Abril na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de abril na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Tamén incluímos as mencións á Coresma, á Semana Santa e á Pascua de Resurrección por coincidir, habitualmente, neste mes.

Eladio Rodríguez recolle o costume de acender na lareira, en cada casa, o Lume novo, que se prende co tizón ou as ascuas do lume que o abade bendice no adro da igrexa no transcurso dunha cerimonia que se celebra o Sábado Santo. Este lume que se prende na igrexa facíase co pedernal e utilizábase para acender, inmediatamente, as brasas do incensario e as lámpadas do templo [1].

Crenzas e supersticións editar

En Cambados disque dá mala sorte varrer a casa en Semana Santa (Leiro Lois, 120),

Para cura-lo meigallo ou o tangaraño (raquitismo), vaise á romaría de San Pedro Mártir, en Belvís, Santiago, o 29 de abril. Lamas Carvajal recolle esta tradición nunha das súas poesías [2]:

Naiciña, non sei que teño,/ meu mal non o entende naide,/ díxome o crego que tiña/ que ir a Santiago a curarme/ nos derradeiros de abril,/ día de san Pedro Martir...

Crese que se o cuco non acaba de vir entre marzo e abril é sinal de que se van producir grandes desgrazas.

O último día de abril ou, noutros lugares o 29, existía o costume de alumea-las leiras. Este rito propiciatorio consistía en percorre-los campos de cultivo con fachos encendidos, unha vez rematada a sementeira, para pedir unha boa colleita:

Alumea o pan,
aluméao ben,
alumea o pan
pra o ano que vén.
Alumea o pai,
cada gran un toledán.
Alumea o fillo,
cada gran un pan de trigo
.

Locucións editar

  • Estar feito un abril: estar cheo de vida.
  • Parecer un abril: ser ou aparentar un mozo guapo e elegante.

Refraneiro editar

 
A abella e a ovella en abril deixan a pelexa
  • A abella e a ovella, en abril deixan a pelexa [3].
  • A auga de abril enche o carro e o carril [4][5][6].
  • A choiva no abril dá millo e dá pan.
  • A coresma e a cadea, prós probes parecen feitas [7].
  • A liñaza por San Marcos nin nada, nin no saco [8]
  • A ovella e a abella polo abril deixan a pelexa.
  • A ovella en Pascua florida está lustrosa e parida.
  • A páscoa onde quixeres; o antroido ond'as mulleres [9].
  • As sardiñas en abril, cólleas polo rabo e déixaas ir .
  • A sardiña polo abril, cóllea polo rabo e déixaa ir; por maio ásaa no borrallo, e por San Xoán xa molla o pan [10].
  • A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan [11].
  • Á solla de abril ábrelle a mán e déixaa ir [12].
  • A solla en abril cóllea na man e déixaa ir [10].
  • A vella dos anos mil gardaba pan para maio e leña para abril.
  • A viña de bo amo pódase en marzo; a viña do ruín pódase en abril [13][14].
  • Abril a lan carda, e maio leva a fama [15].
  • Abril, abril, de cen en cen anos deberas vir [15].
  • Abril atoldado e pouco mollado [15].
  • Abril, augas mil coadas por un mandil [4].
  • Abril, augas mil, escoadas por un mandil [15].
  • Abril, augas mil, peneiradas nun candil [15].
  • Abril, augas mil, se non ó comenzo, ó medio ou ó fin [15].
  • Abril chove prás xentes, e maio prás bestas [16].
  • Abril chovedoiro enche o cabaceiro [15].
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso [17].
  • Abril, déixame dormir, que en maio de meu me caio [18]
  • Abril e maio son a chave de todo o ano [19].
  • Abril e maio son as chaves do ano [15].
  • Abril esfola, pero maio amola [15].
  • Abril, espigas mil [20].
  • Abril frío e fornos quentes, alegría prós meus dentes [15][21].
 
Abril frío e mollado, enche o celeiro e farta o gado
  • Abril frío e mollado, enche o celeiro e farta o gado [15][22].
  • Abril frío, moito pan e pouco viño [15][23].
  • Abril frío, pan e viño [15][23].
  • Abril frío quer compango, viño e pantrigo [15][24].
  • Abril frío trai poias de trigo [15][25].
  • Abril mata o porco no cobil, e maio mátao dun ano [26].
  • Abril mollado, malo na horta e bo no campo [15].
  • Abril, o do bo dormir [15].
  • Abril pare os froitos e maio lévaos ó lombo [15].
  • Abril, pendoril; maio, engraio; e san Xoán, segaio [15].
  • Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
  • Abril, pra ser abril, ten que vir con augas mil [15].
  • Abril que non chove deixa ó labrego probe [15].
  • Abril quente e mollado, carga o carro e enche o gado [4].
  • Abril quente e mollado, carga o carro i engorda o gando [15].
  • Abril, se por mal quere vir, as portas non deixa abrir [4].
  • Abril, se por mal quere vir, nin as portas deixa abrir.
  • Abril, si por mal quer vir, inda as portas non deixa abrir [15].
  • Abriles bos e bos fidalgos, andan escasos [15].
  • Abriles e cabaleiros, son ás veces treicioeiros [15].
  • Alá vaias, marzo marceiro, que aquí me quedo cos meus becerros, agora virá teu irmán abril, que non sei se mos deixará vivir [27].
  • Algún día será festa e será Pascoa [28].
  • Altas ou baixas, en abril son as Pascuas [4][29].
  • Antroido á raxeira, Pascuas á lareira.
  • As madrugadas de abril son pintadas pra durmir [15].
  • As madrugadas de abril son propias para dormir.
  • As mañanciñas de abril deixádemas pra dormir.
  • As pascuas con quen quixeres, os Antroidos coas vosas mulleres.
  • As sandías nin semeadas en maio nin nadas en abril.
  • Auga de abril e xiada de maio, aseguran o ano [30].
  • Auga de abril e xiada de maio, herba pra todo o ano [30].
  • Auga de abril, enche o carro e o carril.
  • Auga de abril molla o carro, molla a leira e molla o carril [15].
  • Auga en abril, toda a que poida vir.
  • Ben veña abril coas súas augas mil [15].
  • Busca pan pra maio e leña pra abril, e bótate a dormir [31].
  • Cando abril recacha, inda a vella queima a racha [15].
  • Cando abril recacha, queima a vella a maza [4].
  • Cando chove por San Xorxe, de cen cereixas quedan catorce [32]
  • Cando en marzo chove i en abril xía, quédase maio feito unha criba [27].
  • Cando marzo abrilea, abril marcea [27].
  • Cando por San Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove [33].
  • Cebada, pra marzo; leña pra abril e trigo, pra maio [34].
  • Chova por abril e maio e non chova en todo o ano [4][15][33].
  • Chova por abril e por maio e non chova na volta do ano [15].
  • Chova pra min abril e maio e pra ti todo o ano [15].
  • Chova pra vós na roda do ano, e pra min en abril e maio [33].
  • Chuvia de abril, henche o carro e o carril [35].
  • Chuvia de abril non perdoa o carro nin o carril [36].
  • Chuvia, de abril; recío, de maio [37].
  • Chuvia por abril e maio, aunque non chova en todo o ano.
  • Coas xarapadas de abril, mexa o porco no cubil [38].
  • Cobras en marzo, neve en abril [4].
 
Cobras en marzo, neves en abril
  • Cobras en marzo, neves en abril.
  • Cóbregas en marzo, neves en abril [27].
  • Coida de podar en marzo, que o que poda en abril é ruín [39].
  • Coida de podar en marzo, que o que poda en abril, ese é ruín [40].
  • Corta cardos en abril e de cada un naceranche mil.
  • De abril a abril volven as augas por onde adoitaban vir [15].
  • De abril a maio, mes de descanso.
  • Día de entroido e domingo de Pascoa, cada larpeiro na sua casa [41].
  • Día de Páscoa e domingo lardeiro, cada cadelo no seu palleiro [28][42].
  • Dixo o pastor a marzo: "mal trataches ó meu gando; alá irás onde non volvas máis". E marzo respondeu: "con tres días que me quedan, e tres que me empreste meu irmán abril, poreiche as túas ovellas a parir" [27].
  • Díxolle maio a abril: "Anque che pese, heime rir" [43].
  • Domingo de Ramos lava os teus panos, que na semana maior choverá ou quentará o sol.
  • Dúas augas de abril e unha de maio valen os bois e o carro [30].
  • En abril, a sardiña val pernil [44][45].
  • En abril abre a porta ó gado, e déixao ir [4].
  • En abril, ábrelle a porta ó gando e déixao ir [15].
  • En abril, augas mil [4][30][46].
  • En abril, augas mil, cargan o carro e mailo barril.
  • En abril, augas mil, e en maio tódalas que queiran vir.
  • En abril, augas mil, e en maio, tres ou catro' [15].
  • En abril, augas mil, e en xaneiro come carneiro'.
  • En abril, augas mil, e todas caben nun barril.
  • En abril, augas mil, e vento, e tódalas que queiran vir.
  • En abril, cada pinga val por mil [4].
  • En abril, cada pingueira de auga vale por mil [15].
  • En abril cátanos no cubil, en maio xa son bo gallo, en san Xoán xa lle dou a carreira ó can, en santa Mariña xa vou pola cabritiña, en agosto xa vou co meu pai polo rostro, en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro [47].
  • En abril cear sin candil.
  • En abril, chuvias ir e chuvias vir [15].
  • En abril déitate sen candil.
  • En abril déixame durmir.
  • En abril déixame durmir, que en maio de meu me caio [15][48].
  • En abril déixame durmir, que en maio eu só me caio.
  • En abril e maio fai fariña pra todo o ano [15].
  • En abril e maio fai fariña pró ano [49].
  • En abril entra o albañil.
  • En abril, espárragos para min; en maio, para o meu amo [19].
  • En abril, espigas mil [4][15]
  • En abril, espigas mil, no maio todo espigado.
  • En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.
  • En abril, estou no cubíl [4].
  • En abril inda está o porco no cubil [15].
  • En abril mata o porco no cubil.
  • En abril, mata o porco no cubíl, e en maio, mátao dun ano [50].
  • En abril métese a vella no cubil.
  • En abril morre a fraca; a colmea, non a vaca [51].
  • En abril non te descubras dun fío.
  • En abril, o salmón pra min, no maio pró criado, e no san Xoán pró can [52].
  • En abril os espárragos pra min, i en maio pró meu amo [15].
  • En abril ponte o capelo ruín [15].
  • En abril ronca o porco no cubil [44].
  • En abril sae o cuco do cubil [46].
  • En abril, si por mal quere vir, nin as portas deixa abrir [46].
  • En abril vai colle-la sardiña polo rabo e déixaa ir.
  • En abril xa soio poda o labrego ruín.
  • En marzo saca a cabeza o lagarto, i en abril acaba de saír [27].
  • En marzo, cada pingueira quita un carto; i en abril, cada pingueira dá mil [27].
  • En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo do can; en santa Mariña, xa pillo a galiña; e en agosto, xa son bo raposo.
  • En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en San Xoán, xa fuxo ó can; en Santa Marina, xa pillo a galiña; e en agosto, xa son bo raposo [53].</ref>[54].
  • En marzo, se podas un cardo, naceranche catro, i en abril, se cortas catro naceranche mil.
  • Entre abril e maio, fai fariña para o ano [19][27].
  • Entre marzo e abril o cuco ha de vir.
 
Entre marzo e abril, o cuco, ou a fin
  • Entre marzo e abril, o cuco, ou a fin.
  • Entre marzo e abril o cuco quere vir.
  • Entre marzo e abril o cuco ten que vir, e se o cuco faltara a fin do mundo volvera.
  • Entre marzo e abril, ou ha vir o cuco, ou a fin.
  • Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, e entre san Xoán e a sega marcha o cuco para a súa terra.
  • Entre marzo e abril sae o cuco do cobil, pois coa neve non quer vir [55].
  • Entre marzo e abril sae o cuco de cubil, que coa neve non quer vir [27].
  • Entre marzo e abríl, sai o cuco de cubíl, que coa neve non quer vir [56].
  • Entre marzo e abril, se non vén o cuco, quer vir a fin [15].
  • Entre marzo e abril, se non ven o cuco quer vir o fin [4].
  • Entre marzo e abril, se non veu o cuco, quer vir a fin [55].
  • Entroido, á raxeira; páscoa, á lareira [41].
  • Espigas en marzo, catro; espigas en abril, mil [57].
  • Falten augas mil e non falten en abril [4][15].
  • Febreiriño curto, cos teus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato; pois deixa, que agora vén meu irmáu abril que che ha de matar o porco dun ano no cubil.
  • Febreiro curto, cos teus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato. Pois deixa, que agora vén meu irmau abril que che ha de matar o porco dun ano no cubil [58].
  • Febreiro moliñeiro, marzo ventoso e abril chuvioso, sacan a maio garrido e fermoso [59].
  • Garda do pan para maio e da leña para abril [19].
  • Garda leña pra abril e pan pra maio.
  • Garda pan para maio e leña para abril.
  • Garda pan para maio e leña para abril, que che ha de cumprir [15].
  • Leiracho lereu, por san Xurxo no centeu [60]
  • Maio airoso fai o pan garboso [61].
  • Maio fai as apostas, e abril lévallas ás costas [62].
  • Marzo amola, e abril esfola [27].
  • Marzo é a porta e abril trai a chave, se está posta [27].
  • Marzo espigarzo, abril penderil, en maio gramado, en San Xoán segado [63].
  • Marzo espigarzo, abril pendoril, en maio granado, en San Xoán segado.
  • Marzo espigarzo, abril pendoril, maio granado, San Xoán segado, Santa Mariña a airiña [64].
  • Marzo, espigarzo; abril, penduril; maio, granado; san Xoán, curado. Na santa Mariña, metelo na arquiña [65]
  • Marzo espigarzo, abril penduril, maio granado, san Xoán curado, na santa Mariña metelo na arquiña.
  • Marzo, espigas catro; abril, espigas mil [27].
  • Marzo louco, e abril non pouco [27].
  • Marzo pardo, abril chuvioso e maio ventoso fan o ano fermoso [27].
  • Marzo ventoso e abril chuvioso, sacan a maio frorido e fermoso [27].
  • Marzo ventoso, abril chuvioso e maio pardo fan fermoso o ano [27].
  • Na semana de Ramos lava os teus panos; que na de Pasión, ou poderás ou non [66].
  • Neve en abril, cobras en marzo [15].
  • Nin no abril nado, nin no maio plantado [67]
  • No abril, cada pingota de auga vale por mil [15].
  • No abril, chuvia que encha o carro i o carril [15].
  • No abril di o cuco: vivo; e no maio: revivo[15].
  • No abril, mata o porco no cubil, e no maio mátao dun ano [15][68].
  • No abril para min, no maio para o criado e no san Xoán o peixe para o can.
  • No abril sai o cuco do cubil [69].
  • No mes de abril cada polbo bota mil [70][71].
  • No mes de abril fai queixos mil, e no de maio fai tres ou catro [72].
  • No mes de abril fai queixos mil; no de maio, tres ou catro [15].
  • No mes de abril fai queixos mil, no mes de maio fai tres ou catro.
  • No mes de marzo e abril o cuco ha de saír, se ós tres meses non volveu é porque morreu.
  • Non se che fará a coresma larga, se debes algo pra a páscoa [7].
  • O abril penduril.
  • O año de abril enche o mandil [73].
  • O cuco no abril vive, e no maio revive [55].
  • O cuco no abril xa sai do cobil [55].
  • O enxame de abril, pra min; o de maio, pra meu amo, i o de San Xoán, pro can [74].
  • Ó escacho, polo abril, non hai máis que lle pedir [75].
  • O frío de abril mata o porco no cubil [76].
  • O frío de abril mata o porco no seu cubil [15].
  • 'O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.
 
O millo polo san Marcos, nin nado nin no saco
  • O millo polo San Marcos nin nado, nin no saco [77].
  • O millo por san Marcos nin no saco nin nado.
  • 'O primeiro de abril van os burros a onde non deben ir [78]
  • O que en abril come sardiña, aínda en agosto pícalle a espiña [79].
  • O que en abril come sardiña, inda en agosto lle pica a espiña [80].
  • O que en marzo non fende, en abril non estende [81].
  • O que non garda leña pra abril, non sabe vivir [15].
  • O queixo i o barbeito, en abril ou maio sexa feito [82].
  • O salmón i o sermón, dispois da Pascoa non teñen sazón [83].
  • O sermón, o sábalo e o salmón, na coresma teñen sazón, dispois non [84].
  • O vento de abril i a lama de agosto, matan o viño anque sexa no mosto [85].
  • O viño de abril, enche o carro e o carril.
  • O viño de abril non vai ó funil.
  • Os aires de abril fan meter o porco no cubil.
  • Ós comenzos de abril o cuco ten que vir, e se non volveu, ou prendérono ou morreu [55].
  • Ós escachos no abril, non hai máis que lle pedir [15].
  • Pan pra maio e leña pra abril, e o millor cepón, pra marzo o compón [86].
  • Pascoas, con que quixeres; entroidos, coas túas mulleres [41].
  • Pascuas enxoitas, nin poucas nin moitas.
  • Pascuas molladas, anadas dobladas.
  • Poeira en abril, lama en agosto [15].
  • Polo abril que veñan augas mil ou cantas queiran vir [15].
  • Polo abril ronca o porco no cubil [15].
  • Polo abril xa solo poda o labrego ruín [15].
  • Polvo en abril, lama en agosto.
  • Por abril dorme o mozo ruín, e por maio, o mozo i o amo [15].
  • Por abril ponte de codín; e se o pan ves verdegar, ponte a cantar [15].
  • Por Páscoa de Resurreición tres cousas non teñen sazón, sardiñas salgadas, castañas asadas e predicación [9].
  • ¿Por que naciche tan ruín? Porque non me sementache en abril [87]
  • Que altas, que baixas, en abril son as Pascuas.
  • Que chova en abril e maio anque non chova en todo o ano.
  • Quen queira mal a unha veciña, déalle en abril sardiña [88][89].
  • Ramos mollados e Pascuas enxoitas, bo ano de froitas e troitas.
  • San Marcos, sementa polos altos.
  • San Xurxo o larpeiro leva as uvas no pandeiro [90].
  • Sardiñas salgadas, castañas asadas e confesión, antes das Páscoas de Resurrección [91].
  • Se chora Marta, rí Lázaro; se Lázaro chora, Marta rí [92].
  • Se en marzo non canta o cuco, nin en abril a bubela, e a ruliña non rulea, mala cosecha se espera.
  • Se en marzo ou abril o cuco non vén, quer vir a fin [93].
  • Se entre marzo e abril o cuco non vén, é que o cuco é morto ou a fin quere vir [58].
  • Se entre marzo e abril o cuco non veu é sinal que morreu ou é sinal do fin.
  • Se non houbera abril, non habería ano ruín [15].
  • Se non sal o cuco antes do trece de abril, ou morreu o cuco ou virá a fin.
  • Se non víche-lo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou quer vir a fin [15].
  • Se non víchelo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou vai vir a fin [55].
  • Se non víche-lo cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou vai vir ó fin.
  • Se polo san Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove [94][95].
  • Se por San Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove [15].
  • Se pra San Xurxo xea non collerás nin unha pera.
  • Se queres saber cando é abril a anduriña viracho dicir.
  • Se tes pra Páscoa unha débeda, logo che se vai a coresma [9].
  • Sol de abril, ábrelle a man e déixao ir [96].
  • Solla de abril, abre a man e déixaa fuxir [15].
  • Solla de abril, abre as maos e déixaa ir.
  • Solla en abril, abre a man e déixaa ir [97][98].
  • Tal teño a Páscoa, cal teñas a casa [9].
  • Tras de abril vén maio, e hai cereixas como puños.
  • Un día de abril e outro de maio, se son de tempo axeitado, valen os dous tanto como os bois e o carro [99].
  • Val máis un torbón de abril que os bois e o carro i aquel que vai nil [15].
  • Vale máis un turbón de abril que os bois e o carro e quen vai nil.
  • Viño de maio pouco e malo o de abril é xentil.
  • Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.
  • Xaneiro xiadeiro, febreiro escarabanadeiro, marzo amoroso, abril chuvioso, maio ventoso, San Xoán caloroso, que fai o ano formoso [100].
  • Xaneiro xiado e abril mollado enchen o faiado.

Cantigueiro editar

  • Adiós, martes de antroido,/ adiós, meu amiguiño,/ hastra o domingo de Páscoa/ xa non como máis touciño [101].
  • As tellas do teu tellado/ non queren baixarme a abrir;/ baixa tu, rosa de maio,/ criada no mes de abril [102].

Notas editar

  1. Eladio Rodríguez Gongález, s. v. fogo, s. v. lume.
  2. Citado por A. Fraguas, 85.
  3. Eladio Rodríguez González, s. v. abella. No orixinal: i a ovella.
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 4,13 4,14 Real Academia Galega, s. v. abril.
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No orixinal: i o carril.
  6. Eladio Rodríguez González, s. v. auga. No orixinal: i-auga, i o carril.
  7. 7,0 7,1 Eladio Rodríguez González, s. v. Coresma.
  8. Eladio Rodríguez González, s. v. liñaza. San Marcos celébrase o 25 de abril.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Eladio Rodríguez González, s. v. Páscoa.
  10. 10,0 10,1 Lino Lema Bouzas, 2.
  11. Eladio Rodríguez González, s. v. sardiña.
  12. Eladio Rodríguez González, s. v. solla.
  13. Eladio Rodríguez González, s. v. viña.
  14. Refraneiro do viño, 43. No orixinal: do bo amo.
  15. 15,00 15,01 15,02 15,03 15,04 15,05 15,06 15,07 15,08 15,09 15,10 15,11 15,12 15,13 15,14 15,15 15,16 15,17 15,18 15,19 15,20 15,21 15,22 15,23 15,24 15,25 15,26 15,27 15,28 15,29 15,30 15,31 15,32 15,33 15,34 15,35 15,36 15,37 15,38 15,39 15,40 15,41 15,42 15,43 15,44 15,45 15,46 15,47 15,48 15,49 15,50 15,51 15,52 15,53 15,54 15,55 15,56 15,57 15,58 15,59 15,60 15,61 15,62 15,63 15,64 15,65 Eladio Rodríguez González, s. v. abril.
  16. Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No orixinal: pras.
  17. Compogoso significa propicio, favorable, próspero. Quere dicir que a colleita nun ano así será abundante.
  18. Vozes gallegas, ed. de J. Leite de Vasconcellos, 1845. No orixinal: mayo, cayo.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Real Academia Galega, s. v. abril. No orixinal: mayo.
  20. Juan Sobreira Salgado: Papeletas.
  21. Real Academia Galega, s. v. abril. No orixinal: frio, para os meus dentes.
  22. Real Academia Galega, s. v. abril. No orixinal: frio.
  23. 23,0 23,1 Refraneiro do viño, 49.
  24. Refraneiro do viño, 23. No orixinal: pántrigo.
  25. Poias son bólos de pan, como tortas pequenas e aplastadas. En Verín pagábase con elas ó forneiro.
  26. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: mayo, matô.
  27. 27,00 27,01 27,02 27,03 27,04 27,05 27,06 27,07 27,08 27,09 27,10 27,11 27,12 27,13 27,14 27,15 Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
  28. 28,0 28,1 Eladio Rodríguez González, s. v. día.
  29. Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No orixinal: Páscoas.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  31. Eladio Rodríguez González, s. v. pan.
  32. San Xurxo (ou Xorxe) celébrase o 23 de abril.
  33. 33,0 33,1 33,2 Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
  34. Eladio Rodríguez González, s. v. cebada.
  35. Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: d’abril, hènche.
  36. Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No orixinal: ó carro nin ó carril.
  37. Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia.
  38. Elixio Rivas Quintas (1978). Rivas Quintas define xarapada como chuvieira forte e fría.
  39. Refraneiro do viño, 51.
  40. Eladio Rodríguez González, s. v. podar.
  41. 41,0 41,1 41,2 Eladio Rodríguez González, s. v. Entroido.
  42. O libro do porco, 36. Explica que o de Domingo lardeiro lle vén de "lardo", polo moito que se come nese día.
  43. Eladio Rodríguez González, s. v. maio.
  44. 44,0 44,1 O libro do porco, 36.
  45. Lino Lema Bouzas, 4.
  46. 46,0 46,1 46,2 Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  47. Son as fases da vida do lobo.
  48. Real Academia Galega, s. v. abril. No orixinal: deixame, mayo, cayo.
  49. Eladio Rodríguez González, s. v. fariña.
  50. Real Academia Galega, s. v. abril. No orixinal: mayo, matao, de un.
  51. Aníbal Otero Álvarez (1977).
  52. Eladio Rodríguez González, s. v. salmón.
  53. Refírese ás sucesivas idades do raposo. Eladio Rodríguez González, s. v. marzo. No orixinal: i en agosto.
  54. Real Academia Galega, s. v. 'agosto. No orixinal: mayo, ja sayo, San Juan, ja fuxo, ao can, ja pillo, ja son, bon.
  55. 55,0 55,1 55,2 55,3 55,4 55,5 Eladio Rodríguez González, s. v. cuco.
  56. Real Academia Galega, s. v. abril. No orixinal: co’a.
  57. Eladio Rodríguez González, s. v. espiga.
  58. 58,0 58,1 Elixio Rivas Quintas (1978).
  59. Elixio Rivas Quintas (1978). Rivas Quintas define moliñeiro como tempo nubrado, no que chove pouco pero persistentemente.
  60. San Xurxo, 23 de abril. A fonte, Esmorís Recamán, describe o leiracho como a un paxaro parecido á rula, de penuxe amarela verduxa e carne moi estimada. Ben pode tratarse do ouriolo.
  61. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: mayo, ayroso, fay, garvoso.
  62. Eladio Rodríguez González, s. v. maio.
  63. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: mayo, San Joan.
  64. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: Marzo espigarzo, abril pendoril, mayo granado, San Joan segado, Santa Mariña a ayriña.
  65. Tamén corre como adiviña, tendo como solución o pan, é dicir, o trigo.
  66. Eladio Rodríguez González, s. v. semana.
  67. Refírese ó horto das sandías.
  68. O libro do porco, 37.
  69. Eladio Rodríguez González, s. v. abril, s. v. cuco (no orixinal: cobil).
  70. Lino Lema Bouzas, 6.
  71. Clodio González Pérez, 142.
  72. Eladio Rodríguez González, s. v. queixo.
  73. Eladio Rodríguez González, s. v. año.
  74. Eladio Rodríguez González, s. v. enxame.
  75. Eladio Rodríguez González, s. v. escacho.
  76. O libro do porco, 38.
  77. San Marcos celébrase o 25 de abril.
  78. Elixio Rivbas Quintas (1978). Por Ourense, as bromas do día dos inocentes non se celebran o 28 de decembro senón o primeiro de abril (Antón Fraguas, 102).
  79. Lino Lema Bouzas, 7.
  80. Eladio Rodríguez González, s. v. sardiña.
  81. Quere dicir que se en marzo non se aran e se preparan ben as terras, cando chega o momento de sementa-lo millo, en abril, mal se poderá facer este labor. Refrán recollido en Meis. Fonte: Eugenio Reguera y Pardiñas: Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano, ed. de J. L. Pensado (Cadernos de Lingua, RAG, 1995).
  82. Eladio Rodríguez González, s. v. queixo. No orixinal: sea.
  83. Eladio Rodríguez González, s. v. salmón.
  84. Eladio Rodríguez González, s. v. Coresma. Na Voz de Galicia (5.07.1986) reprodúceno con erros de transcrición: o sábado, teñen razón.
  85. Refraneiro do viño, 53. No orixinal: sea.
  86. Eladio Rodríguez González, s. v. pan.
  87. Pregunta o labrego ó allo.
  88. Eladio Rodríguez González, s. v. sardiña.
  89. Lino Lema Bouzas, 8.
  90. Sendo san Xurxo o 23 de abril, o refrán alude ás larpeiradas pascuais, despois da abstinencia da Coresma.
  91. Lino Lema Bouzas, 9. No orixinal: saladas.
  92. Santa Marta celébrase o 29 de xullo; San Lázaro, o domingo anterior a Ramos.
  93. Crese que se non vén o cuco nestes meses haberá grandes desgracias. Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
  94. San Xurxo, 24 de abril.
  95. Eladio Rodríguez González, s. v. cereixa.
  96. Eladio Rodríguez González, s. v. sol.
  97. Eladio Rodríguez González, s. v. abril. No orixinal: folla.
  98. Real Academia Galega, s. v. abril. No orixinal: folla, erro por solla, deixâ.
  99. Eladio Rodríguez González, s. v. día. No orixinal: comos.
  100. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: Janeyro giadeyro, febreyro escarabanadeyro, marzo amoroso, abril chuvioso, mayo ventoso, San Joan caloroso, que fay o ano formoso.
  101. O libro do porco, 42.
  102. Xaquín Lorenzo Fernández, 50.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar