Wikipedia:Artigo destacado/agosto 2012

A historia da electricidade refírese ao estudo e uso humano da electricidade, ao descubrimento das súas leis como fenómeno físico e á invención de artefactos para o seu uso práctico.

O fenómeno en si, fóra da súa relación co observador humano, non ten historia; considerándoa como parte da historia natural, tería tanta como o tempo, o espazo, a materia e a enerxía. Como tamén se denomina electricidade á rama da ciencia que estuda o fenómeno e á rama da tecnoloxía que o aplica, a historia da electricidade é a rama da historia da ciencia e da historia da tecnoloxía que se ocupa do seu xurdimento e evolución.