A.A. Dominicos

(Redirección desde «AA Dominicos»)

O Club Antigos Alumnos Dominicos é un club de hóckey a patíns da cidade da Coruña, que compite na OK Liga Prata, segunda categoría do hóckey español. Con máis de 60 anos de historia é, xunto co H.C. Liceo un dos equipos históricos do hóckey coruñés e galego. Entre os grandes logros do club figura a Copa do Rei de 1990. Gañou tamén un campionato de España xuvenil e un alevín no ano 2013, sendo o primeiro equipo galego en acadalo.

A.A. Dominicos
CidadeA Coruña, Galicia Galicia
Historia1957
Fundado1957
PavillónPavillón do Colexio dos Dominicos
PresidenteGalicia Carlos García-Raposo
AdestradorGalicia Manuel Togores
CompeticiónOK Liga Prata
Títulos
Copa do Rei1990
Cores          Negro e branco
Sitio web
Sitio web oficial

Historia editar

O club naceu en 1957 no seo do Colexio Dominicos da Coruña,[1] onde conseguiu contar con máis de 200 rapaces nas súas filas. En 1980 o club conseguiu o ascenso á División de Honra, logo de finalizar campión do Grupo I da Primeira División con 42 puntos, cinco máis que o segundo clasificado do seu grupo, o Josaleta, ao que derrotou o 30 de marzo na derradeira xornada ligueira por sete goles a tres.[2] Para rematar a tempada, o Dominicos disputou na cidade madrileña de Alcobendas o Torneo de Campións, que o enfrontou aos tres equipos campións dos seus respectivos grupos na Primeira División, e que polo tanto xa estaban ascendidos á División de Honra: o Ruán Alcobendas, o Club Patín Claret de Sevilla (campión do Grupo III) e o Mollet Hoquei Club de Mollet del Vallès (campión do Grupo IV).[3] Finalmente os da cidade vella non serían quen de gañar ningún dos tres partidos, finalizando na última posición con tres derrotas: 12-3 fronte ao Mollet na primeira xornada, 2-1 fronte ao Ruán Alcobendas, e 7-5 fronte ao Claret, se ben neste último os colexiais mandaron no marcador durante todo o partido ata o minuto 23, momento no cal os andaluces empataron o partido a cingo goles, e finalmente acabarían sentenciando con dous tantos máis.[4]

Na máxima categoría permaneceu durante 10 anos.[1]

A Copa de 1990 editar

O maior logro do equipo chegou na tempada 1989-90, cando o club se alzaba co título da Copa do Rei ao vencer na final disputada en Alcobendas o 4 de marzo de 1990 ao Reus Deportiu por 2 goles a 1, converténdose no segundo equipo galego en alzar este título (e terceiro equipo non catalán en conseguilo), e sendo o segundo equipo en conquistar o título sen contar con ningún xogador catalán nas súas filas.[5] O equipo adestrado daquela por Carlos Gil conseguían adiantarse na final cun gol de Fernando Avecilla no minuto oito, mais a pesar de ter numerosas ocasións os coruñeses, o marcador non se moveu. Na segunda parte, un gol de Quim López situaba a igualdade no marcador, ata que no minuto dezaseis da segunda parte Beni situaba o 2 a 1 que sería definitivo.[6]

Os xogadores que conformaban o equipo que conseguiu o único título estatal ata a data do equipo herculino foron:[7]

Adestrador: Carlos Gil

Os anos lonxe da elite editar

Logo da conquista da Copa do Rei o club herculino disputou a Copa CERS na tempada 1990-91, mais caeron en cuartos de final fronte ao Novara por seis goles a cinco, nun partido no que os da cidade vella tiveron a clasificación na man ao descanso logo de ir gañando por catro goles a un na segunda metade, mais os goles de Amato (3) e Marzella (2) deron a clasificación ao cadro italiano.[8] Con todo, unha mala xestión condenou ao equipo á perda de categoría. Logo de permanecer afastado da elite do hóckey a patíns español durante moitos anos, no 2005 estivo a piques de ascender á Primeira División a pesar de ser un club modesto, nun partido que máis de 1.000 persoas presenciaron dende as bancadas. Finalmente, na tempada 2012-13, o Dominicos domina a Primeira División Galega con dous puntos de marxe sobre o Coinasa Liceo B e cinco respecto ao Escola Lubiáns, na fase de ascenso á Primeira División estatal os coruñeses impúñanse con claridade en Burgos ao RC Josaleta (2-6), ao Biesca Gijón (5-4), e ao equipo local do CP Burgos (6-3), conseguindo deste xeito o ascenso á segunda categoría do hóckey a patíns español.[9]

En 2016 o equipo feminino do Dominicos, dirixido por Stanis García e Tomás de Llano, conseguiu o título da Liga Galega, o que lle concedeu unha praza na OK Liga Feminina, con todo, a falta de xogadoras e de recursos non fixeron posible a confección dun equipo competitivo e finalmente a inscrición do equipo na máxima categoría do hóckey a patíns feminino español.[10]

En 10 de maio de 2019 o Dominicos conseguiu de novo o ascenso á OK Liga Prata, a segunda categoría do hóckey a patíns español, quedando catro xornadas por disputar. Deste xeito o equipo coruñés dirixido por Carlos Loureiro puxo fin a unha exitosa tempada que comezou co dominio na Liga Galega,[11] e na que finalmente finalizou na segunda posición do Grupo Norte da OK Liga Bronce por detrás do Real Club Josaleta de Getxo cun rexistro de oito vitorias, tres empates e tres derrotas para un total de 27 puntos.[12]

Base editar

O equipo destaca pola súa base, saíndo das súas categorías inferiores xogadores coma Alejandro Avencilla, Juan Copa ou o ex-liceista Willy Duarte. O club conseguiu clasificar a equipos de base para campionatos de España en numerosas ocasións.

Palmarés editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Varela, María (29 de abril de 2013). "Los clásicos siempre vuelven". La Opinión (en castelán). Consultado o 20 de abril de 2018. 
  2. Martorell, Eduardo (2 de abril de 1980). "ACABO LA LIGA EN PRIMERA DIVISIÓN, SIN SORPRESAS". El Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 20 de decembro de 2018. 
  3. Martorell, Eduardo (23 de maio de 1980). "SE INICIA EL TORNEO DE CAMPEONES EN ALCOBENDAS". El Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 20 de decembro de 2018. 
  4. González Cabrera, Rafael (26 de maio de 1980). "EL MOLLET SE ADJUDICO EL TORNEO DE CAMPEONES". El Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 20 de decembro de 2018. 
  5. Gallen, Carles (6 de marzo de 1990). "El éxito de la modestia". El Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 12 de abril de 2018. 
  6. Gallen, Carles (5 de marzo de 1990). "1-2: La fiesta fue coruñesa". El Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 12 de abril de 2018. 
  7. Gallen, Carles (4 de marzo de 1990). "Una finalísima sin favorito". El Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 12 de abril de 2018. 
  8. López, Blay; González, Rafa (21 de abril de 1991). "Igualada y Reus, a semifinales". El Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 12 de abril de 2018. 
  9. "Dominicos i Santa Maria del Pilar, nous equips de Primera Divisió" (en catalán). okcat.cat. 27 de abril de 2013. Consultado o 12 de abril de 2018. 
  10. "El equipo femenino del Dominicos no jugará en la OK Liga". La Opinión (en castelán). 16 de xuño de 2015. Consultado o 11 de setembro de 2018. 
  11. Varela, María (11 de maio de 2019). "El Dominicos vuelve a la élite". La Opinión (en castelán). Consultado o 3 de novembro de 2019. 
  12. "OK LIGA BRONCE 2018/19. CLASIFICACIONES" (en castelán). Real Federación Española de Patinaxe. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2019. Consultado o 3 de novembro de 2019.  |urlarquivo= e |url-arquivo= redundantes (Axuda); |dataarquivo= e |data-arquivo= redundantes (Axuda)

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

x