Wikipedia:Artigo destacado/abril 2009

A selección de rugby de Escocia representa a Escocia en torneos internacionais de rugby. O rugby en Escocia está regulado pola Unión de Rugby Escocesa (SRU). O equipo ocupa o noveno posto na lista mundial da IRB e forma parte tamén do British and Irish Lions (un combinado formado por xogadores de tódalas nacións das Illas Británicas que xoga partidos de exhibición cada certo tempo). Anualmente toman parte no torneo das Seis Nacións e participa na Copa do Mundo de Rugby, que ten lugar cada catro anos.

O rugby escocés data de 1871, cando gañaron a Inglaterra no primeiro partido internacional de rugby en Raeburn Place (Edimburgo). Dende que comezou en 1883, Escocia compite no Cinco Nacións gañando o campionato de pleno dereito en 14 ocasións, incluíndo o último torneo das Cinco Nacións en 1999, e compartindo outros 8. No ano 2000 a competición aceptou a un sexto participante, Italia, o que deu lugar ao Seis Nacións. Dende este troco Escocia non volveu nunca gañar o torneo. A Copa do Mundo de Rugby celebrou a súa primeira edición en 1987 e Escocia competiu até o de agora en tódalas ocasións, a última en 2007, acadando o seu mellor posto en 1991, onde perderon cos All Blacks no partido polo terceiro posto.