Ambystoma tigrinum

Ambystoma tigrinum é unha especie de anfibio caudado (ou urodelo) da familia Ambystomatidae.

Ambystoma tigrinum
Ambystoma tigrinum

Descrición editar

Son píntegas grandes, con lonxitudes de 15 a 21 cm, podendo acadar ata 33 cm, especialmente no caso de individuos neotenicos. Os adultos normalmente teñen manchas grises, verdes ou negras, con ollos grandes. Teñen bocas pequenas, pescozos grosos, pernas robustas e rabos longos. A súa dieta consiste principalmente en insectos e vermes, pero non é raro que os adultos consuman ratos ou ras pequenas.

Os adultos con frecuencia viven en toqueiras. Son completamente terrestres de adultos e soamente regresan á auga para reproducirse. Como todos os ambistomátidos están extremadamente ligados ao seu lugar de nacemento e viaxan grandes distancias para volver a el. Porén, só teñen un 50% de probabilidades de reproducirse máis dunha vez na vida. Os machos empuxan lixeiramente á femia para iniciar o apareamento, despois depositan un espermatóforo no fondo do lago. A femia recolle o paquete e deposita os ovos xa fertilizados na vexetación.

As larvas son totalmente acuáticas e caracterízanse polas súas grandes branquias externas e unha aleta caudal prominente que se orixina xusto detrás da cabeza. As extremidades están completamente desenvolvidas pouco tempo despois de nacer. As larvas divídense en dous grupos: caníbales e non caníbales. Unha alta concentración de larvas fai que se active o fenotipo Caníbal, que ten unha cabeza máis grande do normal. Algunhas larvas, que se encontran en lagoas de estación e en rexións do norte, sofren a metamorfose o máis cedo posible. Outras larvas, especialmente en lagoas ancestrais e climas cálidos, non sofren a metamorfose ata que alcanzan o seu tamaño adulto. Estas larvas de gran tamaño úsanse como isco para a pesca ou como animal de compañía. Algunhas poboacións mesmo non sofren metamorfose en absoluto e chegan á madurez sexual en forma de larva. Estas larvas denomínanse neoténicas e son comúns en lugares onde as condicións terrestres son malas.

Status de conservación editar

Aínda que son comúns localmente en moitas rexións, a cantidade de exemplares declinou se a comparamos con niveis históricos. Unha das ameazas máis grandes ás que se enfronta a especie é a destrución ou alteración do seu hábitat. Como esta píntega tende a reproducirse en pantanos semipermanentes, as súas larvas experimentan descensos en masa en asociación co desecamento de pantanos. A introdución de peixes pode reducir e nalgúns casos eliminar, poboacións enteiras desta píntega, xa que require un hábitat en que estean no cume da cadea trófica. A deforestación e a chuvia ácida tamén son problemas que as afectan. Evitan as augas con pH baixo. Cun pH de 4,2 o 50% dos seus embrións morren, ademais en pH baixo medran máis lentamente e terían períodos larvarios máis estendidos. Están na lista de especies ameazadas en Nova York, Maryland, Nova Jersey e Delaware, na de especies protexidas en Arizona e na de especies especialmente preocupantes en Carolina do Norte e Carolina do Sur.

Enfermidades editar

Esta especie pode transmitir o fungo Batrachochytrium dendrobatidis, que é unha grande ameaza en todo o mundo para a maioría das especies de ras, causándolles quitridiomicose, aínda que A. tigrinum é inmune a el.[2] Poden portar tamén ranavirus, que infectan réptiles, anfibios e peixes. O uso como isco das larvas desta píntega parece ser unha importante fonte de exposición e transporte destes virus ás poboacións silvestres. Ás veces prodúcense grandes mortandades de larvas de A. tigrinum por causa de infeccións recorrentes de ranavirus.

Especies afíns editar

As especies californianas Ambystoma californiense[3] e Ambystoma mavortium e a mexicana Ambystoma velasci foron descritas como subespecies de A. tigrinum, mais agora son consideradas especies separadas. Foron necesarios estudos xenéticos para dividir a poboación orixinal de A. tigrinum, aínda que hai que salientar que existe algo de hibridación entre estes grupos.

Notas editar

  1. Hammerson, G. A., Shaffer, H. B., Church, D., Parra-Olea, G. & Wake, D. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. "Petwatch". Exotics as Pets. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2013. Consultado o 02 de setembro de 2019. 
  3. "Ambystoma californiense". IUCN Red List. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar