Ale é un concello sueco (s. kommun) do condado de Västra Götaland.[1] O municipio cobre a meirande parte do anterior härad de Ale e recibe o seu nome deste. A súa capital é a área urbana de Nödinge-Nol. A casa do concello atópase en Alafors, nos casais máis ao norte de Nol, pero boa parte das oficinas do concello leváronas a Nödinge.[2][3]

Modelo:Xeografía políticaAle
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 57°55′30″N 12°05′13″L / 57.925, 12.0869Coordenadas: 57°55′30″N 12°05′13″L / 57.925, 12.0869
EstadoSuecia
Condadocondado de Västra Götaland Editar o valor em Wikidata
CapitalNödinge-Nol (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación32.446 (2023) Editar o valor em Wikidata (97,69 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie332,12 km² Editar o valor em Wikidata
Altitude103 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1 de xaneiro de 1974 Editar o valor em Wikidata
Organización política
• Chairman of the municipal board in Ale municipality (en) Traducir Editar o valor em WikidataEvald Malm (en) Traducir (1978–1987)
Paula Örn (pt) Traducir (2014–2018) Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webale.se Editar o valor em Wikidata
Facebook: alekommun Twitter: alekommun Youtube: UCXzJH4qHjD9AWE5tcdqElvQ Editar o valor em Wikidata

O municipio está incluído na área metropolitana de Gotemburgo (Storgöteborg).[4]

A meirande parte da poboación vive nas seis comunidades parcialmente fusionadas de Surte, Bohus, Nödinge, Nol, Alafors e Älvängen.

Administración histórica editar

A área do municipio correspóndese ás antigas parroquias (socken) de Hålanda, Kilanda, Nödinge, Skepplanda e Starrkärr. Coa reforma municipal de 1862 formáronse nesas parroquias municipios rurais (landskommun) co nome correspondente.

Coa reforma municipal de 1952 formáronse tres grandes concellos: Skepplanda (a partir dos anteriores Hålanda e Skepplanda) e Starrkärr (a partir de Kilanda e Starrkärr), mentres que o municipio rural de Nödinge permanecía sen cambios.

Ao cabo, o concello de Ale naceu en 1974 tras a reforma municipal de 1971 aos unírense os antigos municipios de Nödinge, Starrkärrs e Skepplanda.[5] Dende a súa formación o concello forma parte do partido xudicial de Alingsås.[6]

O municipio leva o nome do härad de Ale, que ademais das parroquias de Ale incluía tamén as de Sankt Peder e Ale-Skövde do concello de Lilla Edet, e a de Östads no concello de Lerum.

Ale pertenceu ao condado de Älvsborg ata que este deapareceu para incorporarse ao de Västra Götaland o 1 de xaneiro de 1998.

Xeografía editar

O municipio está situado na parte occidental da rexión tradicional (landskap) de Gotia Occidental, e faille de estrema o río Göta polo oeste. Ale limita co concello de Gotemburgo no sur, cos de Lerum e Alingsås no leste, cos de Trollhättan e Lilla Edet no norte, e co concello de Kungälv ao oeste, na outra ribeira xa do río Göta. Unha pequena parte do concello de Ale, a situada máis ao sur, entre as vilas de Bohus e Surte, atopábase na rexión tradicional do condado de Bohus.

Poboamentos e relevo editar

A parte densamente poboada do concello, onde tamén se concentran as industrias, é a que se estende ao longo da ribeira do río Göta, no oeste e sur do concello. É a zona máis próxima a Gotemburgo. Tamén por esa zona pasan a estrada europea E45 e o camiño de ferro chamado liña Noruega-Vänern, que vai cara a Gotemburgo no sur, e cara a Oslo e o norte de Suecia na dirección contraria. No leste e o norte do concello hai áreas agrícolas, e están as aldeas de Starrkärr, Ryd, Kilanda e Hålanda.

O concello ten vastas e escasamente poboadas áreas naturais en Vättlefjäll, Alefjäll e Risveden. Risveden é unha ampla área (20 000 ha.) en mancomún de grande valor natural, histórico e cultural, que se estende por varios concellos. É a área forestal máis grande do oeste de Suecia, e en sentido amplo vai dende o val do Göta ata os lagos Mjörn e Anten no leste, que se atopan nos concellos de Lerum e Alingsås, respectivamente. Vättlefjäll e Alefjäll (de fjäll, que en sueco significa monte ou aba costenta), son áreas naturais que se estenden polo sur e leste do concello, en boa parte protexidas.

O relevo é chan. O punto máis alto de Ale atópase ao norte da lagoa Högsjön, na parte máis setentrional do concello (196 m sobre o nivel do mar).

Hidrografía editar

Ademais do río Göta, que como xa se mencionou define o concello de Ale polo leste, o concello de Ale está inzado de lagos e lagoas. Os maiores deles están entre dous ou máis concellos: o Vanderydsvattnet, compartido con Trollhättan e Lilla Edet, e o Tinnsjön, con Alingsås.

División administrativa editar

Como dixemos, ata o ano 2016 o concello estaba dividido nas parroquias de Nödinge, Skepplanda-Hålanda e Starrkärr-Kilanda. A partir dese ano Ale dividiuse de novo en cinco distritos, que se corresponden cos anteriores socknar: Hålanda, Kilanda, Nödinge, Skepplanda e Starrkärr.[7]

Historia editar

 
Os restos do barco de Äskekärr, onde foron atopados, en 1933.

Os restos atopados no concello proban que a zona foi habitada dende antigo tempo. Atopáronse machados de pedra, raspadores e puntas de frecha en restos de asentamentos, datados entre o 7000 e 5000 a.n.e.[8]

No ano 1933 atopáronse nun dique ao carón do río Göta en Äskekärr, ao norte da capital, os restos do barco viquingo máis antigo que se conserva en Suecia e un dos exemplares máis antigos de barcos só de vela dos países nórdicos.[9] O barco de Äskekärr (Äskekärrskeppet), é de tipo knarr e o barco contruído con casco trincado (as táboas do forro do casco písanse unhas noutras) máis antigo de Suecia.[10] O barco construíuse ao redor do ano 900 e utilizouse durante uns 100 anos[11]. O barco de Äskekärr atópase no museo de Gotemburgo.


Áreas urbanas editar

Na demarcación urbana de 2020 do Instituto Nacional de Estadística de Suecia había cinco áreas urbanas no concello de Ale.

Nr Área urbana Poboación (2020)[12]
1 Nödinge-Nol 11 476
2 Surte 6 490
3 Älvängen 6 163
4 Skepplanda 1 875
5 Alvhem 361

Economía editar

Industria editar

 
Ahlafors Spinneri

No leste de Alafors atópanse os edificios da antiga fábica téxtil Ahlafors Spinneri, fundada en 1855 polo industrial Alexander Keiller. A fábrica pechou en 1966.

A fábrica de vidro de Surte foi o máis importante desta pequena localidade dende a súa fundación en 1862 ata o seu peche en 1978. Nas súas instalacións atópase agora o museo Glasbruks, onde se amosa o rol xogaba a fábrica na localidade.[13] O nome de Alexander Samuelson, que traballou na fábrica de Surte antes de emigrar aos Estados Unidos, aparece na patente de 1915 da famosa botella de Coca-Cola.

En Älvängen atopábase a fábrica de cordas da empresa P A Carlmarks, que se trasladou alí en 1917. Era a fábrica de cordas máis antiga e máis grande de Suecia. O museo Repslagar, instalado no que fora o seu edificio, ten unha corda de 270 metros de longo funcional.[14]

Servizos e turismo editar

Ao redor de Ale hai moitos restos antigos, castros, petróglifos, granxas e igrexas antigas que atraen turistas ao municipio. Hai camiños e carreiros que percorren ou atravesan eses lugares. Un deles é o Pilgrimsleden (camiño do peregrino) que se estende dende Gamlestaden, o distrito de Gotemburgo, ata Lödöse e Skara, e que cruza o concello de sur a norte.

O Xardín Viquingo de Ale (Ale Vikingagård) é un asentamento agrícola reconstruído da era viquinga que se atopa na ribeira do río Göta, a uns metros de onde apareceron os restos do barco de Äskekärr.

A vella granxa de Prästalund (o souto do cura) en Starrkärr é un popular destino para celebrar o valborg, o día nacional e midsommar. Entre outras cousas, hai un alpendre de décimos, levantado no século XVIII para gardar os décimos que todos os granxeiros tiñan que pagar como imposto á igrexa, e que pagaban en especie. Porén, o edificio máis antigo é a residencia do coministro da igrexa de Hällebäckahult, construído probablemente ao redor de 1690.

Infraestruturas editar

As partes occidentais do concello están atravesadas pola E45 e pola liña de ferrocarril Norge/Vänerbanan. O tren de proximidade de Gotemburgo (Alependeln) para en Surte, Bohus, Nödinge, Nol e Älvängen. O tren rexional Västtågen ten paradas en Bohus e Älvängen.

Ale ten transporte público ás cidades máis grandes e centros estratéxicos próximos, como Gotemburgo, Trollhättan, Uddevalla, Vänersborg, Kungälv, Stenungsund, Alingsås e Lerum, e tamén ao núcleos máis pequenos de Lilla Edet, Lödöse, Sjövik e Sollebrunn.

Educación e investigación editar

No concello hai 32 escolas de preescolar. 26 delas son comunais, dúas de cooperativas de pais, dúas están dirixidas pola Igrexa de Suecia, unha é unha escola Montessori e a última está en mans privadas.[15] En Ale hai 12 escolas de primaria e unha escola de primaria especial pertencentes ao concello e unha escola de primaria privada.[16]

Notas editar

  1. "Län och kommuner i kodnummerordning". Statistiska centralbyrån. 2017-05-05. Archived from the original on 05 de maio de 2017. Consultado o 2022-08-06. 
  2. "Ale kommun vill utveckla sina två centralorter - Allmänna nyheter - World In Property". WorldInProperty.se (en sueco). Consultado o 2022-08-06. 
  3. "Ale i 360 grader - Perspektivsammanställning" (PDF). ale.se. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de decembro de 2021. Consultado o 6 de agosto de 2022. 
  4. "Storstadsområden med ingående kommuner i alfabetisk ordning" (PDF). Statistiska centralbyrån. Archived from the original on 15 de maio de 2011. Consultado o 2022-08-06. 
  5. Andersson, Per (1993). Sveriges kommunindelning 1863-1993. Mjölby: Bokförlaget Draking. ISBN 91-87784-05-X. OCLC 33359784. 
  6. "Elsa Trolle Önnerfors: Domsagohistorik - Alingsås tingsrätt (del av Riksantikvarieämbetets Tings- och rådhusinventeringen 1996-2007)". Consultado o 6 de agosto de 2022. 
  7. "Svensk författningssamling" (PDF). Regeringskansliets. Consultado o 15 de agosto de 2022. 
  8. "Ales historia". www.ale.se (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2022. Consultado o 2022-08-15. 
  9. Nancke-Krogh 1987, p. 13
  10. Söderberg 2022, p. 32
  11. Nancke-Krogh 1987, p. 27
  12. https://www.scb.se/contentassets/2ae651f3169142a7a5812c0aaa4a6070/mi0810_2020a01_tatorter2018_bef_arealer.xlsx
  13. "Startsida". Glasbruksmuseet Surte (en sueco). Consultado o 2022-08-18. 
  14. "Repslagarbanan i Älvängen – Ett levande museum". repslagarbanan.se. Consultado o 2022-08-18. 
  15. "Ales förskolor". www.ale.se (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2022. Consultado o 2022-10-27. 
  16. "Grundskola, grundsärskola". www.ale.se (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2022. Consultado o 2022-10-27. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Bibliografía editar

  • Nancke-Krogh, Sören (1987). ”Båtar och skepp: Bilder och verklighet”. Fynd : tidskrift för Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg (Göteborg: Göteborgs stadsmuseum och Fornminnesföreningen i Göteborg) (1). ISSN 0282-7301.
  • Nancke-Krogh, Sören (1987). ”Omkring Äskekärrsskeppet”. Fynd : tidskrift för Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg (Göteborg: Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg) (1). ISSN 0282-7301.
  • Nancke-Krogh, Sören (1987). ”Hur daterar man?”. Fynd : tidskrift för Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg (Göteborg: Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg) (1). ISSN 0282-7301.
  • Söderberg, Angelica (2022). ”De bygger båtarna som blivit världsarv”. Ny teknik (Stockholm: Svenska ingenjörssamfundet och Svenska teknologföreningen) (9). ISSN 0550-8754.