Voo do Cuatro Vientos

(Redirección desde «Voo do Catro Ventos»)

O voo do Cuatro Vientos foi un voo España-Cuba-México que se realizou en 1933.

Historia editar

En 1932 o capitán de enxeñeiros Mariano Barberán y Tros de Ilarduya, director da Escola de Observadores do aeródromo de Cuatro Vientos, concibiu a idea de realizar un voo que cruzando o Atlántico central chegase ás Antillas para estudar unha nova rota aérea. Designouse como primeiro piloto o tenente Joaquín Collar e como piloto e navegante o propio Barberán. Para actuar como mecánico de asistencia en terra elixiuse o sarxento Modesto Madariaga.

Barberán estableceu contacto con CASA para construír o avión, un Breguet XIX GR (Gran Raid), sesquiplano, con motor Hispano Suiza 12 Nb de 650 cabalos e 12 cilindros en V. Foi fabricado especialmente para a ocasión, ampliando aínda a capacidade do gran depósito do modelo orixinal francés, o cal, dada a súa posición no centro da estrutura, equivalía case a redeseñar totalmente o avión, que quedou cunha capacidade de 5.000 litros de gasolina en oito depósitos e 200 de aceite. Tiña a cabina pechada e un panel moi completo con instrumentos de motor, dous compases, un altímetro, variómetro e reloxo integral de voo con anemómetro. Comezou a construírse en xaneiro de 1933 e rematouse en abril de 1934, e déuselle o nome de Cuatro Vientos. Custou de 800.000 pesetas.

O 8 de xuño de 1933 engalaron en Cuatro Vientos para situar o avión no aeródromo de Tablada (Sevilla), onde tras unha coidadosa preparación meteorolóxica, partiron o 10 de xuño de 1933 ás 04:40 horas. Empregaron 1.500 metros de pista para a engalaxe, case a súa totalidade.

Cruzar o Atlántico central foi a maior distancia voada ata ese momento sobre o mar. Seguiron a ruta prevista con desviacións mínimas malia diversas incidencias, como unha indisposición de Collar: Tablada (Sevilla), Madeira, San Xoán (Porto Rico), Guantánamo e Camagüey, onde chegaron 11 de xuño ás 15:39 hora local, logo de 39 horas e 55 minutos de voo e 7.320 km. O día seguinte, día 12, engalaron con destino a A Habana e aterraron no aeródromo de Columbia ás 14:15. O recibimento alí foi espectacular, con máis de 10.000 persoas agardando. O voo constituíu un acontecemento social de primeira magnitude e os aviadores foron agasallados nos círculos políticos, sociais e mercantís de Cuba. Nos días que pasaron alí, Madariaga tivo que facer fronte a unha complicada incidencia, unha fuga de combustible que houbo que arranxar. A travesía cara a México comprendía un voo de 1.920 km que estaba previsto realizar nunhas 12 horas. O 20 de xuño engalaron na Habana ás 05:52 horas cara a Cidade de México; por última vez foron vistos ás 11:35, preto da cidade de Villahermosa en Tabasco; a partir desta posición desapareceron. Os gobernos de México e Guatemala despregaron numerosas operacións de procura e, malia os esforzos realizados, non puido darse co lugar de caída do aparello, un misterio que deu lugar ata o día de hoxe a numerosas teorías e especulacións de cal foi o fin do Catro Ventos e os seus tripulantes.

Especificacións editar

  • Envergadura: 18:30 m.
  • Lonxitude: 10'70 m.
  • Altura: 04:08 m.
  • Peso en baleiro: 1.990 kg.
  • Peso total: 6.320 kg.
  • Velocidade máxima: 230 km/h.
  • Teito: 6.500 m.
  • Alcance: 8.500 km.
  • Para alixeirar o peso, non levaba equipo de radio.