O Paris Air Show (en francés tamén coñecido como o Salon international de l'aéronautique et de l'espace de Paris-Le Bourget ou Salon du Bourget) é o festival aéreo e exposición da industria aeroespacial máis grande do mundo en termos de número de expositores e tamaño da área do festival. No segundo lugar atópase o Farnborough Air Show, seguido polo Dubai Air Show e o Singapore Airshow.[1] A última edición foi a número 53 e celebrouse entre o 17 e o 23 de xuño de 2019 con 2 453 expositores de 49 países nun espazo de máis de 125 000 m². O evento presume tamén de ser o festival aéreo máis antigo do mundo.[2] Creado no ano 1909, celébrase cada ano impar dende 1949 no aeroporto de París-Le Bourget, no norte de París.

Paris Air Show 2007

É unha gran feira da industria aeronáutica, con demostracións de avións tanto militares como civís, e a ela asisten moitas forzas militares e os principais construtores aeronáuticos, que adoitan a anunciar alí grandes vendas de avións. O festival comeza con catro días para os profesionais e despois ábrese para o público xeral dende o venres ata o domingo. O formato é semellante ao de Farnborough e ao ILA Berlin Air Show, os dous celebrados en anos pares. Está organizado polo principal organismo representativo da industria aeroespacial francesa, o Groupement des industries françaises aéronautiques et spatiales (GIFAS).

Notas editar

  1. Shaw-Smith, Peter. "2017 Dubai Airshow Expected To Be Largest Yet". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2020-11-21. 
  2. Carey, Bill. "U.S. Military a No-show At 2013 Paris Air Show". Aviation International News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2020. Consultado o 2020-11-21.