Agar (personaxe bíblica)

Agar, ou Hagar, é a muller coa que Abraham tivo o seu primeiro fillo, Ismael, consonte o relato da Xénese. Dela descenden os musulmáns.

Museo Thyssen-Bornemisza.

A muller de Abraham, Sarai, non daba preñado e, pensando que xa ía vella para ter fillos, pediulle ao seu home que se deitase coa súa serva Hagar para teren descendencia a través dela. Abraham fixo tal, mais Hagar, vendo que concibira, comezou a desprezar a súa ama estéril. Sarai, coa conivencia do seu esposo, pasou a maltraer a serva ata que se viu forzada a fuxir (Gn 16,1-6).

Vagando polo deserto, visitouna un anxo que lle dixo que volvese á casa dos seus amos e se sometese a eles e asemade reveloulle que a descendencia do seu fillo, que había chamar Ismael, chegaría a ser incontable (Gn 16,7-12).

Foi así que a Abraham e Hagar naceulles Ismael (Gn 16,15), do que descenden os árabes. Estes pobos árabes (chamados tamén ismaelitas ou agarenos), que na súa maioría profesan a relixión musulmá, consideran Hagar como a muller lexítima do patriarca Abraham e, polo tanto, descendentes seus a través de Ismael.

Anos despois, Deus concédelle a Abraham outro fillo, desta volta con Sarai, que se chamará Isaac, que terá unha prole coa que Deus lle di selar unha alianza perpetua. Canto a Ismael, Abraham prégalle a Deus que tamén sexa xeneroso con el. Deus promételle que o beicerá, que lle dará moita fecundidade e o fará pai dun gran pobo. Mais insiste: "a miña alianza establecereina con Isaac, o fillo que che dará Sara de hoxe nun ano", e a eles concede, en posesión perpetua, o país de Canaán (Gn 17,1-8.15-21).

En nacendo Ismael, Sara —Deus trocáralle o nome de Sarai ao convertela en nai— non quixo que Hagar e mailo seu fillo seguisen cas súa e pediulle a Abraham que os botase fóra. Deus mandou a Abraham facer como Sara dicía mais díxolle que non tivese dó por eles, pois tamén "do fillo da escrava farei unha gran nación, por ser semente túa". Abraham forneceu a Hagar de pan e auga e despediuna. Estando por segunda vez no deserto, volveu Hagar recibir a visita dun anxo que lle asegurou que Deus miraba por eles e que faría de Ismael unha gran nación (Gn 21, 1-3.9-21). Segundo a tradición islámica, foi Alá quen pediu a Abraham que deixase marchar a Hagar e Ismael para fundar un gran pobo.

Outras referencias na Biblia editar

Esta diferenza entre os fillos naturais e os fillos da promesa é retomada por san Paulo na súa epístola aos gálatas, nun momento no que os xudaizantes eran unha seita poderosa dentro do cristianismo primitivo que callara bastante entre este pobo. Moitos gálatas volvían daquela á Lei Mosaica. A carta de Paulo revaloriza a reafirma o Evanxeo de Xesucristo, e no capítulo cuarto fai un paralelismo entre a figura do Mesías do Novo Testamento e a alianza de Deus co seu pobo na pasaxe da Xénese sobre a descendencia de Sara e Hagar.

«Dicídeme os que vos queredes someter á Lei: ¿é que non oídes a Lei? Porque está escrito que Abraham tivo dous fillos: un da escrava e o outro da muller libre; e o fillo da escrava naceu como nace todo o mundo, mentres que o fillo da muller libre naceu en virtude da promesa.

Todo isto vos quere dicir unha cousa: estas dúas mulleres veñen representar os dous Testamentos. O primeiro concertouse no monte Sinaí; e é Agar (que en árabe indica o monte Sinaí); ela dá á luz fillos escravos e corresponde á Xerusalén de hoxe, que vive de escrava coma os seus fillos. En cambio a Xerusalén de arriba é libre. Esta é a nosa nai, porque está escrito:

¡Alégrate ti, aínda que es erma e non dás á luz! ¡Aturuxa, aínda que non che dean vido dores de parto: que a abandonada ha ter máis fillos ca a que ten home!

Vós, irmáns, sodes fillos da promesa, coma Isaac. Mais hoxe pasa coma daquela: o xerado normalmente anda a paus co xerado espiritualmente. ¡Ah! ¿E qué é o que di a Escritura?: Bota fóra a esa escrava e mais o seu fillo: que o fillo da escrava non partillará a herdanza co da libre. Así que, irmáns, nós non somos fillos da escrava, senón da libre.» Gal. 4: 21-31'

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar