Wikipedia:Sobre Galicia/decembro 2019

O tizón de Nadal ou cepo de Nadal, tamén chamado cachopo de Nadal, é un gran madeiro que na Noiteboa se prende na lareira coidadosamente limpa e varrida. É unha tradición ancestral galega e doutras partes do centro e oeste de Europa ligada a ritos pagáns indoeuropeos e celtas das celebracións do solsticio de inverno. Simboliza destruír o vello para dar paso ao novo.

Esta tradición considérase unha das máis antigas tradicións de Nadal. É un costume que se remonta polo menos ao século XII e que chegou até o século XIX ou comezos do XX, moi espallada en varios países europeos, dende Escandinavia e a Gran Bretaña até os Alpes e a península balcánica e o norte da Península Ibérica, chegando até Galiza. O costume cumpríase na Noiteboa, cando o cabeza da familia –cunha cerimonia determinada, xeralmente un brinde– acendía na lareira un gran tronco de madeira, que se deixaba arder até o día de Reis (Epifanía); os restos do cepo eran preservados, xa que se lles atribuían propiedades máxicas e críase que favorecían a colleita, o gando, a fertilidade e a saúde das mulleres, ademais de protexer fronte aos raios nas treboadas, e moitas veces reutilizábanse para prender o tizón do ano seguinte.