Antonio Vila Nadal

naturalista español
(Redirección desde «Antón Vila Nadal»)


Antón Vila Nadal, tamén referido como Antonio Vila Nadal e Antoni Vila i Nadal,[1] nado en Barcelona en 1861 e finado ibídem en 1941, foi un biólogo que estudou en Cataluña e Madrid e desenvolveu a súa vida profesional en Galiza. Salientable investigador e pedagogo, deixou escritas un bo número de obras sobre temas relacionados coa Historia natural. Creou varias revistas de divulgación científica, construíu e exhibiu un acuario ambulante e participou na polémica darwinista da época.

Infotaula de personaAntonio Vila Nadal
Biografía
Nacemento1861 Editar o valor em Wikidata
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Morte1941 Editar o valor em Wikidata (79/80 anos)
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Central - ciencias naturais (–1886) Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónnaturalista , divulgador científico , profesor universitario , biólogo Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Barcelona, catedrático de universidade (1912–)
Universidade de Salamanca, catedrático de universidade (1904–)
Universidade de Santiago de Compostela, catedrático de universidade (1900–1904)
Universidade de Granada, catedrático de universidade (1899–1900)
Universidade de Santiago de Compostela, Q6087445 Traducir (1887–) Editar o valor em Wikidata
Membro de
ProfesoresJaime Almera Comas (en) Traducir e Ignacio Bolívar y Urrutia Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosAvemaría Vila Coro Editar o valor em Wikidata

Estudos e actividade docente editar

Foi alumno do naturalista Jaume Almera, Iniciou os estudos universitarios en Ciencias Naturais en Barcelona e rematounos na Universidade Central de Madrid, onde foi alumno do científico institucionista (Institución Libre de Enseñanza) Ignacio Bolívar. Ao rematar os estudos pasou á Universidade de Santiago de Compostela como profesor de Historia natural, introducindo as teses darwinistas no seu ensino.[2] Logo obtivo a cátedra da Universidade de Granada, que permutou para leccionar de novo en Compostela, e antes de xubilar foi profesor tamén en Salamanca e Barcelona. O seu compañeiro Marià Faura, sacerdote secularizado e catedrático, foi depurado na Guerra civil, e Vila Nadal fuxiu de Barcelona e entregouse ás autoridades franquistas en 1937.

Darwinismo e polémicas relixiosas editar

Publicou en 1894 El Evolucionismo ortodoxo, dedicado a Eugenio Montero Ríos e tratou de defender un evolucionismo compatíbel coa ortodoxia católica, porén en Santiago recibiu por iso descualificacións e foi duramente criticado pola censura eclesiástica.[2] Tanto é así que impediron que vise a luz; e coñécese parte do seu contido polos textos que reproduciu, anos despois, en La Propaganda Científica. No debate sobre a relación entre a Ciencia e a Relixión defendeu, tamén, teses concordistas, tentando conciliar o dogma católico cos avances científicos propoñendo a autonomía do discurso científico.

Participou activamente nas diversas polémicas sobre cuestións filosóficas relacionadas coa Ciencia. En xeral, as súas posicións destacan polo eclecticismo, representando a peculiar e nova defensa dun positivismo católico.

A súa pedagoxía caracterizouse polo ensino activo cunha visión moderna do seu quefacer, con fincapé na realización de excursións e de clases prácticas.

Esforzos por fundar a Estación de Bioloxía mariña editar

Vila tentou persistente e infrutuososamente, crear unha estación de bioloxía mariña galega. Xa en 1886, no Congreso de Agricultura e Pesca da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago sinalou a importancia dos laboratorios biolóxicos e pediu que o proxectado polo Goberno se instalase en Galiza. En 1888 pretendeu crear a Estación Zoológica de Barcelona aproveitando a Exposición Universal dese ano. Construíu un acuario, que puido ser xerme desa e impartiu unha conferencia no Ateneo co título "El Congreso internacional de Ciencias Naturales y su influencia en la estación zoológica de Barcelona".[3] A exposición obtivo un premio, pero non conseguiu o seu obxectivo principal.

En 1890, tras o fracaso de Barcelona, pasou a propoñer a creación dunha única Estación biolóxica galega, situada en Carril. No folleto Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa (Vila Nadal, 1892)[4] explicou os detalles e expuxo amplamente as súas ideas sobre a Estación.

Vila necesitaba unha contribución económica inicial, pero foi comprobando como ninguén lle prestaba ese apoio. Queixouse da desatención do Goberno, pero tamén salientou o desinterese dos representantes económicos e institucionais galegos. Tras múltiples intentos e xestións, con pequenos cambios no proxecto, no ano 1900 os reis españois colocan en Carril a primeira pedra da Estación. Ao abeiro da reforma do Museo de Ciencias Naturais pretendía crearse o establecemento, dependente da universidade compostelá e ao cargo do catedrático de Historia Natural, pero tres anos despois a estación seguía en proxecto. Non sería até 1952, que se creou o Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo.[5] Moi posteriormente creáronse entes públicos como o Centro de Control do Medio Mariño (CCMM), o CIMA ou o INTECMAR e en 1988-90 o IGAFA.

Escaso labor experimental editar

Como aconteceu con moitos dos científicos do ámbito institucional, Vila levou a cabo unha limitada investigación científica orixinal. Entre elas elaborou La Morfogenía en la Biología en 1898. Na portada recolle a frase que sintetiza a tese do traballo: “La vida orgánica es la resultante de las fuerzas mecánicas de las especies químicas que integran el ser: La misma resultante modela la estructura y ésta determina la forma en los seres vivientes”.[6]

Asumindo unha posición mecanicista, pretende abordar as relacións entre a composición química e as formas dos seres vivos; rexeita o que considera o afastamento entre diversas ciencias, entre a Química e a Historia Natural. A parte experimental/práctica é restrinxida a unha serie de preparacións microscópicas e fotografías das mesmas.

Notas editar

  1. "“PER DÉU I PER LA CIÈNCIA”. L’ESGLÉSIA I LA CIÈNCIA A LA CATALUNYA DE LA RESTAURACIÓ (1874-1923)" (PDF). Universitat de Girona. Consultado o 24-1-2022. 
  2. 2,0 2,1 "Antonio Vila Nadal no Álbum da ciencia". consellodacultura.org. Consultado o 2022-01-24. 
  3. "Os-intentos-de-vila-nadal-para-crear-unha-estacion-de-bioloxia-marina-nas-costas-galegas". Consultado o 24-1-2022. 
  4. Vila Nadal, Antonio (1892). Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa. Santiago: [s. n.] 
  5. "Historia". Instituto de Investigacións Mariñas (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2022. Consultado o 2022-01-24. 
  6. "Antonio Vila Nadal no Álbum da ciencia". culturagalega.gal. Consultado o 2022-01-24. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2003). Historia da Universidade de Santiago de Compostela 2. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-9750-269-8.
  • Calvo i Calvo, Lluís (1997). Historia de la antropología en Cataluña (en castelán). Madrid: CSIC. ISBN 84-00-07677-X.
  • González-Bueno, Antonio; Gomis, Alberto (2005). «Spanish naturalists and natural history societies in the process of colonisation in Morocco (1859–1912)». Archives of Natural History (en inglés) (Londres: Society for the History of Natural History) 32 (1): 80-91. ISSN 0260-9541.
  • Ossorio y Bernard, Manuel (1903). «Vila Nadal (A.)». Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX. Madrid: Imprenta y litografía de J. Palacios (en castelán).
  • Pelayo López, Francisco (1999). Ciencia y creencia en España durante el siglo XIX: la paleontología en el debate sobre el darwinismo. (en castelán). Madrid: CSIC. ISBN 84-00-07849-7.

Ligazóns externas editar