Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2008

A illa de San Simón pertence á parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, sendo un dos cinco lugares desta parroquia. Na actualidade atópase deshabitada. Preside a enseada de San Simón, no extremo interior da Ría de Vigo, delimitando cos concellos de Redondela, Soutomaior e Vilaboa. A illa está unida á illa de San Antón por unha ponte. O conxunto de ambas illas mide 250 metros de longo e 84 de largo. Ademais existen outros dous pequenos illotes, San Bartolomé e San Norberto. Ao longo da súa historia a illa foi empregada como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos. O seu conxunto está catalogado como Ben de Interese Cultural dende 1999.