Aeroporto de Varsovia-Modlin
O aeroporto de Varsovia-Modlin (IATA: WMI, ICAO: EPMO) é un aeroporto internacional polaco, anteriormente unha base militar sen uso, inaugurado en xuño do ano 2012. Está situado a 40 km ao norte do centro da cidade de Varsovia, en Nowy Dwór Mazowiecki, e ten unha capacidade máxima duns 2-2,3 millóns de pasaxeiros por ano. O aeroporto está deseñado para ser utilizado por aeroliñas de baixo custo para servir Varsovia. No ano 2015 foi o quinto aeroporto máis concorrido de Polonia. No ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 2 860 874 pasaxeiros, en voos servidos unicamente por Ryanair.[1] Porén, o principal aeroporto internacional da cidade é o de Varsovia-Chopin.
Aeroporto de Varsovia-Modlin Port Lotniczy Warszawa/Modlin
| |||
---|---|---|---|
Sumario | |||
Tipo | público | ||
Propietario | Mazowiecki Port Lotniczy Warszawa-Modlin Sp. z o.o. | ||
Cidade/Illa | Varsovia | ||
Localización | Nowy Dwór Mazowiecki | ||
Elevación (msnm) | 104 metros / 341 pés | ||
Coordenadas | |||
Web | |||
Pista(s) | |||
Dirección | Longo | Superficie | |
metros | pés | ||
08/26 | 2 500 | 8 202 | asfalto |
Estatísticas (2016) | |||
Pasaxeiros | 2 860 874 |
Historia
editarPrimeiro uso
editarOrixinalmente deseñado para uso militar na Segunda República Polaca en 1937, non chegou a ser inaugurado polas autoridades do país. Porén, comezou a ser operativo durante a segunda guerra mundial en 1940 como unha base aérea para a Luftwaffe alemá na Polonia ocupada. Tras a guerra, entre 1945 e 2000, foi usado polas forzas aéreas polaca e rusa. No ano 2000 o ministro polaco de defensa anunciou o peche do aeródromo. A súa pista atopábase en malas condicións e carecía de luces axeitadas e axudas de navegación de radio modernas como un ILS.
Redesenvolvemento
editarPosteriormente, gran parte da súa superficie orixinal estivo dispoñible como capital nunha empresa de xestión conxunta e responsabilidae limitada creada para xestionar o futuro aeroporto, Port Lotniczy Mazowsze Warszawa-Modlin Sp. z o.o. O aeroporto converteuse para o uso civil, principalmente como un substituto para a agora pechada terminal Etiuda para aeroliñas de baixo custo no principal aeroporto de Varsovia.[2] Distintas propostas de datas de inauguración foron pasando, e os plans de negocio con grandes melloras das infraestruturas, incluída unha nova terminal de pasaxeiros, adiáronse sen ningún progreso real na construción durante algún tempo. Tamén se completou unha avaliación ambiental. En febreiro de 2008 anunciouse un calendario que programaba a apertura da actividade comercial a comezos de 2010. O 8 de febreiro de 2010 foi rexistrado oficialmente como aeroporto civil pola autoridade polaca de aviación (Urząd Lotnictwa Cywilnego).
No mes de setembro de 2009 anunciouse que se estaban recibindo ofertas e que se asegurara financiamente por parte da Unión Europea para inaugurar o aeroporto en 2011, a tempo para a Eurocopa de Fútbol do 2012. As obras comezaron finalmente no mes de outubro de 2010 e agardábase o seu remate para antes da Eurocopa; porén, o prazo non se cumpriu e o aeroporto comezou a operar en xullo de 2012.
Aínda que o primeiro avión debería partir de Modlin o 16 de xullo de 2012, o aeroporto inaugurouse oficialmente o día anterior, e o primeiro voo de pasaxeiros dende Budapest chegou ao aeroporto ao redor das 17:30.[3] As aeroliñas de baixo custo Wizz Air e Ryanair comezaron a usar o aeroporto como base.
Problemas e crecemento
editarO 22 de decembro de 2012 anunciouse que a pista do aeroporto pecharíase durante un período non definido para os avións máis grandes, como os Boeing 737 e Airbus A320, por motivos de seguridade. Ryanair confirmou o día do peche da pista que desviaría todos os seus avións ao aeroporto de Varsovia-Chopin ata que esta fose reparada. Wizz Air tamén conformou que mudaría todos os seus voos cara Varsovia-Chopin ata a reapertura de Modlin. Esta chegaría seis meses despois, o día 4 de xullo de 2013, despois de que rematasen os traballos para arranxar a pista. O 17 de xullo Wizz Air anunciou que non regresaría ao aeroporto a pesar da súa apertura, pero quedaría de todas formas en Varsovia-Chopin. Ryanair regresou a Modlin o día 30 de setembro e dende entón engadiu novas rutas á súa programación inicial.
O 19 de setembro de 2013 o ILS de categoría I estivo oficialmente listo para ser usado. Ao mesmo tempo comezaron as probas para o ILS de categoría II, que estivo operativo o 1 de maio de 2014.
En outubro de 2015 o aeroporto recibiu ao seu pasaxeiro 5 millóns. En decembro dese ano inaugurouse unha nova sala nas súas instalacións.
Dende a inauguración do novo aeroporto a día de hoxe só é usado por Ryanair, que incrementou a súa rede a 50 destinos, 43 deles anuais e 7 estacionais.
Aeroliñas e destinos
editarAeroliñas | Destinos
|
---|---|
Ryanair | Alacant, Atenas, Barcelona, Beauvais, Belfast-Internacional, Bérgamo, Birmingham, Boloña, Bristol, Burgas (comeza en marzo de 2018),[4] Charleroi, Colonia/Bonn, Dublín, East Midlands, Edimburgo, Eindhoven, Faro, Fuerteventura, Gotemburgo, Glasgow, Gran Canaria, Karlsruhe/Baden-Baden (comeza en outubro de 2017),[5] Leeds/Bradford, Lisboa, Liverpool, Londres-Stansted, Madrid, Málaga, Manchester, Memmingen, Nápoles, Newcastle, Palma de Mallorca, Porto, Roma-Ciampino, Sandefjord, Sevilla (comeza en outubro de 2017),[5] Shannon, Estocolmo-Skavsta, Tenerife-Sur, Tesalónica, Tolosa, Treviso (comeza en outubro de 2017),[5] Valencia Estacional: Burgas (comeza en marzo de 2018), Cagliari, Chania, Corfú, Eilat-Ovda (comeza en outubro de 2017),[5] Pisa, Trapani |
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Web do aeroporto Arquivado 03 de outubro de 2017 en Wayback Machine.
Notas
editar- ↑ Warsaw Modlin Airport (ed.). "Airlines". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2016. Consultado o 9 de outubro de 2017.
- ↑ Local Life (ed.). "Warsaw's Second Airport Under Construction". Consultado o 23 de outubro de 2017.
- ↑ TVP (ed.). "Pierwsze lądowanie na lotnisku w Modlinie". Consultado o 23 de outubro de 2017.
- ↑ https://www.ryanair.com/us/en/
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 http://www.routesonline.com/news/38/airlineroute/271685/ryanair-w17-new-routes-as-of-05mar17/