Aircraft Transport and Travel

Aircraft Transport and Travel foi unha aeroliña británica fundada durante a primeira guerra mundial. Era unha subsidiaria de Airco e foi a primeira aeroliña en operar un servizo internacional regular (entre Londres e París).

Aircraft Transport and Travel
IATA
N/A
OACI
N/A
Indicativo
N/A
Fundación5 de outubro de 1916
Fin das operacións17 de decembro de 1920

Historia editar

O 5 de outubro de 1916 George Holt Thomas fundou Aircraft Transport and Travel (AT&T). Usando unha frota de antigos biplanos militares Airco DH.4A, operou voos de socorro entre Folkestone e Gante. O 15 de xullo de 1919 a compañía realizou un voo de proba a través da canle da Mancha, a pesar da falta de apoio do goberno británico. Voado polo tenente H Shaw nun Airco DH.9 entre a base da RAF de Hendon e o aeroporto de París-Le Bourget, a viaxe durou 2 horas e 30 minutos a un prezo de 21 libras por pasaxeiro.

O 25 de agosto de 1919 a compañía usou Airco DH.16 para iniciar un servizo regular do aeródromo londiniense de Hounslow Heath ata Le Bourget, o primeiro servizo regular do mundo. A aeroliña en pouco tempo gañou reputación pola súa fiabilidade, a pesar dos problemas coa mala meteoroloxía. En novembro de 1919 gañou o primeiro contrato civil de correo aéreo británico. Prestáronlle seis Airco DH.9A da RAF para operar estes voos entre Hawkinge e Colonia. En 1920 os avións regresarían á Royal Air Force.

En febreiro de 1920, coa súa compañía nai Aircraft Manufacturing Company Limited (Airco), AT&T, tamén coñecida como Airco Air Express, pasou a formar parte do grupo BSA. A aeroliña continuou operando baixo o control de Frank Searle, de Daimler Hire Limited.

Ademais do servizo entre Londres e París, AT&T tamén operou un voo entre o aeroporto de Croydon e Ámsterdam no nome de KLM. O 17 de maio de 1920 un DH.16 (G-EALU) de AT&T operou o primeiro servizo de KLM entre Londres e Ámsterdam.

AT&T continuou operando, pero Daimler-BSA retirou o seu apoio e superada polas débedas foi posta en liquidación en novembro de 1920, realizando o seu derradeiro voo o 17 de decembro. A principios de 1921 os seus activos foron mercados por Daimler e uníronse a Daimler Air Hire Limited nunha nova compañía chamada Daimler Airway Limited que continuou os servizos.

Cara 1921 seis compañías operaban o servizo de Londres a París, tres francesas e tres británicas. As aeroliñas francesas estaban recibindo axudas do goberno do seu país, e como protesta as tres británicas pararon os seus servizos o 28 de febreiro de 1921.