Andoriña dáurica

A andoriña dáurica (Hirundo daurica, para outros autores Cecropis daurica) é un pequeno paxaro da familia das andoriñas. Habita nos países de clima temperado do sur de Europa e Asia, desde a Península Ibérica no oeste ata Xapón no leste, chegando á África tropical polo sur. Os exemplares indios e africanos son residentes, pero as andoriñas europeas e doutras partes de Asia son migratorios, invernando en África e na India.

Características editar

 
Cecropis daurica.

As andoriñas dáuricas son similares en costumes e aparencia a outras especies da orde dos Apodiformes. As partes superiores da cabeza, dorso e ás son dunha cor azul moi escura. O peito e ventre, castaño arrubiado con pequenas e numerosas pencas escuras. As ás son anchas e puntiagudas. Son rápidas voadoras e aliméntanse de insectos.

Parécese ás andoriñas comúns, pero son máis escuras e a mancha vermella na gorxa é máis clara e esténdese pola caluga, presentando tamén outra zona rubia no nacemento do rabo. Ademais, as gallas do rabo son claramente máis anchas.

As andoriñas dáuricas constrúen niños con forma de media esfera con lama que recollen cos seus peteiros, e chocan entre 3-6 ovos en cada posta, de maio a xuño. Normalmente aniñan entre os penedos altos, pero adáptanse con facilidade ás construcións humanas (pontes ou edificios). O niño lembra ó da andoriña de cu branco na forma e material, pero conta cunha entrada tubular da que carece o niño desta última.

Normalmente esta especie non forma grandes colonias de cría, pero son bastante gregarias fóra da estación de apareamento. As bandadas máis numerosas pódense observar nas extensas chairas da India.

En Galicia é estival de marzo a setembro. É escasa pero en expansión, máis abundante na metade sur.

Notas editar

  1. "Red-rumped Swallow Hirundo daurica BirdLife species factsheet" (en inglés). BirdLife International. Consultado o 3 de xaneiro de 2010.