Voo 855 de Air India
O voo 855 de Air India era un voo regular de pasaxeiros entre Bombai e Dubai que se estrelou na tarde do día de ano novo de 1978 a uns 3 km da costa de Bandra, en Bombai. Ese día a ruta estaba operada por un Boeing 747-237B con rexistro VT-EBD. Os 213 pasaxeiros e tripulantes a bordo do avión morreron. Crese que o accidente foi causado porque o capitán desorientouse espacialmente tras o fallo dun dos instrumentos de voo na cabina. Foi o peor accidente aéreo da India ata o choque de Charkhi Dadri en 1996.
Voo 855 de Air India | |
---|---|
O 747 do accidente
| |
Resumo | |
Data | 1 de xaneiro de 1978 |
Causa | fallo dos instrumentos, desorientación espacial, erro do piloto |
Lugar | Mar Arábigo, preto de Bombai |
Coordenadas | |
Orixe | Aeroporto Santa Cruz, Bombai, India |
Destino | Aeroporto Internacional de Dubai, Dubai, Emiratos Árabes Unidos |
Finados | 213 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 747-237B |
Operador | Air India |
Rexistro | VT-EBD |
Pasaxeiros | 190 |
Tripulación | 23 |
Superviventes | 0 |
Avión e tripulación
editarO avión do accidente era un Boeing 747-237B con rexistro VT-EBD e bautizado Emperor Ashoka. Foi o primeiro 747 entregado a Air India, no mes de abril de 1971.
O capitán do voo era Mandan Lal Kukar, de 51 anos de idade. Comezou a traballar na aeroliña en 1956 e tiña 18 000 horas de voo. O primeiro oficial era Indu Virmani, de 42 anos e antigo comandante da forza aérea que se uniu a Air India en 1976 e acumulaba 4 000 horas de voo. O enxeñeiro de voo era Alfredo Faria, de 53 anos e na compañía dende 1955. Tiña unha experiencia de 11 000 horas, sendo un dos enxeñeiros de voo máis veteranos de Air India no momento do accidente.
Accidente
editarAproximadamente un minuto despois de engalar pola pista 27 do aeroporto Santa Cruz (no presente chamado aeroporto Chhatrapati Shivaji), o capitán Kukar realizou un xiro programado á dereita ao cruzar a costa de Bombai sobre o Mar Arábigo cara Dubai, despois do cal o avión volveu brevemente a posición nivelada. Segundos máis tarde o aparello comezou a inclinarse lentamente cara a esquerda.
Segundo a investigación, as cintas da gravadora de voces de cabina revelaron que houbo unha gran confusión entre os tres membros da tripulación de voo, que comezou xusto despois do xiro á dereita do avión. O capitán Kukar foi o primeiro en decatarse cando dixo "Que está pasando aquí, o meu instrumento..." explicando que o seu horizonte artificial "derrumbárase", indicando que aínda amosaba ao avión inclinándose cara a dereita. O primeiro oficial Virmani, cuxo horizonte artificial presumiblemente funcional indicaba agora unha inclinación á esquerda (e sen decatarse da preocupación do capitán), dixo: "O meu tamén caíu, semella estar ben". Isto indicou que o seu horizonte tamén caíra, pero crese que o capitán interpretou de xeito equivocado que os dous horizontes principais indicaban unha inclinación cara a dereita, polo que lle dixo a Virmani: "Comproba o teu instrumento". Era despois do solpor e o avión voaba cara a un escuro Mar Arábigo, deixando á tripulación incapaz de verificar visualmente as súas lecturas instrumentais co horizonte real a través das súas fiestras. A percepción errónea do capitán da inclinación do aparello fixo que engadise máis temón esquerdo aos controis. Esta acción só empeorou o problema, facendo que o Boeing 747 virase perigosamente á esquerda cara a unha inclinación de 108 graos e entrase en perda, perdendo altura rapidamente.
O Boeing 747 tiña un terceiro horizonte artificial de apoio no panel de instrumentos central entre os dous pilotos, e a transcrición das conversas da cabina amosan que o enxeñeiro de voo Faria díxolle ao capitán: "Non vaias por ese, non vaias por ese..." ou: "Non, pero vai por este capitán!" Faria estivo intentando dirixir a atención do capitán Kukar cara ao terceiro horizonte artificial, ou quizais cara a outro instrumento chamado indicador de xiro e inclinación. Isto foi cinco segundos antes do impacto. O capitán berroulle ao primeiro oficial: "Só revisa o instrumento!". O primeiro oficial respondeu: Comprobo o que?" O aparello esnafrouse contra o mar co morro inclinado uns 35 graos cara a abaixo. A gravadora de voces de cabina rexistrou brevemente o son do impacto ata que parou abruptamente. Non houbo superviventes entre os 190 pasaxeiros e os 23 tripulantes. Todo o voo durou só 1 minuto e 41 segundos.[1]
Causa probable
editarOs restos recuperados non revelaban ningunha evidencia de estoupido, lume ou fallo eléctrico ou mecánico. Así, a teoría inicial do sabotaxe quedou descartada.
A investigación concluíu que a causa probable foi "debido a entradas de control irracionais por parte do piloto tras un completo descoñecemento da súa actitudae xa que o indicador de actitude non funcionaba ben. A tripulación non conseguiu controlar o avión en función dos outros instrumentos de voo".
O xuíz do Distrito Federal dos Estados Unidos James M. Fitzgerald, nunha decisión de 139páxinas publicada o 1 de novembro de 1985, rexeitou as acusacións de neglixencia contra Boeing Company, Lear Siegler Inc, e a Collins Division de Rockwell International Corporation nun preito relacionado co accidente.[2][3]
Notas
editar- ↑ Aviation Safety Network (ed.). "Accident description". Consultado o 27 de maio de 2018.
- ↑ Editors, History com. "Air India jet crashes just after takeoff". HISTORY (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2018. Consultado o 2018-12-18.
- ↑ "Theory on Air India Crash Backed by a Pilot". The New York Times (en inglés). 1985-04-21. ISSN 0362-4331. Consultado o 2018-12-18.