Beggiatoa é un xénero de bacterias da orde Thiotrichales. Recibe o seu nome polo médico e botánico italiano F. S. Beggiato. Estes microorganismos viven en ambientes ricos en xofre. O botánico ruso Sergei Winogradsky, durante as súas investigacións no laboratorio de botánica de Anton de Bary en 1887, descubriu que Beggiatoa oxidaba sulfuro de hidróxeno (H2S) como fonte de enerxía, formando pinguiñas de xofre intracelular. Winogradsky denominou esta forma de metabolismo inorgoxidación[1] (oxidación de compostos inorgánicos). Este descubrimento representou o primeiro caso descrito de litotrofia.[2][3]

Hábitat

editar

Beggiatoa pode atoparse en ambientes mariños e de auga doce. Poden xeralmente atoparse en hábitats que teñen altos niveis de sulfuro de hidróxeno. Estes ambientes inclúen emanacións frías hidrotermais mariñas, fontes sulfurosas, auga contaminada por verteduras residuais, capas de lodo, e nas proximidades de chemineas hidrotermais profundas. Beggiatoa pode tamén encontrarse na rizosfera de plantas de pantanos.[4][5]

Morfoloxía

editar

As células de Beggiatoa son incoloras e discoidais ou cilíndricas, e dispóñense en longos filamenos cun diámetro celular entre 12 e 160 micrómetros (segundo as distintas subespecies). Utilizan un vacúolo central masivo para acumular nitrato, que seguramente usan como aceptor de electróns na oxidación anaerobia do sulfuro.[4] Os filamentros están rodeados por un limo e poden moverse escorregando.

Metabolismo

editar

Beggiatoa pode crecer de modo quimioorganótro ou heterótrofo oxidando compostos orgánicos a dióxido de carbono en presenza de oxíxeno, aínda que as altas concentracións de oxíxeno poden ser un factor limitante. Os compostos orgánicos son tamén a fonte de carbono para a biosíntese. Algunhas especies poden oxidar o sulfuro de hidróxeno a xofre elemental como unha fonte suplementaria de enerxía (facultativamente lito-heterótrofa). O xofre producido é almacenado intracelularmente.[6]

Algunhas especies teñen a capacidade de crecemento quimiolitoautótrofo por medio da oxidación do sulfuro para obter enerxía e usando o dióxido de carbono como fonte de carbono para as biosínteses. Neste metabolismo o nitrato almacenado internamente é o aceptor de electróns e é reducido a amoníaco.

Oxidación de sulfuro:   2H2S + O2 → 2S + 2H2O

As especies de Beggiatoa autótrofas mariñas poden oxidar o xofre intracelular a sulfato.[6]

Un mecanismo que se dá frecuentemente cando falta o oxíxeno é a redución do xofre elemental. O xofre redúcese a sulfuro a costa do carbono almacenado ou ao engadir gas hidróxeno. Isto pode ser unha estratexia de supervivencia para pasar os períodos sen oxíxeno.[6]

Ecoloxía

editar
 
Tapete bacteriano de Beggiatoa na dorsal de Blake (nas costas atlánticas do leste de Norteamérica).

Os filamentos poden formar densos tapetes sobre os sedimentos dos ambientes de estuarios, plataformas continentais, emanacións de augas mariñas, e chemineas hidrotermais. Teñen o aspecto de capas abrancazadas e, ao estaren presentes en abundancia en ambientes mariños que foron polucionados, poden considerarse unha especie indicadora.

Beggiatoa e outras bacterias filamentosas poden causar problemas de depósitos indesexados en plantas de tratamento de augas residuais, lagoas de almacenamento de residuos industriais en plantas conserveiras, de pasta de papel, destilerías ou fundicións, causando un fenómeno chamado "bulking". As Beggiatoa poden tamén detoxificar solos contaminados por sulfuro de hidróxeno.

Taxonomía

editar

O xénero Beggiatoa está estreitamente emparentado con Thioploca.[4]

  1. Lars G. Ljungdahl, Michael W. Adams, Larry Barton, James G. Ferry, Michael K. Johnson. Biochemistry and Physiology of Anaerobic Bacteria. Google books. [1]
  2. Ljungdahl LG (2003). Biochemistry and physiology of anaerobic bacteria. Springer. p. 17. ISBN 978-0-387-95592-6. 
  3. Mukhopadhyaya PN, Deb C, Lahiri C, Roy P (Aug 2000). "A soxA gene, encoding a diheme cytochrome c, and a sox locus, essential for sulfur oxidation in a new sulfur lithotrophic bacterium". J Bacteriol 182 (15): 4278–87. PMC 101942. PMID 10894738. doi:10.1128/JB.182.15.4278-4287.2000. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Ahmad A, Barry JP, Nelson DC (Jan 1999). "Phylogenetic affinity of a wide, vacuolate, nitrate-accumulating Beggiatoa sp. from Monterey Canyon, California, with Thioploca spp.". Appl Environ Microbiol 65 (1): 270–7. PMC 91012. PMID 9872789. 
  5. Michael Dudley. "Beggiatoa". Arquivado 07 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
  6. 6,0 6,1 6,2 Schmidt TM, Arieli B, Cohen Y, Padan E, Strohl WR (Dec 1987). "Sulfur metabolism in Beggiatoa alba". J Bacteriol 169 (12): 5466–72. PMC 213973. PMID 3316186. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar