Wikipedia:Sobre Galicia/febreiro 2017

Baixo a denominación de Camiño Portugués agrúpanse distintas vías do Camiño de Santiago que, con orixe en Portugal, van cara a Santiago de Compostela. Tradicionalmente, descríbense dúas rutas principais que ascenden desde o sur de Portugal, unha pola costa desde Lagos a Lisboa, Coímbra e Tui; e outra polo interior desde Faro a Évora, Chaves e Verín. Estas dúas rutas principais presentan numerosas variantes locais e comunicacións entre unha e outra formando unha rede de Camiños interconectados cara ao norte. En consecuencia, o acceso a Galicia faise por Valença do Minho a Tui ou por Braga a Ourense, sendo a primeira alternativa a máis utilizada, con diferenza, e a que, xa en Galicia, recibe oficialmente o nome de Camiño Portugués. Mesmo existe unha terceira variante que entra por Caminha á Guarda e ascende pola costa de Pontevedra, que recibe o nome de Camiño Monacal en referencia ó mosteiro de Oia, por onde pasa.

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués comezou a sinalizar e cartografar o Camiño Portugués en 1993, desde Tui. Membros desta asociación cifraban en 500 peregrinos anuais os que seguían esta ruta nos seus inicios, experimentando desde hai anos un crecemento progresivo ata alcanzar os case 30.000 actuais (datos do ano 2013), o que o converteu na segunda ruta Xacobea en importancia, aínda que a gran distancia do Camiño Francés. Segundo a Oficina do Peregrino, no ano 2013 accederon a Santiago 29.550 peregrinos polo Camiño Portugués (un 13,69% do total de peregrinos por tódolos camiños), fronte ós 151.761 que chegaron polo Camiño Francés (o 70,30% do total).