Zapato Veloz

Zapato Veloz foi un grupo musical pop galego-asturiano, activo entre 1991 e 1994 e formado por Javier Díaz Gotín, José Carlos Álvarez Fernández e Mario Mosteiro Fernández.

TraxectoriaEditar

Javier Díaz iniciouse na música nun bar de Xixón. Nesa época compuxo o tema "Gijón del alma". Javier coñecía a José Carlos Álvarez xa da infancia, ao seren os dous de Trubia, preto de Oviedo. Comezaron a actuar co nome de Zapato Veloz, pero ao pouco José Carlos foi destinado a Ferrol para facer o servizo militar. Alí coñeceu o coruñés Mario Mosteiro.

En 1991 comezan as súas actuacións canda a Víctor, propietario do bar onde actuaba Javier, e gravan a súa primeira maqueta: Convinado de tacón, que incluía o tema "El tractor amarillo". Con este tema acadaron sona e actuaron nas festas da Santina de Xixón, en setembro dese ano.

Víctor abandonou a formación descontento co ton desenfadado das cancións. Xa en formato trío, gravan en Barcelona o disco Ponti 'country' la pared, con produción de Mikel Herzog, cuñado de Mario, que traballaba para Virgin Records España. O disco, de dez cancións, incluía de novo "El tractor amarillo", lanzado como primeiro sinxelo e que se converteu en canción do verán en 1992. O segundo sinxelo foi "Pandeirada sideral". O disco recibe o nome dunha canción na que se satiriza a John Wayne e o xénero do western. Outros temas do disco son "Toma nena" ou "En un crucero por el Nilo".

Acadaron certa sona en países como Italia, Arxentina, México, Chile ou Uruguai. En 1993 e 1994 participaron no Festival Internacional de Música de Acapulco, onde coincidiron con cantantes como Sting, Gloria Estefan ou Maná. Os seareiros do equipo de fútbol Club Atlético Independiente de Avellaneda (Arxentina) adaptaron "El tractor amarillo", e adoitan cantar unha versión da mesma.

En 1993 editaron o seu segundo disco, Zapato Veloz, que incluía 12 cancións, das cales 6 eran novas e 6 estaban xa no primeiro disco. A finais de 1993 publicaron Pa Tokiski, con dez cancións, das cales 3 xa foran editadas. Deste disco sacaron un sinxelo, "Manolín el piruleta". Outras cancións son "Un camello en San Fermín", "Cabra por Seur" ou "Lady Di". De Zapato Veloz tamén é o tema "En una tribu comanche", coñecida en feiras.

En 1994 decidiron abandonar o grupo. Chegaron a acadar 7 discos de ouro. Mario Mosteiro actualmente canta no grupo La Sonora Callejera.

A canción "El tractor amarillo" aparece no filme Todos a la cárcel (Luis García Berlanga, 1993), así como na película de Carlos Saura El séptimo día (2004), baseada no masacre de Puerto Hurraco.


 
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.