A peste é unha enfermidade infectocontaxiosa que afecta tanto a animais como a humanos, e que causa a bacteria Yersinia pestis que se espalla a través das pulgas das ratas Rattus rattus ou outros roedores.

Peste
Clasificación e recursos externos
ICD-10A20
ICD-9020
MedlinePlus000596
eMedicinemed/3381
MeSHD010930
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Ilustración da Peste nunha Biblia Medieval. A epidemia da Biblia poderá ou non ter sido Peste

Historia editar

A peste é, de todas as doenzas, unha das poucas que tiveron influencia determinante no desenvolvemento da historia da Humanidade.

A bacteria da peste presente nos roedores é sempre a orixe das epidemias. Hai dous reservatorios antigos, un ao pé dos Himalaias e outro na rexión dos Grandes Lagos en África. As restantes poboacións de roedores infectados existentes foron contaminadas en períodos históricos.

As poboacións dalgúns roedores das pradarías viven en altísimos números en enormes conxuntos de galerías subterráneas que comunican unhas coas outras. O número de individuos nestas comunidades permite á peste establecerse porque, co constante nacemento de crías, hai sempre suficiente número de novos hóspedes de forma continua. Naturalmente, as poboacións de ratos e de humanos nas (pequenas) cidades medievais nunca tiveron a masa crítica continua de individuos susceptibles para se manteren. Nesas comunidades de homes, a peste infecta todos os individuos susceptibles ata só restaren os mortos e os inmunes. Só despois de que xorde unha nova xeración non inmune e se volta maioritaria, pode a peste regresar. Nas comunidades humanas, polo tanto, a peste ataca en epidemias.

A Peste na Antigüidade editar

Hai varias referencias a epidemias mortíferas na Biblia. No período medieval, en que a peste era a principal doenza epidémica mortífera, estas alusións foron interpretadas como referentes a ela, unha idea que ten sido aceptada por moitos historiadores ata o presente. Porén, non existe ningún dato clínico que permita identificar as doenzas epidémicas da Biblia, como aquela que Deus tería mandado contra os filisteos como castigo por roubaren a Arca da alianza.

 
A peste en Ashdod, cadro de Nicolao Pousin, 1630. (Na verdade, a epidemia bíblica de Ashdod podería non ter sido peste)

A epidemia descrita por Tucídides que atinxiu Atenas no século de Pericles (século V a.C.), durante a Guerra do Peloponeso contra Esparta, matando un terzo da poboación, tamén foi considerada como peste. É moito máis probable, non obstante, que fora outra doenza como o Xarampón ou a Varíola. Daquela, de calquera forma, a poboación de Grecia era insuficiente para lle permitir establecerse, polo que desapareceu sen rastro.

No século I, Rufo de Éfeso, un médico grego, dános unha descrición máis clara de peste na Libia, Exipto e Siria. Describe os bubos duros, febre alta, dor e delirio. A descrición da doenza por Rufo deixa claro que a doenza era entón extremadamente infrecuente na rexión, a pesar da súa referencia por un médico do século III a.C. que a tería descrito, o que leva algúns historiadores a supor que xa sería endémica no Mediterráneo desde había moito. Porén, será máis probable que estas epidemias do século I sexan debidas a raros viaxantes infectados. De feito, foi por volta dos primeiros anos da Era de Cristo cando se estableceron as primeiras ligazóns regulares por barco do Exipto Romano coa India. A peste é transmisible de persoa a persoa, mais ese modo de transmisión mata axiña (en 2-3 días) e é ineficaz, logo as epidemias deste tipo son de curta duración e extensión. Como non existían poboacións de roedores infectados nesa época preto do Mediterráneo, a transmisión epidémica da peste por toda a Europa e Medio Oriente sería imposible.

A Peste de Xustiniano editar

Artigo principal: Peste de Xustiniano.

A peste de Xustiniano afectou o Imperio romano do Oriente, máis coñecido coñecido como Imperio Bizantino, en 541 e 542, chegando ao occidente do Mediterráneo en 543 e 544. Os historiadores da época dannos a primeira descrición inconfundible da peste.

Esta epidemia debe ter tido orixe na Etiopía a partir dos Grandes Lagos, ou polos navíos romanos que facían comercio coa India, e entrou no territorio de Bizancio por Exipto. Nesa altura o Exipto pagaba a anona, o imposto de gran de trigo, para abastecer os mercados de Constantinopla, como fixera anteriormente a Roma. Serían neses navíos onde se levou a peste á capital. Nesta cidade, a peste matou no seu pico preto de 10.000 persoas por día, segundo o historiador da época Procopio, acabando por matar ao 40% da poboación da cidade. A nobreza foi tamén decimada, levando o Emperador Xustiniano a promulgar novas leis de sucesión para lidar coa situación da perda aguda dos seus militares e burócratas.

Nesa altura, o Imperio Bizantino loitaba contra a ocupación bárbara das terras do antigo Imperio romano occidental, tendo xa, grazas aos seus xenerais Belisario e ao escravo imperial e eunuco Narsés, recuperado o Norte de África, incluíndo Cartago dos Vándalos, e a Italia e o sur de España (incluíndo o Algarve) dos Ostrogodos e Visigodos. A perda de fondos e de homes na capital debido á peste foi determinante na cesación das hostilidades no período de maior éxito, levando finalmente á derrota da campaña pola presión continua das tribos bárbaras non conquistadas que alí habitaban.

En total tería morto o 25% da poboación das costas do Mediterráneo Oriental, preto de 25 millóns de persoas.

Peste Negra editar

Artigo principal: Peste negra.

A Peste negra foi unha epidemia que chegou a Europa, a China, o Medio Oriente e outras rexións do Mundo durante o século XIV (1347-1350), matando un terzo da poboación de Europa e proporcións probabelmente semellantes noutras rexións. A peste non só decimou a poboación senón que destruíu a brillante civilización europea da baixa Idade Media, da construción das catedrais e do Feudalismo e Mercantilismo, que foi substituída pola bastante diferente civilización dos Descubrimentos e do Renacemento, logo que a poboación volveu a medrar.

Durante o período de revolución que causou, cuestionáronse institucións como a Igrexa católica, prosperaron novas formas de relixión místicas e de pensar e minorías inocentes como os leprosos e os xudeus foron perseguidas e acusadas de seren a causa da peste.

A "Terceira Pandemia" editar

A terceira pandemia ocorreu no século XIX, mais a súa diseminación foi efectivamente trabada polos esforzos dos médicos.

Iniciouse probabelmente na estepa da Manchuria, onde as marmotas infectadas foron cazadas en grandes números polos inmigrantes chineses que as vendían aos occidentais para producir casacas. A partir de 1855 espallouse por toda a China, ameazando os europeos de Hong Kong en 1894, o que levou ao envío de equipos médicos e bacterioloxistas á rexión. Porén, foi imposible espallar a súa diseminación por navíos para portos en todo o mundo, incluíndo na Europa e California. Tería sido entón cando os roedores salvaxes das pradarías americanas e do Brasil se infectaron.

Esta pandemia matou a 12 millóns de persoas na China e maila India.

A Ciencia da Medicina e a Peste editar

O primeiro investigador en considerar a peste negra unha doenza infecciosa foi Rhases, un médico árabe, no século X.

As primeiras medidas eficaces de saúde pública foron tomadas nos portos mediterráneos europeos. A corentena permitía aos portuarios verificar a presenza da peste e conter a súa diseminación eficazmente, secuestrando os ocupantes dun navío durante un período superior ao da incubación da doenza.

Porén, coa Terceira Pandemia foi cando comezou a investigación científica máis seria sobre a doenza, por investigadores traballando na Asia nos anos de 1890. O francés Paul Louis Simond identificou a pulga dos roedores como principal vector de transmisión. En 1894, en Hong Kong, o bacterioloxista suízo Alexandre Yersin illou pola primeira vez a Yersinia pestis, e determinou o seu modo de transmisión, tendo sido homenaxeado coa nomeación a partir do seu nome da especie responsable. Tamén en 1894 o médico Xaponés Shibasaburo Kitasato identificou independentemente o bacilo responsable.

A última epidemia de peste na Europa ocorreu na Ucraína e Rusia en 1877-1889, nas rexións da estepa (Urais e Caspio). Grazas ás medidas de contención, morreron apenas 420 persoas. A localización da última epidemia é reveladora xa que é na estepa onde se sitúa a poboación de roedores que albergan a bacteria endemicamente.

Medicina editar

Hoxe en día a peste non é un problema maior de saúde.

Yersinia pestis editar

Hai varias especies do xénero Yersinia, e a maioría son bacterias inocuas da flora intestinal normal. Son da familia das Enterobacteriaceae.

A Y. pestis é un pequeno bacilo encapsulado Gram-negativo, encapsulado e inmóbil, aerobio e anaerobio facultativo. Como todos os gramnegativos, non tolera exposición ao ar seco por moito tempo e contén externamente a molécula lipopolisacárido (LPS), ou endotoxina, que activa de forma despropositada o sistema inmunitario, levando á produción de citocinas que producen vasodilatación excesiva con risco de choque séptico e morte.

É capaz de variar os seus antíxenos externos e é resistente á acción do complemento (secreta encimas que o destrúen). Alén diso resiste á morte por fagocitose, a través do sistema de secreción tipo III, con que inxecta proteínas que bloquean por desfosforilación varias proteínas do fagocito envolvidas no proceso da fagocitose; destruíndo os filamentos de actinia, inhibindo a formación de citocinas e inducindo a apoptose do macrófago. A súa cápsula é protección adicional contra a fagocitose.

Transmisión editar

 
Rattus rattus, a especie de ratazana responsable pola diseminación da peste durante a Idade Media

A peste bubónica é unha doenza fundamentalmente de roedores (ratos, ratazanas, coellos, marmotas, esquíos). Espallase entre eles por contacto directo ou polas pulgas, séndolles normalmente fatal.

A peste nos humanos é unha típica zoonose, causada polo contacto con roedores infectados. As pulgas dos roedores recollen a bacteria do sangue dos animais infectados, e cando estes morren, procuran novos hóspedes. Mentres a bacteria multiplicase no intestino da pulga. Cans, gatos e seres humanos poden ser infectados, cando a pulga libera bacterias na pel da vítima. A Y.pestis entra entón na linfa a través de feridas ou microabrasións na pel, como a da picada da pulga.

Outra forma de infección é por inhalación de gotas de líquido de esbirros ou tose dun individuo doente.

Epidemioloxía editar

 
En amarelo: países con casos de Peste; en vermello, países con comunidades de roedores salvaxes infectados con peste

A peste foi unha epidemia extremadamente mortífera na Europa, China, Medio Oriente, Asia e África durante varias épocas, principalmente durante a baixa Idade Media. A última epidemia significativa ocorreu no fin do século XIX, na China e a India, mais aínda hoxe se rexistran casos en varios países, principalmente naqueles en que hai poboacións de roedores salvaxes infectados. Hai preto de 2000 casos por ano en todo o mundo, nas rexións en que hai roedores infectados.

Hai hoxe poboacións de roedores con peste endémica no Occidente dos EUA, á carón dos Himalaias, chairas da Eurasia setentrional (Mongolia, Manchuria na China, Ucraína), rexión dos grandes lagos na África oriental e algunhas rexións do Brasil e dos Andes. A transmisión da peste é rara e debida a contacto directo cos animais infectados e non a través de pulgas.

Progresión e Síntomas editar

A bacteria entra por pequenas quebras invisibles da integridade da pel. De aí espallase polos ganglios linfáticos, onde se multiplica.

Despois de, no máximo, sete días, no 90% dos casos presenta febre alta, mal estar e os bubos, que son protuberancias azuladas na pel. San na verdade apenas ganglios linfáticos hemorráxicos e inchados debido á infección. A cor azul-esverdeada vén da dexeneración da hemoglobina. O surximento dos bubos corresponde a unha taxa media de supervivencia que pode ser tan baixa como 25% se non for tratada. As bacterias invaden entón a corrente sanguínea, onde se multiplican causando peste septicémica.

A peste septicémica caracterízase polas hemorraxias en varios órganos. As hemorraxias para a pel forman manchas escuras, de onde ven o nome de peste negra. Do sangue poden invadir calquera órgano, sendo común a infección do pulmón.

A peste pneumónica pode ser un desenvolvemento da peste bubónica ou unha inhalación directa de gotas infecciosas expelidas por outro doente. Hai tose con expectoración sanguinolenta e purulenta altamente infecciosa. A peste inhalada ten menor período de incubación (2-3 días) e é logo de inicio pulmonar, sen bubos. Despois do surximento dos síntomas pulmonares a peste non tratada é mortal no 100% dos casos.

Mesmo tratada con antibióticos, e descontando a fase inicial, a peste ten aínda unha mortalidade do 15%.

Diagnóstico editar

O diagnóstico é feito por recolla de mostras de líquido dos bubos, pus ou sangue e cultura en meos de nutrientes para observación ao microscopio e análise bioquímica.

Prevención editar

Evitar o contacto con roedores e erradicalos das áreas de habitación é a única protección eficaz. O vinagre foi utilizado na Idade Media, xa que as pulgas e as ratas evitan o seu cheiro.

A peste é unha doenza de comunicación obrigatoria ás autoridades. Contactos de individuos afectados aínda hoxe son postos en corentena durante seis días.

Tratamento editar

Os antibióticos revolucionaron o tratamento da peste, tornándoa en axente da morte case certa en doenza facilmente controlable. San eficaces a estreptomicina, tetraciclinas e cloranfenicol.

Como arma biolóxica editar

A peste foi inicialmente introducida en Caffa como arma biolóxica. Cadáveres de turcos que morreran desa doenza foron catapultados para dentro das murallas da cidade, de onde se espallou dando orixe á Peste Negra do século XIV.

Durante a Primeira guerra mundial, o exército do Xapón desenvolveu a peste en canto arma biolóxica de diseminación por pulgas. Foi usada contra civís chineses e prisioneiros de guerra na Manchuria.

Durante a Guerra fría os EUA e a URSS desenvolveron estirpes xeneticamente modificadas de bacilos Y.pestis para a diseminación aerosolizada polo ar. A Unión Soviética probabelmente desenvolveu armas eficaces en grande volume, segundo algúns relatorios dos servizos secretos dos Estados Unidos, mais os datos específicos non son coñecidos e é probábel que os arsenais xa teñan sido destruídos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • McNeil, Willian (1976). Plagues and Peoples. Anchor Books. ISBN.