Yvain, o Cabaleiro do León

novela de cabalarías de Chrétien de Troyes
(Redirección desde «Yvain, o cabaleiro do león»)

Yvain, o Cabaleiro do León (en francés: Yvain, le Chevalier au Lion) é unha novela de cabalarías de Chrétien de Troyes. Foi escrita probabelmente en 1170, simultaneamente con Lanzarote ou o Cabaleiro da Carreta, e inclúe varias referencias aos acontecementos daquel poema. O personaxe principal, Yvain, baséase nunha figura histórica, Owain mab Urien.

Yvain rescata o león
Yvain combatendo contra Gauvain

Argumento editar

Un día, na Corte do Rei Artur, Calogrenant conta a súa aventura: atopa unha fonte máxica, e dinlle que se consegue verter a súa auga nunha gran pedra, se exporá a moitos perigos, en particular a unha terrible tempestade, pero tamén a sucesos marabillosos. Cando o fai, desencadéase unha tempestade que destrúe as colleitas e mata a xente do lugar. Pero despois, ocorre a marabilla: moitos paxaros de cantos melodiosos se pousan sobre a árbore. De pronto, un cabaleiro negro combate a Calogrenant e vénceo. Yvain decide vingar o seu primo. Chega ó castelo, mata o seu dono e namórase de Laudine, a viúva. Casa con ela pero despois, convencido por Galván, volve ás súas aventuras, e incumpre a súa promesa de volver ó cabo dun ano. Ela escríbelle e dille que non o quere volver ver, co que el tolea e vaga errante polos bosques. Alí bate cun león a pelexar cun dragón. Decide axudar o león e sálvao. Como agradecemento, este fica ao seu lado, polo que será chamado de aí en diante o Cabaleiro do León, e ambos vivirán unha serie de aventuras que terminarán por lle ensinar a Yvain o verdadeiro significado da honra, a amizade e o amor. Coa axuda dunha doncela da dona, recupera o amor da súa esposa e consegue o seu perdón.

A lenda do Cabaleiro do León en Galicia editar

Aínda que na literatura galega medieval non se conservan textos con esta historia, non hai dúbida que se coñecía. Un testemuño moi claro é o tímpano do mosteiro de Santa María de Penamaior (cisterciense), labrado contra 1255. Alí aparece Yvain, o cabaleiro triunfante levando as rendas do cabaleiro vencido, a fonte milagreira, representada polas ondas do círculo central, a árbore chea de paxaros, o cadrado ó pé da fonte onde se vertía a auga que desencadeaba tormentas e o león, co rabo bifurcado[1].

Notas editar

  1. Sánchez Ameijeiras, Rocío (2003). "Cistercienses y leyendas artúricas: el caballero del león en Penamior (Lugo)". Rocío Sánchez Ameijeiras y José Luis Senra Gabriel y Galán (coords.): El Tímpano románico: imágenes, estructuras y audiencias. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia: 295–321. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • TROYES, Chrétien de. Ivain, o Cavaleiro do Leão. En Romances da Távola Redonda. Tradución de Rosemary C. Abílio. São Paulo: Martins Fontes, 1991.
  • LACY, Norris J. Chrétien de Troyes. En The New Arthurian Encyclopedia, pp. 88–91. Nova York: Garland, 1991. ISBN 0-8240-4377-4.

Ligazóns externas editar