Wikipedia:Sobre Galicia/xaneiro 2020

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) foi creada en 1992 polo concello da Coruña. Ten a súa sede no Palacio da Ópera da Coruña. Dende a tempada 2013-14, o director ruso Dima Slobodeniouk ocupa o cargo de director musical da orquestra coruñesa, mentres que o burgalés Víctor Pablo Pérez ocupa o posto de director honorario logo de vinte anos á fronte da orquestra herculina. A OSG ofrece unha tempada sinfónica de concertos anual e adoita participar na Tempada Lírica da Coruña, tamén ten participado nos principais festivais musicais de música clásica da cidade herculina, como os desaparecidos Festival Mozart e o Festival de Ópera da Coruña, foi a orquestra residente do Festival Rossini de Pesaro (Italia) entre 2003 e 2005, e ten sido a orquestra acompañante no Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol en varias ocasións.

Levou a cabo xiras por Alemaña e Austria, e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos de España. En 2007 realizou a súa primeira xira por Suramérica, que a levou a escenarios de Chile, a Arxentina, o Brasil e o Uruguai, mentres que a finais de 2009 se presentou no famoso Musikverein de Viena. En 2007 foi nomeada para os Premios Grammy. A Orquestra Sinfónica de Galicia creou, á súa vez, o Coro da OSG, a Orquestra de Cámara, a OSG Camerata, a Orquestra Nova da OSG, os Nenos Cantores da OSG, o Coro Novo da OSG e o proxecto social ABANCA ReSuena.