Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2020

O sal común é un mineral composto principalmente por cloruro de sodio (NaCl), un composto químico encadrado dentro dos sales químicos. Na súa forma natural é un mineral cristalino e coñécese co nome de halita. O sal atópase en grandes cantidades na auga mariña, sendo o mineral principal constituínte da mesma, facendo que esta posúa unha media de salinidade dun 3,5%. O sal é un composto esencial para a vida en xeral, e o salgado é un dos sabores básicos dos humanos. Os tecidos dos animais conteñen maiores cantidades de sal que os das plantas. O sal é tamén un dos condimentos alimenticios máis antigos e comúns, e o salgado é un método historicamente moi importante para a preservación da comida.

Algunhas das primeiras evidencias do procesamento do sal que se coñecen datan de hai uns 8 000 anos, cando os humanos que vivían nunha zona da actual Romanía fervían augas de mananciais para extraer os sales da mesma, e o comezo da extracción de sal na China data de aproximadamente o mesmo período.

O sal extráese de minas de sal ou por medio da evaporación de auga mariña. Os principais produtos industriais derivados son a sosa cáustica e as aplicacións de cloro, utilizándose tamén en moitos procesos industriais que inclúen a manufactura de cloruro de polivinilo, plásticos, celulosa e outros produtos.