Voo 60 de All Nippon Airways

O voo 60 de All Nippon Airways foi un Boeing 727-81 que realizaba un servizo doméstico entre o aeroporto de Chitose en Sapporo e o aeroporto de Haneda en Toquio. O 4 de febreiro de 1966 as 133 persoas a bordo do avión morreron cando o aparello esnafrouse misteriosamente ba baía de Toquio a uns 10,4 km de Haneda cun tempo despexado mentres se aproximaba ao aeroporto. Na época tratouse do peor accidente de aviación cun único avión implicado.

Voo 60 de All Nippon Airways
Boeing 727 semellante ao do accidente
Resumo
Data  4 de febreiro de 1966
Causa  voo controlado contra o terreo
Lugar  baía de Toquio
Coordenadas  Coordenadas: 35°29′27″N 139°51′23″L / 35.490807, 139.856365
Orixe  aeroporto de Chitose
Destino  aeroporto de Haneda
Finados  133
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 727-81
Operador  All Nippon Airways
Rexistro  JA8302
Pasaxeiros  126
Tripulación  7
Superviventes  0

Pasaxeiros e tripulación

editar

O avión levaba 126 pasaxeiros e unha tripulación de 7 persoas. A meirande parte dos pasaxeiros regresaban do anual Festival da neve de Sapporo, a 600 millas ao norte de Toquio.

Accidente

editar

Voando con bo tempo, o voo 60 estaba a tan só uns poucos minutos do aeroporto de Haneda cando o seu piloto radiou que aterraría visualmente, sen instrumentos. Posteriormente o avión desapareceu dos radares.

Habitantes da costa e o piloto doutro avión dixeron que viron chamas no ceo ao redor das 7 p.m., o momento no que o aparello tiña que aterrar. Despois pescadores e barcos da Forza de Defensa do Xapón comezaron a recoller corpos das turbias augas da baía. Recolleran uns 20 corpos cando un portavoz da aeroliña anunciou que se atopara a fuselaxe con ducias de corpos dentro. Dixo que crían que todos os ocupantes estaban mortos. Os ganchos de carga dun barco da Garda Costeira levantaron os restos.[1]

A cola do aparello, incluídos polos menos dous dos tres motores, o estabilizador vertical e o estabilizador vertical recuperáronse case intactos. O resto do aparello desintegrouse durante o impacto. Os 133 mortos converteron o accidente no peor cun único avión implicado da época, ademais de ser o segundo peor en xeral detrás da colisión de 1960 en Nova York. A causa do accidente nunca foi determinada.

Serie de accidentes

editar

Este accidente foi un dunha serie de cinco accidentes aéreos fatais (catro comerciais e un militar) ocorridos no Xapón en 1966. Un mes despois do accidente do voo 60 de ANA, o voo 402 de Canadian Pacific Air Lines, un Douglas DC-8, chocou coas uces de aproximación e un malecón en Haneda, morrendo 64 dos seus 72 oocupantes. Menos de 24 horas despois, o voo 911 de BOAC, un Boeing 707, foi fotografado mentres rodaba ao lado dos restos aínda ardentes do avión canadense, e despois rompeuse en voo pouco despois de engalar mentres sobrevoaba o monte Fuji debido a unha turbulencia de aire claro, matando aos 124 pasaxeiros e tripulantes. O 26 de agosto esnafrouse un Convair 880-22M de Japan Air Lines e cinco persoas morreron. Finalmente, o voo 533 de All Nippon Airways esnafrouse e matou a 50 persoas o 13 de novembro. O efecto combinado destes cinco accidentes sacudiu a confianza do público na aviación comercial no Xapón, e tanto Japan Airlines como All Nippon Airways víronse forzadas a reducir algúns servizos domésticos debido á baixada da demanda[2]

  1. The New York Times, 5 de febreiro de 1966
  2. "JAPAN'S AIRLINES CUT TOKYO-OSAKA RUNS". The New York Times (en inglés). 1966-03-19. ISSN 0362-4331. Consultado o 2024-01-13.