Ano cero

Ano
(Redirección desde «Ano 0»)

O ano cero é inexistente tanto no calendario gregoriano coma no xuliano, dado que o ano 1 a.C. precede inmediatamente ao 1 d.C.[1]

Orixe da situación actual editar

Os historiadores adoptaron esta convención, que fora proposta por Beda no ano 731 na Historia ecclesiastica gentis Anglorum ("Historia eclesiastica do pobo inglés"). Beda non usou o cero porque os anos non se contan desde 0 senón a partir do 1. Coñecía ben o número cero, porque foi a primeira epacta do ciclo de 19 anos utilizada para calcular a data da Pascua, tal e como explicou no seu De temporum ratione ("Acerca do cálculo do tempo", 725). A palabra latina nullae, que significa 'nada', utilizouse para nomear esta epacta, mentres que o resto foron numeradas con números romanos.

O ano cero é un concepto delimitador, non aglutinador.

Uso ordinal nas unidades de tempo editar

O sistema de numeración das unidades de tempo é ordinal, non cardinal. Cando contamos as horas, os días, as semanas ou os séculos, estamos a usar ordinais. En efecto, cal sería o día cero da semana ou a semana cero do mes? Nunha lista ordenada, non hai cero; hai primeiro, segundo, terceiro etc. O tempo é un concepto esencialmente secuencial e, por tanto, ordenado. Cando falamos da hora 0, entendemos que é o momento no que empeza a primeira hora do día (mais non dura 60 minutos). Do mesmo xeito, o día 0 é o momento en que empeza o primeiro día dun período (mais non dura 24 horas) e o ano 0 é o momento en que empeza o primeiro ano dunha época (mais non dura 365 días).

Calendario xuliano proléptico: pros e contras editar

O ano cero foi introducido polos astrónomos para normalizar a cronoloxía atendendo aos seus propios criterios e o calendario que o emprega denomínase Calendario xuliano proléptico. Esta decisión implicou un desfase no anos anteriores: de modo que o ano 0 sería o ano actual 1 a.C., o ano 1 a.C. sería o ano actual 2 a.C. etc. Porén existen diversas razóns a favor ou en contra para o seu uso.

Razóns a prol editar

A razón pola que se defende o uso do ano 0 é que facilita os cálculos do mesmo xeito que en calquera sistema de medida como o sistema métrico. Unha persoa nada no ano 3, tivo 1 ano no 4; pode calcularse cunha simple resta: 4 - 3 = 1 (ano maior menos ano menor). Do mesmo xeito, unha persoa nada no ano 3 a.C., tivo 1 ano no 2 a.C.; pode calcularse tamén cunha simple resta considerando os anos AEC como números negativos (neste caso, debe terse en conta que -2 > -3): -2 - (-3) = 1. Co actual sistema de numeración, unha persoa nada no ano 1 a.C., tivo 1 ano no 1; mais non pode calcularse cunha simple resta: 1 - (-1) = 2.

Razóns en contra editar

As razóns polas que se defende a conservación do sistema actual son evitar a posíbel confusión coas datas históricas a.C. nas numerosas obras publicadas até hoxe así como a incoherencia que provocaría coas outras unidades temporais antes citadas que obrigaría a ter tamén a hora 0, o día 0 da semana, o século 0 etc. Resulta máis fácil considerar que estamos a empregar un sistema ordinal de numeración. De feito, ao dicir "no século V" (no século quinto), estamos a utilizar o ordinal.

Notas editar

  1. Nunes Marques, Manuel. "Origem e evolução do nosso calendário" (en portugués). Consultado o 26 de febreiro de 2017. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar