Welthauptstadt Germania
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2020.) |
Welthauptstadt Germania ('Capital mundial Xermania' en alemán) foi o nome que lle deu Adolf Hitler á proxectada renovación de Berlín, parte da súa visión para o futuro de Alemaña despois da prevista vitoria na segunda guerra mundial. Albert Speer, «o primeiro arquitecto do Terceiro Reich», deseñou moitos dos plans para reconstruír a metrópole, dos cales só unha pequena parte foron realizados antes da guerra.
O nome Welthauptstadt ('capital mundial') foi elixido porque se considerou que a arquitectura de Berlín dese momento era demasiado provinciana e que era necesario elevar a cidade á categoría doutras capitais do mundo coma Londres, Moscova, París ou Washington.
Algúns dos proxectos, como a creación dun eixe de leste a oeste da cidade, que incluía a ampliación de Charlottenburger Chaussee (hoxe Straße des 17. Juni), o aeroporto de Tempelhof e a colocación da Columna da Vitoria no centro de Berlín, foron realizados. Outros, coma a construción do Volkshalle ('Pavillón do pobo'), tiveron que ser cancelados polo comezo da segunda guerra mundial.
Arquitectura proxectada
editarAvenida da Vitoria
editarA capital alemá ía ser organizada ao longo dun bulevar de case cinco quilómetros de longo e 120 metros de ancho que levaría o nome de Avenida da Vitoria (Prachtallee).
Este novo eixo norte-sur serviría para organizar grandes desfiles, polo que durante estes actos o tráfico sería pechado e desviado a unha autoestrada subterránea que pasaría por debaixo da avenida. Algunhas seccións deste túnel foron construídas e aínda existen a día de hoxe.
Volkshalle
editarO Volkshalle ('pavillón do pobo') ou Große Halle ('gran pavillón') estaría situado no extremo norte da avenida, nun gran foro aberto coñecido como Großer Platz, cunha superficie de arredor de 350.000 m².
De ser construído, sería o maior espazo pechado que xamais fose construído no mundo. A cúpula chegaría aos 200 metros de altura e 250 metros de diámetro, dezaseis veces máis grande ca da basílica de San Pedro.
Arco do Triunfo
editarCara ao extremo sur da avenida atoparíase un arco do triunfo inspirado no de París, pero moito máis grande, chegando a superar os 100 metros de altura.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Welthauptstadt Germania |