Abrir o menú principal

A sombra de Orfeo

obra de teatro de Ricardo Carballo Calero

A sombra de Orfeo. Comedia en tres lances é unha peza teatral de Ricardo Carballo Calero. Foi escrita en 1948 en Esteiro (Ferrol) e publicada pola Editorial Galaxia en 1971[1]. Foi reeditada en 1982[2].

A sombra de Orfeo
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Teatro
EditorialEditorial Galaxia

PersonaxesEditar

  • Rafael
  • Mariana
  • Magdalena
  • Luísa
  • Fermina
  • Elvira
  • Antonia

DesenvolvementoEditar

Lance Primeiro. Estancia dunha casa rústica habilitada para estudio de músico e pintor.

  • Escena I

Mariana le unha carta de Rafael Golpe, famoso músico, na que acepta a proposta dela de lle facer dous retratos. A cambio pídelle que lle deixe unha cabana para ir alí con Luísa compoñer. Logo a pintora Mariana dialoga con varias discípulas e sabemos que el é o seu marido, pero xa non hai amor.

  • Escena II

Marchan as discípulas e antes quedan para iren á cabana ver o pintor.

  • Escena III

Rafael e a discípula Luísa dialogan xa na cabana, acaban de chegar, ela é case unha escrava do xenio sen vida propia e asume ese traballo con gusto.

  • Escena IV

A moza Magdalena, discípula de Mariana, entra na cabana á noite, dialoga co pintor. Vai quedar a durmir na cama e el no sofá.

Lance segundo. A mesma decoración ca no primeiro.

  • Escena I

Á mañá entra Luísa e dille ao pintor que apure, que vai chegar a súa muller. Estráñase de atopalo durmindo no diván. Magdalena, a “laverca”, di el, xa marchou.

  • Escena II

Entra Mariana e mentres Luísa prepara o almorzo dialogan sobre o traballo desta sempre ao dispor do mestre e sen intereses propios, negando a súa valía musical.

  • Escena III

Chegan as discípulas desexosas de coñeceren a Rafael.

  • Escena IV

Breve escena na que as mulleres seguen nerviosas por veren o músico.

  • Escena V

Mariana preséntalle as discípulas a Rafael. Coméntanlle que a mellor é Magdalena (ignorando que Magdalena xa estivo alí a durmir).

  • Escena VI

Comeza a pintora os retratos e vaille falando das discípulas, sobre todo de Magdalena.

  • Escena VII

Entra Magdalena, preséntanse, dialogan longamente sobre como deben ou deberían ser os retratos. Mariana dille que xa non é discípula, é tanto coma ela. Acaban acordando que cada unha delas fará un retrato do músico: “¿Vestiríalo de Orfeo, Magdalena?... !Por Deus, Mariana! De Orfeo só a luz infernal”.

Lance terceiro. A mesma decoración ca nos anteriores. Os retratos están rematados.

  • Escena I

Rafael rematou a obra musical e agradécelle a Luísa as moitísimas suxestións e correccións, ela coma sempre agradecida de que llas tivera en conta. Rematados os retratos, para Rafael o de Magdalena: “son verdadeiramente Orfeo. Transfiguroume”. Sobre o de Mariana pensa el: “pintou un monstro”.

  • Escena II

Entra Magdalena e conversa con Rafael sobre o cadro e unha sinfonía que lle vai dedicar. O pintor considera que Luísa é como un ninguén, con ela diante considérase coma se estivese só.

  • Escena III

Rafael, Magdalena, Luísa, Mariana, Fermina. Elvira. Antonia.

Chegou o momento de que as discípulas vexan os cadros e opinen. Eloxian o bo retrato de Magdalena e do de Mariana: “¿Que quixeches facer, Mariana, unha caricatura?”. E entón Mariana toma unha decisión inesperada.

  • Escena IV

Rafael dítalle a Luísa dúas cartas de despedida para Mariana e Magdalena. E el tamén toma unha decisión inesperada.

CaracterísticasEditar

Na edición de 1971 dise:

... aborda problemas de psicoloxía erótica e profesional tratados cunha especial atención aos puntos de cruce de ambas liñas de comportamento humán, nun tono en que se elide a formulación específica do drama, só estoirante afinal nunha súpeta esplosión –e enganosamente- neutralizada por un desenlace epigonal con aparencia de anticlímax[3]

Segundo Sindo Villamayor:

... é unha comedia psicolóxica en tres lances. Ademais da recreación do mito de Orfeu, nesta obra hai un drama de mulleres; así, os eixos nucleares da acción dramática serían o (des)amor e a arte, tratados por Carvalho dentro das normas do teatro realista, respecto das esixencias de verosimilitude e das unidades de acción e de espacio[4]

O mesmo autor deixou dito sobre a obra:

... é realista no seu desenrolo, pero tamén responde a un pensamento. É, sobre todo, unha comedia psicolóxica... Tamén é un drama de mulleres, porque hai drama, non comedia, "A sombra de Orfeo", onde a única personaxe masculina é o músico e ao redor del xiran unha constelación de mulleres, todas elas, desde logo, dalgunha maneira, eroticamente relacionadas con el: a súa propria muller, a discípula da súa muller, a secretaria, coa cal non ten relación algunha erótica expresa, pero que, ao parecer, supón unha devoción por parte dela que, se non é atracción amorosa, non sei como chamarlle. En fin, hai unha serie de mulleres que xiran ao redor dun home, o cal sen embargo non se entrega en definitiva a nengunha, porque é un artista e considera que a muller é un elemento perturbador na súa creación artística[5].

Segundo Henrique Rabuñal:

A sombra de Orfeu, unha comedia psicolóxica de mulleres artistas con evidente substrato mítico e que predica moito do noso autor. Rafael accede a posar polas mañás para Mariana, de quen está separado, dedicando as tardes á música. A experiencia é seguida con interese por outras pintoras e en particular por Magdalena, quen vai facer un retrato antitético do de Mariana. O amor é incompatíbel coa arte.[6].

NotasEditar

  1. Carballo Calero, Ricardo (1971). Catro pezas. A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro. Editorial Galaxia. 
  2. Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3. 
  3. Carballo Calero 1971, p. lapela.
  4. Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1040. ISBN 84-89679-05-3. 
  5. Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 260-261. ISBN 84-7154-654-X. 
  6. Rabuñal, Henrique. "Carvalho Calero na historia do noso teatro". adiante.gal. Consultado o 17/10/2018. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar