Ángeles Barreiro
Ángeles Barreiro Rico, nada en Boimorto o 26 de xullo de 1963, é unha ex atleta galega, especializada en lanzamento de disco e peso. Foi 11 veces campioa de España, 49 veces campioa de Galicia e competiu nos Xogos Olímpicos de 1992 en Barcelona.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de xullo de 1963 (61 anos) Boimorto, España |
Altura | 173 cm |
Peso | 75 kg |
Actividade | |
Ocupación | atleta |
Deporte | atletismo |
Disciplina deportiva | Lanzamento de disco |
Participou en | |
1992 | Xogos Olímpicos de 1992 |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Traxectoria
editarEstudou no IES Eusebio da Guarda da Coruña e comezou no atletismo da man do adestrador Raimundo Fernández. En xuño de 1978 no Estadio de Riazor, proclamouse por primeira vez campioa de Galicia absoluta en lanzamento de disco. Tiña só 14 anos e formaba parte do equipo de atletismo do Deportivo da Coruña. Durante as seguintes dúas décadas e medias dominou de xeito case absoluto os campionatos galegos de lanzamento de disco e peso, acadando entre as dúas disciplinas 49 títulos de campioa galega, e batendo o récord galego nas dúas modalidades.[2][3]
En 1980 proclamouse campioa de España júnior en lanzamento de disco, título que revalidou ao ano seguinte.[4] En agosto de 1983 recibiu por primeira vez unha convocatoria da selección española, sendo chamada polo seleccionador Carlos Gil para un evento no Estadio de Riazor contra a selección de Iugoslavia, no que Ángeles Barreiro acabou na terceira posición cun lanzamento de 44,24, lonxe das iugoslavas que ocuparon as dúas primeiras posicións.[5] Con todo, só uns días despois no Estadio de Balaídos, lanzou o disco a 49,62 metros, superando en máis dun metro o anterior récord de España, que estaba en mans de Encarnación Gambús.[6] Nos seguintes anos foi batendo sucesivamente o seu propio rexistro até en 17 ocasións,[7] e en 1994, en Ferrol, estableceu unha marca de 60,56 metros, distancia que non foi superada por ningunha atleta española nos seguintes 21 anos, ata que o conseguiu Sabina Asenjo en 2015.
Foi once veces campioa de España, entre 1985 e 1996, sendo Sonia Godall a única atleta que conseguiu vencela durante eses anos,[8] chegando a quitarlle un par de veces en 1991 e 1992 o récord de España, aínda que nas dúas ocasións este foi recuperado case de xeito inmediato por Ángeles Barreiro.[7] Ademais foi varias veces subcampioa de España de lanzamento de peso.
Internacionalmente logrou dúas medallas en disco nos Campionatos Iberoamericanos: un bronce en 1983 en Barcelona, por detrás da cubana Maritza Martén e a brasileira Odete Domingos, e unha prata en 1990 en Manaus, por detrás da portuguesa Teresa Machado e por diante da brasileira Elisângela Adriano. Ademais obtivo dous cuartos postos, na Habana 1986 e en Cidade de México 1988, e dous quintos postos, en Sevilla 1992 e Mar del Plata 1994. En 1991 disputou o Campionato do Mundo en Toquio, sen conseguir entrar na final. Participou catro veces nos Xogos Mediterráneos, sendo o seu mellor resultado un cuarto lugar en Atenas en 1991.[4]
En 1992 acudiu aos Xogos Olímpicos de Barcelona, onde a súa marca de 53,14 metros, non foi suficiente para meterse na final de lanzamento de disco.[8]
Competiu ata os 42 anos, e durante a súa extensa carreira militou en varios equipos: Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Universidade de Santiago, Universidade de Salamanca, Santiveri, Valencia Terra i Mar e Ría Ferrol. Poucos anos despois da súa retirada, en 2010, foille diagnosticado párkinson.[9]
Recoñecementos
editar- En 2017 recibiu o Premio á "Mellor traxectoria deportiva" da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) no marco da V Gala do Deporte Feminino Galego.[10]
Palmarés
editarCampionatos de España
editarTítulos | Proba | Anos |
---|---|---|
11 | Lanzamento de disco | 1985, 1986, 1987, 1988, 1989, 1990, 1991, 1992, 1994, 1995, 1996 |
Campionatos de Galicia
editarTítulos | Proba | Anos |
---|---|---|
18 | Lanzamento de disco | 1978, 1979, 1981, 1984, 1985, 1986, 1987, 1988, 1989, 1990, 1992, 1994, 1995, 1997, 1998, 1999, 2000, 2001 |
17 | Lanzamento de peso | 1981, 1984, 1985, 1986, 1987, 1988, 1989, 1992, 1993, 1994, 1997, 1998, 1999, 2000, 2001, 2002, 2003 |
14 | Lanzamento de peso (pista cuberta) | 1987, 1988, 1989, 1990, 1991, 1992, 1993, 1994, 1995, 1996, 1997, 2000, 2001, 2003 |
Notas
editar- ↑ "Ángeles Barreiro Olympic Results". Arquivado dende o orixinal o 09/11/2012. Consultado o 15/1/2018.
- ↑ "Campioas galegas de atletismo en pista cuberta" (PDF). atletismo.gal. Consultado o 22 de xullo de 2021.
- ↑ "Campioas galegas de atletismo ao aire libre" (PDF). atletismo.gal. Consultado o 22 de xullo de 2021.
- ↑ 4,0 4,1 "Biografía de Ángeles Barreiro" (PDF). Real Federación Española de Atletismo (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de xullo de 2021. Consultado o 22 de xullo de 2021.
- ↑ "«Gran Premio» de atletismo y España - Yugoslavia femenino". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de agosto de 1983. p. 30.
- ↑ "Inolvidable jomada en Balaídos, donde España ganó a Francia y Portugal". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de agosto de 1983. p. 21.
- ↑ 7,0 7,1 "Progresión dos récords de España de lanzamentos (feminino)" (PDF). Real Federación Española de Atletismo (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de xullo de 2021. Consultado o 22 de xullo de 2021.
- ↑ 8,0 8,1 Navaza, Emilio (7 de xaneiro de 2016). "Ángeles Barreiro (I)" (en castelán). Consultado o 22 de xullo de 2021.
- ↑ "Ángeles Barreiro: diez años contra el párkinson". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2020-01-18.
- ↑ "A Deputación, escenario da V Gala do Deporte Feminino Galego". Pontevedra Viva. Consultado o 2021-02-20.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Barreiro Rico, Ángeles". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 96.
- Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.