Wikipedia:Artigo 4000

Artigo Transitorio ... nova dun artigo conmemorando o artigo 4000 -- 4000

Semana Santa 2005. Coincide o inicio da primavera. E lémbrome de fai poucos anos, cando se lanzou a campaña “mil primaveras máis” coa tradución de “Alba de groria” de Castelao do seu orixinal galego a moitas linguas diferentes de todas as partes do globo.

Esta Semana Santa de 2005 será lembrada por moitas cousas. Entre elas estará un feito que entronca coa primaveral campaña: a Galipedia acadou e sobrepasou os catro mil termos. De novo hai que explicar que é iso da Galipedia, que importancia teñen esas catro mil entradas, ...

Digo de novo porque non é a primeira vez que a Galipedia sae como nova na prensa, pero como xerme que é e como novidade continua, necesita de aclaracións. É unha enciclopedia libre e colaborativa en galego que crece en internet. O seu enderezo, http://gl.wikipedia.org. A nosa rama da maior enciclopedia a nivel mundial, con máis de un millón de termos, algo menos da metade deles na versión inglesa (a versión castelá anda só por algo máis de dez veces o volume da galega) que naceu fai aínda non ben dous anos e na que teñen colaborado de xeito desinteresado xa centos de persoas. É de acceso libre: calquera que entre na rede internet pode ter acceso á súa consulta. Tamén é de creación libre: calquera internauta pode tamén engadir termos, aumentar ou corrixir o contido dunha entrada, engadir fotos, ... coa única condición de que o material que se estea a introducir sexa libre de dereitos por parte de terceiros. Así, o material queda a disposición de todo o mundo cunha licencia que permite o seu uso tamén libre, restrinxindo só a posibilidade de apropiación de contidos por outra xente que se lle puidera ocorrer a privatización do seu uso.

Unha enciclopedia libre que procura unha sociedade libre. A versión galega está crecendo, cos seus máis e os seus menos, dun xeito suavemente acelerado. A mesma Galipedia permite acceder a estatísticas, e vese que cada vez se tarda menos tempo en aumentar un determinado número de artigos, que cada vez as entradas teñen maior contido, que o número de arquivos gráficos aumenta, que o número de colaboradores tamén, o número de usuarios, ... catro mil entradas representa un 'número redondo' que está lonxe dos acadados por outras enciclopedias clásicas en Galicia. Nembargantes, xa non lle cae ben o adxectivo “insignificante”. E cada vez menos, tendo conta do seu crecemento e de que hai xa na súa base de datos algunhas entradas con mellor información que as correspondentes nesas enciclopedias ou inexistentes nelas, a parte de ser unha sementeira doutros proxectos.

Noraboa a todos os colaboradores na Galipedia, e noraboa a todos os galegos porque é de todos. Non quero resultar triunfalista, esa, a súa maior virtude, é tamén a causa dos maiores problemas que ten hoxe por hoxe: como pode colaborar calquera, ás veces a colaboración non é adecuada e debe corrixirse. Nun sistema para evitar os erros ou minimizalos, ó xeito dos que se pode atopar nunha publicación dunha enciclopedia clásica, hai colaboradores con privilexios e un sistema de seguimento das variacións que sufre cada termo, asegurando así o mellor posible a bondade da información.

Parodiando un anuncio de non hai tantos anos, tendo en conta a gratuidade e aupándome no traballo de moitos colaboradores voluntarios, podo dicir “mira, compara, e se atopas algo mellor, dínolo!”

Adicado a ós Prevert, Xelo, Rocastelo, IaRRoVaWo e todos os que están a construír un alba de groria para a lingua.

Antonio Gregorio Montes

  • grazas Agremon, quédache un bo regalo dun bo coñecido da túa vila, certo é que cambiei toda a súa estrutura do artigo anterior por unha nova Viejo Pancho. saúdos--Xelo2004(talk) 02:22, 20 Mar 2005 (UTC)