Concellos de Suecia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2022.) |
Os comúns, ou concellos, de Suecia (en sueco, plural, kommuner) son 290 unidades administrativas distribuídas entre os 21 condados do país. Por competencias e tamaño poderían equivaler aos concellos galegos. De xeito habitual teñen un núcleo principal ou vila capital, adoito co mesmo nome có concello, e unha serie de núcleos máis pequenos, do tamaño dunha aldea, ao seu redor. Isto é especialmente destacado no norte deshabitado do país.
Goberno
editarSuecia ten un único tipo de concellos e non hai xerarquías nin privilexios administrativos que os diferencian. Comparados cos galegos, os concellos de Suecia son grandes en extensión: dos 290, só trece deles son máis pequenos có concello de Melide. O menor en extensión, o concello de Sundbyberg, é algo maior ca Burela; o maior, o concello de Kiruna, é como as provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra xuntas.
Desde a reforma de 1971, os concellos inclúen en xeral tanto zonas urbanas como rurais. A área urbana (tätort) que actúa como capital dun municipio recibe o nome de centralort. Os concellos comprenden todo o territorio, e non hai zonas que non estean incorporadas aos concellos.
As competencias dos municipios réxense pola lei de concellos de 2017. Un concello créase pola decisión do Riksdag e nesa decisión determínase tamén o seu nome, mentres que a decisión sobre o deseño do escudo municipal tómaa o propio concello dende os anos 70.
En cada concello, hai un poder lexislativo e un poder executivo. A asemblea elixida polo pobo ou consello municipal (kommunfullmäktige), que é o poder lexislativo, está composta por entre 31 e 101 persoas, e decide sobre os asuntos do municipio; a xunta municipal (kommunstyrelsen), nomeada polo consello, dirixe as actividades e está á súa vez guiada por un alcalde ou alcaldesa, elixida entre os membros da asemblea municipal. As eleccións municipais celébranse cada 4 anos, no segundo domingo de setembro, e coincidindo coas eleccións lexislativas.
Historia
editarAntes do ano 1863 eran as parroquias eclesiásticas as que se encargaban dos asuntos locais, tanto dos mundanos como dos espirituais. En 1843 introduciuse un comité parroquial que xunto co consello da igrexa manexaba os problemas de benestar e atención médica.
Os municipios en sentido actual introducíronse a través das ordenanzas municipais de 1862, que dividiron as tarefas da parroquia entre os novos municipios civís e eclesiásticos. Posteriormente houbo varias formas distintas de concello en Suecia: cidades, köpings, municipios eclesiásticos e municipios rurais. Unha forma especial era a localidade municipal.
Na forma de goberno de 1974 utilízase o termo "municipio a nivel local" para distinguir os concellos das rexións, que formalmente son "municipios a nivel rexional".