Pica das árbores

(Redirección desde «Anthus trivialis»)

A pica das árbores,[2][3] Anthus trivialis, é unha especie de ave da orde dos paseriformes e familia dos motacílidos, unha das numerosas comprendidas no xénero Anthus.[4]

Pica das árbores
Anthus trivialis


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Motacillidae
Xénero: Anthus
Especie: A. trivialis
Nome binomial
Anthus trivialis
(Linnaeus, 1758)
     Cría      Cría de A. t. haringtoni      Paso      Inverno

     Cría      Cría de A. t. haringtoni      Paso      Inverno


     Cría      Cría de A. t. haringtoni      Paso      Inverno
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

É un paxaro típico dos bosques, que cría en Eurasia e hiberna en África.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1758 por Linneo na páxina 166 do volume 1º do seu Systema Naturae, baixo o nome de Alauda trivialis.[4]

Sinónimos editar

Ademais do nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[4]

  • Alauda trivialis Linnaeus, 1758 (protónimo)
  • Anthus arboreus Bechstein 1856

Subespecies editar

Recoñecense dúas subespecies:[4]

  • Anthus trivialis haringtoni Witherby, 1917
  • Anthus trivialis trivialis (Linnaeus, 1758)

Anthus trivialis haringtoni, cría na zona do Himalaia, e diferénciase da subespecie tipo Anthus trivialis trivialis, polo peteiro, de base máis ampla.

Dentro da subespecie tipo hai diferenzas na cor da plumaxe, aínda que sexan tan escasas que non permiten falar de subespecies distintas.

Características editar

Mide uns 15 cm de lonxitude, aproximadamente o tamaño dun estorniño. Ser máis esvelto e lanzal cos estorniños faino parecer meirande. Na época de cría pesan entre 22 e 24 gramos, a comezos do outono pesan algo máis. Un exemplar ben mantido pode pesar 30 gramos, e cando volven da migración africana poden chegar a pesar só 16 gr.

Os sexos non amosan diferenzas de plumaxe. A parte superior do corpo é verde oliva con raias negras: a inferior varía da cor crema á amarelada, con moitas raias no peito e nos flancos. As plumas remeiras exteriores son parcialmente brancas e as cobertoiras son claras. A cola sobresae das ás uns 3,5 cm cando a ave está pousada.

Sobre dos ollos ten unha raia clara, non sempre visible. O iris dos ollos é castaño escuro. O anel ocular é da cor da crema. A parte superior do bico é marrón moi escura; a inferior empeza co mesmo ton na punta e vaise aclarando cara á base, acabando por ser amarelada ou cor carne, coma as patas.

O unlla do dedo posterior das patas é moi curva e mide ata 7 ou 10 mm, nunca máis longo có dedo posterior. Noutras especies similares a unlla é máis longa e menos curvada.

Canto editar

Só se escoita cantar en días de bo tempo. Se chove, trona ou vai frío non saen da vexetación mesta no chan. Nos días bos empeza xa o seu rechouchío cando sae o sol. O canto, alto e melódico, serve principalmente para marca-lo territorio. Empeza a cantar pousado no bico dunha árbore, ou ás veces no chan. Despois bota a voar cun pulo e cando chega ó punto máis alto do seu voo (10 a 30 metros), volve a cantar e despois duns segundos regresa a gran velocidade cara ó punto de partida. A frecuencia desta acción depende da época do ano, do tempo, da presenza dun rival e de se está emparellándose. Os machos sen parella que defenden un territorio poden repetilo con intervalos de entre 2 e 6 minutos.

Dispón ademais dun repertorio de sons que utiliza como signos de contacto ou ameaza.

Distribución editar

Zona de cría editar

Cría en Eurasia. Polo norte a área de cría acada os 68 graos norte en Europa e os 65 en Asia central. Polo oeste falta en Islandia e Irlanda. Polo sur chega ó norte de España, falta nas illas do Mediterráneo e no sur de Grecia. En Asia non cría ao sur do meridiano 50. A súa area de cría cobre en total uns 14 millóns de quilómetros cadrados.

Área de invernada editar

É unha ave migratoria de longa distancia. Migran en territorios tan o sur coma o norte de Suráfrica e o Transvaal. Os exemplares asiáticos pasan o inverno no sur dese continente, en especial na India, Bangladesh, Paquistán, Afganistán e na península Arábiga e Turquía.

Poboación editar

En Europa a poboación reprodutora estímase entre 26,9 e 38,1 millóns de parellas, o que equivale a de 53,8 76,2 millóns de individuos maduros. A poboación europea constitúe aproximadamente o 50 % da global, polo que unha estimación moi preliminar do tamaño da poboación mundial é de 107 a 153 millóns de individuos maduros, aínda que é necesaria unha validación adicional desta estimación. En Europa, as tendencias entre 1980 e 2013 mostran que as poboacións sufriron un descenso moderado.[1]

Hábitat editar

Durante a época reprodutora precisan zonas nas que haxa a un tempo árbores altas ou mato e zonas soleadas con herba mesta. Non teñen, como se pensou noutro tempo, preferencia polas especies caducifolias. Ademais de en bosques raros, viven tamén en uzais, viñedos e pantanos que lles ofrezan árbores dabondo. Prefiran zonas expostas ó sol. As zonas de máis abundancia da especie coinciden de herba e vexetación baixa mestas. Nos Alpes cría ata os 2300 metros de altura e téñense detectado casos de exemplares que criaron a alturas de 4.200 metros sobre o nivel do mar.

Durante a viaxe de migración aparecen con máis frecuencia en terras de cultivo que teñan vexetación na que agacharse. Nas restrebas buscan as zonas preto do mato.

No inverno busca tamén áreas abertas ou semiabertas que teñan árbores preto, polo que pode atoparse nas beiras dos bosques ou nos claros do bosque tropical chuvioso.

Alimentación editar

Comen case exclusivamente os insectos, en especial escaravellos. En menor cantidade comen pulgóns, larvas de bolboretas, saltóns e arácnidos. Estas preferencias poden modificarse en caso dunha grande abundancia dunha especie. Nos cuarteis de inverno a dieta non varía, aínda que a complementan con térmites. Beben, en xeral, aproveitando as pingas de auga que atopan nas plantas. É raro velas en zonas de augas abertas.Capturan as presas tanto nas árbores coma entre a vexetación baixa. Aínda que non hai estudos definitivos, crese que máis das súas capturas as fai no chan.

Cando procura comida camiña coa cola en liña co corpo a cabeza e o colo vanse inclinando a ritmo cos seus pasos. Pilla as presas do chan ou das plantas. Nas árbores camiña ó longo das pólas, en xeral dende o tronco cara a fora. Caza non só dentro do seu territorio, senón tamén en áreas veciñas, que son decote usadas por máis dun exemplar.

Reprodución editar

Área de cría editar

A área de cría esténdese desde Galicia e Inglaterra até o Himalaia e a conca media do río Lena.[5]

Territorialidade editar

Entre as primeiras aves en regresar das áreas de invernada predominan os machos adultos (volven sempre os sitios nos que naceron) que comezan inmediatamente a buscar un territorio de cría. O tamaño deste depende da abundancia de alimentos e pode ocupar entre 0,3 e 2,5 hectáreas. Os machos que chegan primeiro ocupan territorios grandes que se ven reducidos pola presión dos que van chegando máis tarde.

 
Ovos de Cuculus canorus (esquerda) e Anthus trivialis (dereita)
 
Anthus trivialis trivialis

O canto serve para marca-los límites territoriais. Macho e femia defenden o territorio de cría dos intrusos. As parellas veciñas evitan a confrontación e se teñen que atravesar territorios doutros, fano voando. Cando un macho entra nun territorio xa ocupado e recibido cun canto de ameaza e se persiste cun voo de aproximación, os enfrontamentos directos son moi raros. Neses casos golpéanse coas ás o bico e as garras. Os machos expulsan do territorio de cría mesmo as femias alleas, aínda que actuando con menor intensidade. As femias axudan ocasionalmente ó macho e defenden o territorio cando este non está. Ó contrario ca estes non deixan oír ningún canto.

O niño editar

Fan o niño, de pallas e musgo, no chan, agochado entre a herba ou entre arbustos. Poñen uns cinco ovos de cor e manchas moi variables, en xeral branco agrisados con manchas acastañadas. Crían dúas niñadas. Os ovos chócaos a femia uns 10 ou 11 días. Ámbolos dous pais alimentan os pitos 12 ou 14 días. Os polos marcha do niño antes de poderen voar e agáchanse nas herbas dos arredores.

Ameazas editar

Os declives locais nas súas poboacións atribuíronse á natureza cambiante dos seus hábitats, como no norte e centro de Europa, onde as plantacións envellecidas son cada vez máis inadecuadas para a especie, pero recoloniza rapidamente cando se talan as masas maduras.[6] Non hai ameazas aparentes nas áreas de invernada africanas.[7]

Estado de conservación editar

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), tendo en conta que esta especie ten unha área de distribución extraordinariamente grande e que, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel segundo o criterio de tamaño da área de distribución, e a extensión e calidade do seu hábitat, a pesar de que a tendencia da poboación parece ser decrecente, non se cre que o descenso sexa o suficientemente rápido como para achegarse aos limiares de vulnerábel baixo o criterio de tendencia da poboación. O tamaño da poboación é extremadamente grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel segundo o criterio de tamaño da poboación, polo que a especie é avaliada como LC (pouco preocupante).[1]

En Galicia editar

Anthus trivialis ocupa gran parte do territerio galego, faltando nunha ampla área central, probabelmente debido a deficiencias na prospección. Con todo, faise máis escaso cara ao sur, onde se atopa o límite meridional da súa área de distribución. Encóntrase nos lindes arbóreos de pastos e cultivos. O paso prenupcial, pouco notorio, prodúcese desde finais de xaneiro ou principios de febreiro, e o postnupcial entre primeiros de setembro e finais de outubro. As súas principais amezas en Galicia son a deforestación por incendios, as tallas e a concentración parcelaria.[2]

Galería de imaxes editar

Nome común noutras linguas editar

  • Alemán: Baumpieper
  • Búlgaro: Gorska bibritsa
  • Galés: Corhedydd y Coed
  • Inglés: Tree Pipit
  • Finlandés: Metsäkirvinen
  • Francés: Pipit des arbres
  • Húngaro: Erdei pityer
  • Italiano: Prispolone
  • Neerlandés: Boompieper
  • Noruegués: Trepiplerke
  • Polaco: Świergotek drzewny
  • Sueco: Trädpiplärka

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2018): Anthus trivialis na Lista vermella da UICN. Versión 2021-3. Consultada o 11 de decembro de 2021.
  2. 2,0 2,1 VV.AA. 1995, p. 482.
  3. Conde Teira, M. A. (1999): "Lista de nomes galegos para as aves ibéricas" Chioglossa 1: 121-138.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Anthus trivialis (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consultado o 11 de decembro de 2021.
  5. Bernis, F. (1971): "Aves migradoras ibéricas". Vol. II, Fascículos 7-8. Madrid: Sociedad Española de Ornitología.
  6. Hagemeijer, E. J. M. & Blair, M. J. (1997): The EBCC atlas of European breeding birds: their distribution and abundance. London: T. and A. D. Poyser. ISBN 978-0-8566-1091-2.
  7. Tyler, S. (2016): "Tree Pipit (Anthus trivialis). In: J. del Hoyo, A. Elliott, J. Sargatal, D. A. Christie and E. de Juana, eds. Handbook of the Birds of the World Alive. Volume 9. Cotingas to Pipits and Wagtails. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-8733-469-6.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar