Torrance, CA). 29 de abril de 1990. 
  10. "BENJAMIN McLANE SPOCK (1903-1998) - den kontroversielle rebellen". Tidsskrift for Norsk Barnelegeforening 34 (1): 26–28. 2016. 
  11. "Recipients of the Courage of Conscience Award | The Peace Abbey FoundationThe Peace Abbey Foundation". www.peaceabbey.org (en inglés). Consultado o 29 de agosto de 2017. 
  12. Fensch, Thomas (2014). At the Dangerous Edge of Social Justice: Race, Violence and Death in America. New Century Books. 
  13. New York Times
  14. Ruth Gilbert, Georgia Salanti, Melissa Harden y Sarah See (2005). "Infant sleeping position and the sudden infant death syndrome: systematic review of observational studies and historical review of recommendations from 1940 to 2002", International Journal of Epidemiology, Oxford University Press.
  15. Australian Broadcasting Corporation. "Health Report", programa de radio. 11 de setembro de 2006
  16. Spock, B (1 de abril de 1989). "Circumcision - It's Not Necessary". Redbook. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2009. Consultado o 16 de maio de 2009. 
  17. Milos, Marilyn Fayre; Macris, Donna (marzo–abril 1992). "Circumcision: A medical or a human rights issue?". Journal of Nurse-Midwifery 37 (2 S1): S87–S96. PMID 1573462. doi:10.1016/0091-2182(92)90012-R. Consultado o 6 de abril de 2007. 
  18. RW ONLINE:Benjamin Spock y la generación sin reglas
  19. Eric Pace, "Benjamin Spock, World's Pediatrician, Dies at 94"; The New York Times, 17 de marzo de 1998.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Bloom, Lynn Z. (1972). Doctor Spock; biography of a conservative radical (en inglés). Indianapolis: The Bobbs-Merrill Company. 
  • Maier, Thomas (1998). Doctor Spock; An American Life (en inglés). Nova York: Harcourt Brace. 

Ligazóns externasEditar