Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2023

Daniel Lambert, nado en Leicester o 13 de marzo de 1770 e finado en Stamford, Lincolnshire, o 21 de xuño de 1809, foi un carcereiro e criador de animais inglés, famoso polo seu gran tamaño corporal pouco habitual. Tras traballar durante catro anos como aprendiz nun taller de gravado e fundición de Birmingham, volveu a Leicester no ano 1788 e sucedeu o seu pai como alguacil da prisión de Leicester. Estaba considerado unha persoa deportista e moi forte, ademais dun experto en animais de carreiras e galos de pelexa.

Tras volver a Leicester o seu peso corporal comezou a aumentar progresivamente, malia manterse activo e, segundo as súas propias declaracións, absténdose de beber alcol e sen comer cantidades excesivas de comida. No ano 1805 a prisión na que traballaba pechou. Naquel entón pesaba uns 320 kg, converténdose na persoa de maior peso corporal rexistrada ata aquel momento. Sen emprego e por mor do seu gran tamaño, Lambert recluíuse no seu fogar.

No ano 1806 a pobreza obrigouno a exhibirse ó público para conseguir ingresos. En abril de 1806 trasladouse a Londres, cobrando ós espectadores unha tarifa para entrar no seu apartamento e coñecelo. Os visitantes quedaban impresionados pola súa intelixencia e personalidade, e visitalo tornouse nunha actividade de moda na cidade. Tras varios meses de exhibición pública, Lambert cansou desta situación e en setembro de 1806 volveu, considerablemente máis rico, a Leicester, onde pasou a criar cans de carreiras e a asistir a eventos deportivos de forma regular. Entre os anos 1806 e 1809 fixo unha serie de xiras curtas para exhibirse de novo e recadar máis fondos.

Faleceu subitamente o 21 de xuño de 1809 en Stamford, Lincolnshire. No momento da súa morte pesaba uns 335 kg, e o seu cadaleito precisou uns 10,4 m² de madeira. Malia que o seu ataúde levaba unhas rodas e que o camiño ó lugar do enterro estaba preparado en pendente para facilitar o seu transporte, precisáronse 20 homes que tardaron unha media hora en levar o ataúde ata o lugar, nun novo cemiterio na parte posterior de St Martin's Church. Malia que outras persoas superaron posteriormente o rexistro de Lambert como a persoa de maior peso corporal da historia, en Leicester segue sendo unha personaxe recordada na cultura popular, e no ano 2009 o xornal Leicester Mercury describiuno como "unha das iconas máis apreciadas da cidade".