Beifudi (sitio neolítico)

O lugar prehistórico de Beifudi (北福地), sito preto de Yixian, na Provincia de Hebei, China, é o sitio arqueolóxico dunha recentemente descuberta aldea prehistórica neolítica que, segundo os arqueólogos chineses, é un dos máis importantes e antigos sitios atopados desa época.[1]. As escavacións foron dirixidas por Duan Hongzhen.

Localización da provincia de Hebei na China.

Características editar

As primeiras noticias sobre a existencia dun sitio arqueolóxico en Beifudi remontan a 1985, aínda que non foi escavado até unha campaña realizada durante 2003-2004.

O sitio, cunha área de 3 ha na beira norte do río Yishui, contén artefactos dunha cultura contemporánea da Cultura de Cishan e da de Xinglongwa, datábeis arredor de -8000 / -7000, dous círculos culturais ben coñecidos, sitos ao leste das Montañas Taihang, e que enche un baleiro arqueolóxico entre ambas as dúas culturas do norte da China. A área total escavada é de máis de 1200 m². A colección de achados neolíticos do sitio pode ser datada en dúas fases.[1]

Este sitio arqueolóxico foi votado na xuntanza anual dos arqueólogos chineses como o primeiro entre os dez máis salientables dos lugares descubertos no ano 2004.[2]

Achados editar

O descubrimento máis significativo das escavacións da primeira fase, cunha cronoloxía de -8000 / -7000, foi o elevado número de máscaras de cerámica, con formas humanas e de animais, as máis antigas atopadas en escavacións até agora. En Beifudi foron desenterradas unha ducia de carantoñas con rostro humano, de gato, de macaco e de porco. Unha das caretas humanoides ten o nariz e a boca realizada en baixorrelevo, é dicir relevo tipo exciso, entanto os ollos son realizados polo método de perfurado. Tal descubrimento, inédito en xacementos desta época, e que son dos primeiros artefactos de barro con gravados efectuados por excisión, engade varios milenios á historia chinesa do baixorrelevo.[2]

Eses artefactos, xunto coas plataformas elevadas, ou altares, atopadas, poden fornecer información sobre da relixión primitiva e das prácticas xamánicas da China Setentrional.[3][4] Aínda que as crenzas desas xentes neolíticas non son coñecidas, os chineses primitivos efectuaban sacrificios rituais e cremación de cadáveres (fanyi) sobre plataformas elevadas. Atopáronse tanto enterramentos de humanos como de animais. Cóidase que as máscaras formaban parte dos ritos a realizar durante os sacrificios e os enterramentos.[5]

Os obxectos atopados nas escavacións, correspondentes á segunda fase cronolóxica, datábel entre -7000 / -6500, comprenden cerámica e artefactos líticos. A cerámica está formada por recipientes fu de fondo redondo, recipientes asentables, e máis concas bo, así como potes con dupla asa de boca pequena.[1] Os arqueólogos tamén desenterraron os restos de dez cubertas de vivendas semisubterráneas, que estaban concentradas nunha parte do sitio, e nas que aparece unha disposición sistemática, coa cociña e áreas de xuntanza no centro dos habitáculos. Entre os artefactos achados nestas vivendas inclúense bloques de pedra, materiais de construción e pedazos de cerámica rota. Tamén se encontraron pozos de cinzas, lugares de sacrificio, pezas de xade e así mesmo máscaras, con baixorrelevos, de cerámica, moi ben conservadas.[6]

Conclusións editar

Baseándose en datos arqueolóxicos, xeolóxicos e antropolóxicos, os actuais investigadores ven as orixes da Civilización chinesa como a historia das interaccións entre culturas e grupos étnicos moi diferentes que influenciaron o desenvolvemento duns e doutros. Como o sitio de Beifudi atópase na China do Norte, onde o clima é máis seco que na do Sur, é verosímil que a cultura do lugar cultivase paínzo, aínda que non se atopou ningunha evidencia directa de tal feito. O achado de ferramentas de pedra para procesar os alimentos non é unha proba fiable de que a cultura de Beifudi desenvolvese a agricultura, xa que tales instrumentos foron usados desde antes de que aparecese o cultivo.[7]

A importancia do sitio prehistórico de Beifudi asenta no seu potencial para fornecermos información arqueolóxica acerca das crenzas e das prácticas cerimoniais desta primitiva cultura, a través dos antiquísimos artefactos con baixorrelevos aquí atopados, así como datos para comprendermos mellor os comezos da arquitectura chinesa.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "New Archaeological Discoveries and Researches in 2004 -- The Fourth Archaeology Forum of CASS". Institute of Archaeology - Chinese Academy of Social Sciences. Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2011. Consultado o 2007-09-18. 
  2. 2,0 2,1 "Top Ten Archaeological Discoveries of 2004". chinatoday.com. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2008. Consultado o 2007-09-18. 
  3. "Prehistoric Site at Beifudi, Yixian County, Hebei Province.". china.org.cn. Consultado o 2007-09-18. 
  4. "Beifudi prehistoric site, Yixian county, Hebei province Date: neolithic". chinaheritagenewsletter. Arquivado dende o orixinal o 30 de agosto de 2007. Consultado o 2007-09-18. 
  5. Lui Xujie. Chinese Architecture. The Origins of Chinese Architecture. Yale University Press, 2002. páxs. 16-18. ISBN 0-300-09559-7
  6. "Ruins of prehistoric village discovered in N. China". People's Daily Online. Consultado o 2007-09-18. 
  7. Patricia Ebrey. The Cambridge Illustrated History of China. Cambridge University Press, 2006. páxs. 12-18. ISBN 0-521-43519-X

Ligazóns externas editar