Aparato dixestivo (insectos)
O aparato dixestivo ou canle alimenticia dos insectos é un conduto, xeralmente algo enrolado que se estende desde a boca ao ano. Divídese en tres rexións: o estomodeo, o mesénteron e o proctodeo. Cada unha destas tres rexións pode estar subdividida en subrexións. Separando estas rexións hai válvulas e esfínteres que regulan o paso do alimento dunha a outra.[1][2]
Estomodeo
editarA parte anterior do tubo dixestivo comenza na boca onde se encontran as pezas bucais que varían nas diferentes ordes de insectos e que adoitan presentar diferenzas profundas entre a larva e o adulto. O estomodeo xeralmente diferénciase en farinxe (dentro da mesma boca), esófago (un tubo delgado que se estende despois da farinxe), boche (un alargamento na parte final do esófago) e os proventrículos. Despois encóntrase a válvula estomodeal que regula o paso de alimentos e de zumes dixestivos do estomodeo ao mesénteron.
O interior do estomodeo está cuberto dunha membrana relativamente grosa, feita de cutícula, que ás veces ten pregamentos e proxeccións ou ben sedas ou espículas. É substituído en cada muda.
A parte anterior do estomodeo posúe músculos dilatadores. Estes músculos están máis desenvolvidos na rexión farínxea de insectos chuchadores nos que a farinxe funciona como unha bomba.
Glándulas labiais
editarA maioría dos insectos posúe un par de glándulas debaixo da parte anterior da canle alimenticia. Os condutos destas glándulas esténdense cara a adiante e únense nun conduto común que se abre preto da base do labio ou da hipofarinxe. Xeralmente coñécense co nome de glándulas salivais mais non sempre segregan saliva. É máis axeitado chamarlles glándulas labiais. Xeralmente hai un ensanchamento do conduto de cada glándula que serve de reservorio da secreción. As glándulas labiais das larvas de Lepidoptera e Hymenoptera segregan seda que é utilizada na elaboración de casulos ou de refuxios. Noutros insectos as glándulas labiais segregan veleno.
Mesénteron
editarO intestino medio ou mesénteron é un saco alongado de diámetro xeralmente uniforme. Ás veces subdivídese en dúas ou máis partes. Adoita presentar divertículos (os cegos gástricos) que normalmente se atopan preto da parte anterior do mesénteron.
O intestino medio non ten cutícula, nin tampouco segrega moco para lubricar a comida e protexer as células epiteliais. En cambio, as células epiteliais segregan unha fina membrana de quitina e proteína, chamada membrana peritrófica a cal impide que os alimentos entren en contacto directo coas células epiteliais. Esta membrana é permeable, permitindo o paso de encimas dixestivos nunha dirección e dos produtos da dixestión na dirección oposta. Despréndese, envolve unha porción dos alimentos e é eliminada cos produtos dixestivos.
O epitelio do mesénteron é máis groso que o doutras porcións do tubo dixestivo e ten irregularidades e proxeccións dixitiformes. O mesénteron está rodeado dunha capa muscular máis fina que a do estomodeo.
Proctodeo
editarA parte final do intestino esténdese desde a válvula pilórica ata o ano. A parte posterior está sostida por músculos que se insiren nas paredes abdominais. Pódense diferenciar polo menos dúas partes no proctodeo: o intestino anterior e o recto. O intestino anterior pode ser un simple tubo ou estar subdividido en íleo e colon. Os tubos de Malpighi que teñen función excretora desembocan na parte anterior do proctodeo.
O proctodeo está cuberto de cutícula igual que o estomodeo, mais esta é máis fina e permeable á auga.
O aparato dixestivo dos insectos presenta gran variación dentro deste plan xeral. Os adultos de certas especies de insectos viven moi pouco tempo e non se alimentan; por tanto, carecen de aparato dixestivo, por exemplo as efémeras e certas avelaíñas nocturnas, tales como os (satúrnidos) e as couzas da roupa (membros da familia Tineidae). As larvas de moitas especies teñen unha alimentación totalmente diferente á dos adultos. O aparato dixestivo está adaptado a este fin e pode presentar profundas diferenzas co do adulto.
Cámara de filtración
editarMoitos hemípteros teñen unha modificación da canle alimenticia coñecida como a cámara de filtración que serve para extraer auga dos alimentos que chegan ao estomodeo. Consiste de dúas partes sostidas por tecido conectivo, a parte posterior do mesénteron e a parte anterior do proctodeo. Serve para eliminar o exceso de auga que entra cos alimentos en insectos chuchadores.
Notas
editar- ↑ NC state University (ed.). "General Entomology – Digestive and Excretory system". Consultado o 3 de maio de 2009.
- ↑ Borror, D. J., DeLong, D. M., Triplehorn, C. A.(1976) 4ª edición. An introduction to the study of insects. Holt, Rinehart and Winston. New York, Chicago. ISBN 0-03-088406-3