Yoplay foi un grupo musical galego, cun estilo enmarcado entre o indie rock, o postpunk e o art rock. Os seus membros son da comarca do Sar, e foi fundado en 2008.

Yoplay
OrixeGaliza
Período2008 - 2010?
Xénero(s)indie rock, post-punk, art rock
Na rede
Bandcamp

Entre as súas influencias están grupos como Franz Ferdinand, The Strokes, Joy Division, The Doors, Led Zeppelin, Jimi Hendrix, The Yardbirds, MGMT, White Stripes, Raconteurs, Babyshambles, The Libertines, Stereolab, Jesus and the Mary Chain, Triángulo de Amor Bizarro ou CatPeople.

Yoplay naceu en 2008 trala fin de Bolas Chinas, outro grupo da mesma zona, como novo proxecto de Carlos Beiró (guitarra), Ángela Pardal (batería), Nico (baixo) e Xacobe Gómez (guitarra), entrando Lois Brea, aconsellado por Carlos Beiró, que xa compartiran algunhas experiencias musicais xuntos; como cantante logo de coñecelo a través da plataforma MySpace. Pouco despois Ángel Refojo (Angelito) entrou como 2º baixista, para dar un toque máis dinámico e innovador ao grupo.

O son de Yoplay é moi característico debido o uso de efectos nos baixos, a singular voz do seu cantante, a contundencia do son achegado polas guitarras e a batería rápida e constante.

Nun primeiro momento Yoplay compuxo un par de temas, "Ex-no" e "Girl", cun son achegado ao rock tradicional con influencias indie, e completan o seu repertorio con versións dos Strokes, White stripes, Raconteurs e outros. Con este repertorio dan o seu primeiro concerto no II Festival do Sar, onde teñen unha aceptación considerable e un público moderado. A partir deste punto comeza a evolución do grupo que se afasta cada vez máis do indie máis tradicional experimentando co seu son en cada canción.

No verán de 2008 tocan na segunda edición do festival Artenativa e comparten cartel con algúns dos grupos máis importantes do panorama independente galego. Deste concerto existe unha gravación de 15 min. do fin do concerto pola Radio Galega. No verán tamén tocan no festival Antros Pinos de Taragoña.

A finais do 2008 comezan a gravación da súa primeira maqueta en Estudios Krakatoa, maqueta que verá a luz no ano 2009 co nome de Killmymother, que consta de seis temas: "Wiass", "I find it hard", "I miss your voice", "FemDom", "Girl" e "Camera". A maqueta atópase dispoñible de balde na plataforma A Regueifa en formato mp3.

As letras de Yoplay falan de temas como o sexo, a exaltación do ego, os impedimentos, as relacións, e temas escuros como a psicoloxía humana, a loucura ou o medo a perder o control.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar