Mars Odyssey

Sonda espacial estadounidense enviada a Marte.
(Redirección desde «2001 Mars Odyssey»)

Mars Odyssey, tamén coñecida como 2001 Mars Odyssey, é unha sonda espacial da NASA lanzada o 7 de abril de 2001 mediante un foguete Delta 7925 desde o centro espacial de Cabo Cañaveral para estudar Marte.[1][2][3]

Mars Odyssey
Representación de Mars Odyssey sobrevoando Marte.
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualEn órbita marciana.[1][2][3]
Data de lanzamento7 de abril de 2001, 15:02 GMT[1][4][5][6]
Foguete portadorDelta 7925[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro espacial de Cabo Cañaveral[1][2]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.[1][2]
NSSDC ID2001-014A
Masa376,3 kg[1]

Características editar

Mars Odyssey foi parte do proxecto Mars Surveyor 2001, que consistía nun orbitador (Mars Surveyor 2001 Orbiter) e nun aterrizador (Mars Surveyor 2001 Lander). O aterrizador foi cancelado despois do fracaso da Mars Polar Lander e do Mars Climate Observer e da reorganización do proxecto de exploración de Marte, quedando como única parte supervivente o orbitador, rebautizado como Mars Odyssey. A súa misión é estudar Marte e determinar se nalgún momento da súa historia Marte foi apto para albergar vida, estudar os riscos da radiación para futuras misións tripuladas e servir como enlace de comunicacións con outras misións, en especial vehículos de superficie. A duración da misión nominal da sonda debía ser de tres anos.[1][2][3]

A estrutura principal ten forma de caixa cunhas dimensións de 2,2 m x 1,7 m x 2,6 m, cunha masa ao lanzamento de 725,0 kg, incluídos 348,7 kg de propelente. A nave está formada por dous módulos: o superior contén os instrumentos científicos e a enxeñería, mentres que a parte inferior alberga o sistema de propulsión. Da estrutura principal sobresae un panel solar con células de arseniuro de galio e un mastro coa antena de alta ganancia no seu extremo. O motor principal, alimentado por hidracina e tetróxido de nitróxeno, ten un pulo de 65,3 kg. O control de actitude ten lugar mediante catro propulsores de 0,1 kg de pulo, con catro propulsores de 2,3 kg de pulo como apoio. A nave estabilízase nos tres eixos mediante tres volantes de inercia, existindo un volante adicional de apoio. O coñecemento da posición da nave lógrase mediante un sensor solar, unha cámara seguidora de estrelas e unha unidade inercial. A enerxía eléctrica proporcionada polo panel solar alimenta unha batería cunha capacidade de 16 amperios-hora. As comunicacións coa Terra teñen lugar en banda X, e con outros vehículos marcianos en UHF.[1][2][3]

Instrumentación científica editar

Mars Odyssey leva a bordo un total de tres experimentos:[1]

  • MARIE (Mars Radiation Environment Experiment): mide a radiación no contorno marciano para determinar como afectaría a unha futura misión tripulada.
  • THEMIS (Thermal Emission Imaging System): cámara no infravermello para cartografar a composición da superficie marciana.
  • GRS (Gamma-Ray Spectrometer): un espectrómetro de raios gamma para estudar a composición da superficie e determinar a abundancia de auga.

Desenvolvemento da misión editar

Mars Odyssey foi lanzada o 7 de abril de 2001 ás 15:02:22 UTC. Durante o voo, en agosto, o instrumento MARIE non respondou durante unha das comprobacións e foi posto en hibernación. Unha vez en órbita foi recuperado, comezando a tomar datos a partir do 13 de marzo de 2002. A nave chegou a Marte o 24 de outubro de 2001, despois de sete meses de viaxe. Un encendido de 19,7 minutos de duración por parte do motor principal puxo a Mars Odyssey nunha órbita de 18,6 horas de duración arredor do planeta. Durante os meses seguintes, ata o 11 de xaneiro de 2002, a nave fixo unha serie de manobras mediante aerofreada para situarse na órbita de traballo, de 201 km de periapse e 500 km de apoapse. Durante as seguintes semanas a órbita foi modificada lixeramente ata acadar unha órbita circular definitiva de 400 km de altura.[1][2][3]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 NASA (1 de xullo de 2013). "2001 Mars Odyssey" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Mark Wade (2011). "Mars Odyssey" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "2001 Mars Odyssey (MGM)" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2013. 
  4. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARS ODYSSEY" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2013. 
  5. "Note verbale dated 23 October 2001 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (01-88239). 31 de outubro de 2001: 2. Consultado o 11 de agosto de 2013. 
  6. Claude Lafleur (2010). "Mars Odyssey 2001" (en inglés). Consultado o 11 de agosto de 2013. 

Véxase tamén editar