Criseida

personaxe da Ilíada, filla do sacerdote Crises

Criseida (ou Criseis) foi un personaxe da mitoloxía grega, vítima da Guerra de Troia. O seu verdadeiro nome era o de Astínome[1] pero quedou indentificada polo epíteto de Criseida, filla de Crises, un sacerdote do deus Apolo na cidade misia de Crise, na Tróade (Anatolia).

Criseida é devolta ó seu pai por Odiseo (Claude Lorrain, 1644)

Na Ilíada cóntase como os gregos comezan as operacións militares contra Troia atacando e conquistando as cidades subsidiarias, entre elas Lirneso. Nestes ataques previos, Aquiles capturou numerosas riquezas e prisioneiros e, entre eles, a Criseida, en Tebas, que entregou a Agamenón como botín de guerra[2], e que a fixo a súa concubina. Algunhas fontes din que Criseida era a esposa de Eetión, rei de Tebas[3]; outros din que Crises mandou a filla a Lirneso para poñela a salvo da guerra, ou ben que estaba alí para asistir a un festival en honor a Ártemis.

O pai, o sacerdote Crises, intentou rescatar a filla e ofreceulle a Agamenón un cuantioso rescate, pero este negouse a devolverlla. As palabras de Agamenón evidencian en canto a valoraba:

"¡Non a liberarei! Antes chegaralle a vellez no meu palacio alá en Argos, lonxe da súa patria, atarefada ante o tear e compartindo o meu leito. ¡Pero vaite, non me enfurezas, se é que queres volver san e salvo!" [4]
Ilíada I, 30-33

Crises pediu axuda ó seu deus, Apolo, que accedeu ás súas súplicas e someteu a un duro castigo ó exército grego: un andazo de peste[5][6] caeu sobre os soldados á vez que o propio Apolo se dedicaba a disparar as súas frechas mortais contra eles, causando incontables baixas[7]. Calcas, o adiviño, recoñecen que se trataba dun castigo de Apolo e que a única forma de librarse del era devolver a Criseida ó seu pai, ó que Agamenón se nega.

"Non é por causa dunha promesa nin dunha hecatompe polo que [Apolo] se queixa, senón polo sacerdote ó que aldraxou Agamenón, quen non liberou á súa filla nin aceptou o seu rescate; por este motivo, o deus que fere de lonxe tróuxonos dor e o seguirá traendo. Non apartará dos dánaos esta praga maldita ata que a rapaza, de acesa mirada, sexa devolta ó seu pai sen pago nin rescate e levemos a Crisa unha sagrada hecatombe. Tal vez, daquela, xa aplacado, poidamos convencelo"
Ilíada I, 93

Tras nove días de mortes sen conta, os heroes aqueos, convocados por Aquiles, esixiron a Agamenón que devolvese a Criseida, que fixera sacrificios a Apolo e detivese deste xeito o andazo que os estaba decimando.

Mosaico que representa a Crises ante Agamenón (Casa das Ninfas, Nápoles, s. IV a. C.)

Agamenón negouse en redondo e enfrontouse a Aquiles, que a piques estivo de sacar a espada e matalo, se non fose porque a deusa Atenea o parou colléndoo polo pelo e facéndose visible só para Aquiles. Finalmente, Agamenón cedeu, pero esixiu, como compensación, a entrega de Briseida, outra prisioneira que lle correspondera a Aquiles.

"Non quixen aceptar un espléndido rescate por Criseida, pois é grande o meu desexo de tela na miña casa. ¡Sen dúbida a prefiro a Clitemnestra, a miña lexítima esposa[8], pois non é inferior a ela nin en figura nin en talle, nin en intelixencia e labores! Con todo, estou disposto a devolvela se é o mellor, pois sen dúbida prefiro o meu exército a salvo que perecendo"
Ilíada I, 112-118

Pero Agamenón non admite quedar sen a recompensa que, en forma de botín de guerra, premia a todo guerreiro polo seu valor en combate. Esixe unha compensación e ameaza con quitarlle a súa parte a Odiseo, a Áiax ou, finalmente, a Aquiles. Fíxooo máis como castigo a Aquiles, para demostrar ante el e ante todo o exército, a súa autoridade pero Aquiles, a quen non lle queda outra que aceptar, monta en cólera e retírase da loita, o que supuxo un duro revés para os gregos.

"Xa que Febo Apolo insiste en arrebatarme a Criseida, enviareina de volta na miña nave coa miña tripulación. Porén, presentándome eu mesmo na túa tenda, levareime a Briseida, de fermosas meixelas, o teu premio, para que teñas ben claro canto máis poderoso son eu ca tí e que trema calquera outro antes de proclamar que é o meu igual e rivalizar comigo cara a cara"
Ilíada I, 182-188

Criseida asegurara ó seu pai que Agamenón nunca a tocara, pero o certo é que deu a luz un fillo, Crises o Novo[9], e, para explicalo, dixo que quedara embarazada do propio deus Apolo[10]; dise que tamén tivo unha filla, Ifixenia. De feito, existe unha tradición segundo a cal Criseida non quería deixar a Agamenón e teimaba en quedarse con el, e Crises terminou devolvendo a Criseida a Agamenón agradecido polo ben que a tratara[11].

Crises axeonllado ante Agamenón

Dise que Criseida era unha moza de dezanove anos, loura, delgada e pequena. Pola contra, Briseida era alta e morena, constituíndo os dous arquetipos de beleza feminina[12]. Homero refírese a ambas cos cualificativos de a de fermosas meixelas.

Iconografía editar

A figura de Criseida tivo pouca representación na iconografía, se ben aparece nalgúns vasos gregos. A modo de exemplo pódese citar unha cráter de figuras vermellas, datada no 370-360 a. C. e exposta no Museo do Louvre, na que aparece Crises axeonllado ante Agamenón, sentado no seu trono, e a figura de Criseida tras o pai.

Pola evidente relación con Criseida, cómpre lembrar a maior presenza na cerámica e pintura do momento en que os heraldos de Agamenón esixen a Aquiles a entrega de Briseida, tanto na antigüidade clásica como no neoclasicismo.

Notas editar

  1. Grimal, s. v. Criseida; Graves, px. 715.
  2. Hixino: Fábulas 121; Graves, px. 715.
  3. E pai de Andrómaca, a esposa de Heitor. Aquiles matouno, a el e ós seus fillos.
  4. Como se sabe, a Guerra de Troia puido estar programada por Zeus para provocar a morte do que consideraba un exceso de poboación no mundo, tal como insinúa Hesíodo no seu poema Traballos e días. Neste contexto, a reacción irada de Agamenón explícase como outra manobra de Zeus para prolongar a guerra e provocar máis mortes (Graves, px. 722). No mesmo sentido, o propio Aquiles recoñece, cando Agamenón lle devolve a Briseida e Aquiles decide poñer fin á súa cólera e regresar á loita, que "sen dúbida Zeus quería que a morte caera sobre moitos aqueos" (Ilíada XIX, 275).
  5. A imaxe das frechas de Apolo sementando a peste no campamento aqueo mantívose ata a Idade Media e máis alá, con numerosos exemplos nos que se relacionan a enfermidade cos anxos malos ou co mesmo Xesucristo que lanza á terra as frechas da peste. O culto a San Sebastián, avogoso contra a peste, tamén está relacionado con este feito (Helena Carvajal González: "San Sebastián, mártir y protector contra la peste", en Revista Digital de Iconografía Medieval, nº 13, 2015, px. 58-59).
  6. "Apolo destruíu case todo o exército, en parte de fame, en parte por unha peste" (Hixino: Fábulas 121).
  7. "Disparou primeiro contra as mulas e os rápidos cans, pero a seguir comezou a lanzar os seus afilados dardos contra os homes, acertándoos de pleno. As piras, repletas de cadáveres, ardían sen cesar" (Ilíada I, 50-53).
  8. Co tempo, esta confesión seralle botada en cara cando Clitemnestra -ou o seu amante, Existo- o maten ó regresar da guerra: "Mirádeo, xace en terra o que me ofendeu, o encanto de tódalas Criseidas da terra troiana" (Esquilo: Agamenón, px. 306).
  9. Este Crises tivo o seu papel no mito de Orestes, ó que salvou ó revelar que o seu verdadeiro pai era Agamenón e, polo tanto, era medio irmán de Orestes.
  10. Hixino: Fábulas 121.
  11. Grimal, s. v. Criseida.
  12. Grimal, s. v. Criseida.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Elvira Barba, Miguel Ángel (2008 (3ª ed 2017)). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464.  (en castelán)
  • Esteban Santos, Alicia: "De princesas a esclavas en Troya (Heroínas de la mitología griega III)", en Cuadernos de Filología Clásica nº 17 (2007), 45-75.
  • Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574.  (en castelán)
  • Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722.  (en castelán) [especialmente Fábula 121]
  • Homero (trad. Óscar Martínez García) (2010, 1ª ed; 2013, 3ª reimpr.). Ilíada. Alianza Editorial. ISBN 9788420678344.  (en castelán)