Zhan Guo Ce ou As estratexias dos Reinos Combatentes (chinés tradicional: 戰國策; chinés simplificado: 战国策; pinyin: Zhàn Guó Cè; Wade-Giles: Chan4 Kuo2 Ts'e4), tamén coñecido como Os anais dos Reinos Combatentes, é un texto chinés antigo que contén anécdotas sobre estratexias militares e políticas empregadas durante os Reinos Combatentes (s. V-III a.C.).[1] É unha obra importante deste período, xa que describe as súas características socio-históricas, así como as estratexias e concepcións políticas da Escola da Diplomacia.

Zhan Guo Ce (戰國策)
Autor/aAnónimo
OrixeChina
LinguaChinés clásico
Tema(s)Historia
Xénero(s)ficción histórica
Editorialvalor descoñecido
Data de pub.Século I a.C.
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Descoñécese con certeza a autoría do Zhan Guo Ce. En xeral, considérase que o libro non foi escrito por un único autor. É probable que fose composto por Su Qin (380-284 a.C.) e os seus colaboradores, antes de chegar ás mans de Liu Xiang (77-6 a.C.). A diferenza de moitos clásicos anteriores aos Qin, a súa autenticidade non foi posta en dúbida dende a dinastía Han do Oeste. O primeiro en considerar os textos como apócrifos foi o compilador da Siku Quanshu Zongmu Tiyao (四庫全書總目提要, "Bibliografía anotada dos Catro Tesouros", 1798), pero sen ofrecer ningunha xustificación. En 1931, Luo Genze argumentou que o libro fora composto por Kuai Tong. Porén, Zhang Xincheng refutaría esta idea posteriormente.[1]

Liu Xiang descubriu varias versións de textos da Escola da Diplomacia durante o seu traballo de editor e corrector das coleccións imperiais. Estas obras estaban en mal conservadas, con palabras e contidos ilexibles ou confusos. Liu Xiang editounas nun novo libro baixo o título Zhan Guo Ce.

Durante os séculos seguintes, perdéronse fragmentos importantes da obra. Zeng Gong, da dinastía Song, atopou algúns capítulos perdidos, editando a versión actual. No ano 1973, exhumáronse novos textos escritos en teas durante a escavación das tumbas de Mawangdui, preto da cidade de Changsha. Estaban redactados en escrita de selo e en escrita clerical. As transcricións realizáronse probablemente arredor do 195 a.C., pouco antes do seu enterramento.[1]

Contidos editar

Zhan Guo Ce conta a historia dos Reinos Combatentes dende a conquista do clan Fan polos Zhi en 490 a.C. até o intento de asasinato de Qin Shihuang perpetrado por Gao Jianli en 221 a.C.

Os capítulos están constituídos por anécdotas que ilustran diversas estratexias e enganos empregados polos Reinos Combatentes. Dado que o obxectivo é fornecer información política xeral máis ca presentar toda a historia do período, non hai unha periodización anual como nos Chunqiu (春秋, "Anais de primaveras e outonos"). Porén, as historias están reunidas cronoloxicamente polos reinados durante os que sucederon.

O libro comprende unhas mil duascentas palabras, divididas en trinta e tres capítulos, cun total de catrocentas noventa e sete seccións.

 
Puntas de lanzas do período dos Reinos Combatentes

Crítica literaria editar

Os aspectos intelectuais da obra foron obxecto de controversia debido á súa énfase na fama e os beneficios, e a súa discrepancia coa ideoloxía confuciana. Neste sentido, parece esaxerar as contribucións históricas da Escola da Diplomacia.

Por outra banda, o libro non ten pretensións de adecuación histórica. Dende o século XII, críticos coma Chao Gongwu ou Gao Sisun debateron sobre a clasificación da obra como documentación histórica, e houbo intentos de categorizala noutros xéneros. En 1936, académicos coma Zhong Fengnian argumentaron que o libro consiste nun manual de estilo da Escola da Diplomacia.[1]

Traducións editar

  • Bonsall, B.S. (c. 1920). Records of the Warring States.
  • Crump, J. (1970, 1996). Chan-Kuo Ts'e. Clarendon Press.
  • Crump, J. (2022). Legends of the Warring States: Persuasions, Romances, and Stories from Chan-kuo Ts'e. University of Michigan Press.
  • Hu, M. (2022). Oratory and Democracy in China: Four Dialogues from the Annals of the Warring States. Hermits United.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 He, Jinsuo (2001). 战国策研究 (Zhàn Guó Cè yán jiū, As estratexias dos Reinos Combatentes) (en chinés). Editorial da Universidade de Beijing. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar