Aérospatiale N 262

O Aérospatiale N 262 é un avión turbohélice de pasaxeiros francés de á alta fabricado primeiro por Nord Aviation (fusionado en Aérospatiale en 1970). O avión tamén é coñecido como Nord 262.

Aérospatiale N 262
Tipopasaxeiros
FabricanteAérospatiale
Primeiro voo24 de decembro de 1962
Introducido1964
Principais usuariosForza Aérea de Francia
Armada de Francia
Allegheny Airlines
Produción1962 - 1976
Unidades construídas110

Deseño e desenvolvemento editar

En 1957 o contrutor aeronáutico francés Max Holste comezou a traballar nun transporte utilitario de transporte bimotor para substituír os Douglas DC-3/C-47 Skytrain. O prototipo, o Max Holste MH.250 Super Broussard, estaba impulsado por dous motores radiais Pratt & Whitney Wasp e voou por primeira vez o 20 de maio de 1959.[1][2] Un segundo prototipo, o MH.260, impulsado por turbohélices Turbomeca Bastan voou o 29 de xullo de 1960.[2] En 1959, a compañía estatal Nord Aviation (despois fusionada conh Sud Aviation e renomeada Aérospatiale) asinou un acordo con Max Holste para comercializar e axudar a fabricar o MH.260. Porén, os problemas económicos de Max Holste fixeron que Nord se fixese cargo de todo o programa, o que incluía seguir desenvolvendo o avión, mentres que Max Holste concentrándose na produción de avións lixeiros, pasando a chamarse Reims Aviation.[1]

Aínda que se fabricaron nove MH.260, o tipo non atopou compradores comerciais, e Nord redeseñou o avión para que tivese unha cabina presurizada e cumprise os requisitos de aeronavegabilidade estadounidenses.[3][4] O novo avión de pasaxeiros, o Nord 262, era como o MH.260, un avión monoplano con á alta cantilever de construción totalmente metálica, impulsado por dous Turbomeca Bastan, e equipado cun tren de aterraxe en triciclo retráctil.[5] A presurización trouxo unha nova fuselaxe de sección circular,[6] que normalmente estaba equipada con asentos para 26 pasaxeiros, cunha capacidade máxima de 29.[5]

O primeiro prototipo voou o 24 de decembro de 1962 e o avión expúxose no Paris Air Show en xuño de 1963. O avión recibiu o seu certificado de aeronavegabilidade francés o 16 de xullo de 1964 e entrou en servizo con Air Inter en setembro dese ano.[6]

Inicialmete construíronse catro versións do avión, as 262A, 262B, 262C, e 262D. As dúas primeiras estaban equipadas con motores Bastan IVC, mentres que os modelos C e D levaban o máis potente Bastan VIIC. A meirande parte das vendas dos primeiros avións foron para clientes militares. O 262D foi a versión máis popular e comercializouse co nome de Frégate.[7]

En canto á designación estadounidense, os avións "Mohawk 298" eran Nord 262 modificados e voaron por vez primeira o 7 de xaneiro de 1975, equipados con turbohélices Pratt & Whitney Canada PT6A-45. Construídos para cumprir a regulación FAR 298 estadounidense, a modificación do avión foi supervisada por Mohawk Air Services e subcontratouse a Frakes Aviation. Allegheny Airlines foi o primeiro operador da aeronave.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Chillon, Dubois & Wegg 1980, p. 68
  2. 2,0 2,1 Stroud 1966, p. 171
  3. Chillon, Dubois & Wegg 1980, pp. 68-69
  4. Stroud 1966, pp. 172-173
  5. 5,0 5,1 Taylor 1965, p. 49
  6. 6,0 6,1 Stroud 1966, p. 173
  7. Taylor 1971, p. 39

Bibliografía editar