Wikipedia:Sobre Galicia/decembro 2016

O Coro pétreo do mestre Mateu foi unha estrutura interna da catedral de Santiago de Compostela, tallada totalmente en pedra polo taller de Mateu, construído cara ao ano 1200, que ocupaba os primeiros catro tramos da nave maior. Foi desmontado entre 1603 e 1604 por orde do arcebispo Sanclemente para ser substituído por outro de madeira que encargou a Xoán Davila e Gregorio Español e que foi desmontado á súa vez en 1945.

O coro tiña unha estrutura rectangular, en U aberta cara ao altar maior, e ocupaba os catro primeiros tramos da nave maior a partir do cruceiro. Nos tres primeiros tramos distribuíanse as cadeiras dos cóengos, mentres que o cuarto tramo estaba ocupado por unha tribuna e o leedoiro sobre ela. As pezas do coro derruído foron aproveitadas noutras obras que se realizaron na catedral e nas inmediacións. O uso que se lle deu dependeu da calidade e aprecio que lles merecese cada peza: as esculturas de apóstolos e profetas foron reempregadas para a construción da Porta Santa ou como ornato de capelas e outras estancias da catedral, pero tamén noutros puntos máis afastados.

Tras varias reconstrucións limitadas a unha pequena mostra (o debuxo dunha cadeira en 1953 e a reconstrución doutra en 1961, dúas en 1971 e tres en 1985) os profesores Yzquierdo Perrín e Otero Túñez conseguiron montar en 1999 unha reconstrución virtual da estrutura completa e outra física, formada por 17 cadeiras, que se expón no Museo da Catedral.