Wikipedia:20.000 artigos

Esta páxina contén material de prensa.

20.000 artigos na Galipedia, a Wikipedia en galego editar

A enciclopedia colaborativa galega feita por ducias de galegos de todo o mundo duplica o seu tamaño en só un ano.
Galipedia, 6 de decembro de 2006


En apenas un ano e uns días a Galipedia duplicou o seu tamaño. Galegos de todo o mundo uniron os seus esforzos para acadar os 20.000 artigos actuais. Son poucos en comparación co millón e medio da Wikipedia en inglés, non obstante son resultado dun esforzo moito maior. A Wikipedia en galego é dese tipo de proxectos que sen facer ruído van creando o substrato dunha iniciativa moito máis fonda. Persoas con distintas opinións, ideoloxías, crenzas na procura dun obxectivo común. Habituados a certo individualismo, pode sorprender que unha chea de persoas dediquen o seu tempo a contribuír nun mesmo proxecto coa única recompensa de construír unha enciclopedia libre, accesible, colaborativa en galego.

Lonxe queda aquel 22 de xullo de 2003 en que un colaborador de Ribadeo nun esforzo en solitario comezou a crear contidos para a Wikipedia en galego. Pasados 1231 días, ducias de editores acrecentaron a Galipedia xunto cos outros proxectos irmáns: Wikisource para textos orixinais, o Galizionario para entradas de dicionario, Galicitas para citas textuais e Galilibros para a publicación de libros. Neste momento ata hai unha extensión da comunidade galega en Commons un repositorio de imaxes común a todos os wikis, que desde o pasado 30 de novembro alberga máis dun millón de ficheiros multimedia.

Do grande avance da Galipedia son testemuñas os resultados dos motores de busca, os directorios e o gran número de webs que enlazan coas páxinas da enciclopedia. Neste tempo demostrouse a utilidade dos wikis —un tipo de sitios web que permite aos visitantes engadir, eliminar ou editar o contido— como unha efectiva ferramenta de colaboración e autoría colectiva.

O vello e o novo

Nun principio semellaba que o obxectivo único era producir contidos libres en galego, conforme maduraba o wiki, albiscouse un horizonte máis amplo. Na educación a Wikipedia supón un valioso instrumento tanto en proxectos puntuais dirixidos polos propios mestres como en accións concretas coordenadas cos editores do wiki. Estamos ante un sistema simple para que se exerciten os estudantes no mundo virtual e no manexo das ferramentas informáticas, na busca de información e na comprobación das fontes.

Ademais a Wikipedia en galego revelouse como un efectivo medio de conexión entre a cultura tradicional e o mundo tecnolóxico, un camiño directo entre o saber inmaterial da cultura galega e as tendencias do mundo moderno. Nunha sociedade en profunda mudanza un dos aspectos destacados desta iniciativa e asistir a xestación, nacemento e evolución dunha comunidade virtual. Un lugar onde se aprende a interaccionar con persoas que non teñen rostro nin corporeidade física, que se van materializando a medida que a comunidade medra. Onde se redescobre a arte de falar e escoitar a través dos textos.

Non deixa de ser curioso que o papel dos galegos nalgúns dos proxectos multilingües da Fundación Wikipedia sirva de ponte entre comunidades lingüísticas (galego, castelán, portugués) e o paralelismo cos galegos espallados polo mundo físico.

Custou un ano lograr os primeiros 1.000 artigos, un ano e oito meses sumar 10.000, outro ano chegar aos 20.000 artigos. O resultado desta experiencia colaborativa apunta que isto só é o comezo dun ilusionante proxecto que espera ser útil para Galicia e os galegos.


Pequena Cronoloxía da Galipedia editar

Véxase Wikipedia:Actualidade
  • O 8 de marzo de 2003 ILVI un usuario da Wikipedia interlingua crea a Wikipedia en galego.
  • Logo de catro meses, o 22 de xullo de 2003, rexístrase o primeiro colaborador galego, Agremon de Ribadeo. Comeza a funcionar por fin o proxecto en galego.
  • O 17 de xaneiro de 2004, Agremon emprega por primeira vez o termo Galipedia para referirse á wikipedia galega.
  • A Galipedia acada o 12 de marzo de 2004 a cifra de 1000 artigos. Foi preciso todo un ano para chegar a esa cantidade.
  • Outro dos proxectos da Wikipedia en galego o Galizionario -un dicionario multilingüe- acada o 22 de setembro de 2005 as 15.000 entradas.
  • Coincidindo co aumento do número de colaboradores e de páxinas, Alyssalover -un dos administradores do wiki- crea a nova portada que inclúe artigos e imaxes destacadas.
  • Pasados uns días o 13 de novembro de 2005 a Galipedia suma xa 10.000 artigos.
  • O ano 2005 péchase coa incorporación ao proxecto galego de Galilibros -un wiki con libros de distribución libre- e Wikiquote -un wiki dedicado ás citas de personalidades-. Pouco antes vía a luz Wikisource unha fonte de documentos orixinais.
  • Durante o ano 2006 a consolidación do proxecto é evidente, mesmo coa elección o 18 de abril de 2006 dun admnistrador galego Lmbuga en Commons, o "almacén" de imaxes libres da Fundación Wikimedia que este decembro superou o millón de ficheiros multimedia.
  • En decembro de 2006 acádanse 20.000 artigos na Galipedia. A progresión foi e está a ser impresionante: precisouse un ano para chegar a 1000 artigos; un ano e oito meses despois, 10.000 artigos estaban a disposición do público; tras outro ano e uns días, duplícouse o número ata seren atinxidas as 20.000 entradas.

Galería de imaxes editar

Descargar a versión de alta resolución - Licenza: GFDL
Enciclopedia gratuíta

Título: Picaportes de Compostela - Autor: Lmbuga

Quenquera que se achegue á Galipedia pode abrir, gratuitamente, cada unha das portas dos 20.000 artigos enciclopédicos que se poñen a disposición da comunidade galega.

Descargar a versión de alta resolución - Licenza: PD-USGov-NASA
20.000 artigos

Título: Delta do río Lena (Siberia) - Autor: Nasa

O labor desinteresado dos usuarios permitiu que a Wikipedia galega se expandise e o coñecemento se esparexese como as augas dun delta fluvial.

Descargar a versión de alta resolución - Licenza: Dominio público
Traballo colaborativo

Título: A imprenta no ano 1520 - Autor: User:Haabet

A información presente en cada artigo da Galipedia é produto da colaboración de todos. Todo o mundo, calquera que o desexe, pode converterse en editor.

Descargar a versión de alta resolución - Licenza: GFDL
Información actualizada

Título: Gota de auga - Autor: User:AlMare

Cada artigo da Galipedia vaise enchendo de información coas múltiplas aportacións dos usuarios. A continua revisión de artigos permite a inmediata actualización da información.

Proxecto galego

Título: O agro en 1945 - Autor: Xelo2004

Composta palla a palla, coma unha meda, a Galicia de antano embébese neste proxecto de futuridade superando a dicotomía entre o urbano e o rural.

Descargar a versión de alta resolución - Licenza: GFDL
Múltiplas posibilidades

Título: Cyanocitta cristata - Autor: User:Mdf

Coma os paxaros que pousan nas gallas, a Galipedia ten moitas pólas nas que pousar, moitos proxectos ós que dedicar esforzos. Sirva de exemplo o índice de paxaros en lingua galega (en desenvolvemento).

Máis información editar