Voo 4590 de Air France

O voo 4590 de Air France era un voo chárter internacional dende París a Nova York operado por un Concorde. O 25 de xullo de 2000, ás 16:43 CET, o avión que realizaba o voo, con rexistro F-BTSC, pasou por restos doutro aparello que había sobre a pista durante a engalaxe, rebentando un pneumático e perforando un tanque de combustible, provocando un incendio e un fallo no motor que fixo que o avión se esnafrase contra un hotel dous minutos despois da engalaxe matando as 109 persoas (100 pasaxeiros e 9 tripulantes) a bordo e catro no hotel.

Voo 4590 de Air France
O avión accidentado en 1985
Resumo
Data  25 de xullo de 2000
Causa  unha peza doutro avión
causou un incendio no Concorde
Lugar  Gonesse, Francia
Coordenadas  Coordenadas: 48°59′08″N 2°28′20″L / 48.985555555556, 2.4722222222222
Destino  Nova York-JFK
Finados  113 (4 en terra)
Aeronave
Tipo de aeronave Concorde
Operador  Air France
Rexistro  F-BTSC
Pasaxeiros  100
Tripulación  9
Superviventes  0

O voo fora fretado pola compañía alemá Peter Deilmann Cruises, e os pasaxeiros ían camiño de embarcar no cruceiro MS Deutschland en Nova York para unha viaxe de 16 días ata Manta, Ecuador.[1] Este foi o único accidente fatal do Concorde nos seus 27 anos de historia operacional.

Accidente editar

Cinco minutos antes da saída do Concorde, un McDonnell Douglas DC-10 de Continental Airlines engalou da mesma pista en ruta cara ao aeroporto de Newark Liberty e perdeu unha tira de aliaxe de titanio que era parte da cuberta dun motor, identificada como unha peza duns 435 mm de longo, de 29 a 34 mm de ancho, e 1,4 mm de grosor.[2][3] O Concorde pasou por riba desta peza durante a súa carreira de engalaxe, cortando un pneumático e enviando un grande anaco deste (de 4,5 kg) cara á parte inferior da á a unha velocidade duns 140 metros por segundo.[2] O anaco do pneumático non perforou directamente ningún dos tanques de combustible, pero enviou unha onda de choque de presión que rompeu o tanque de combustible número 5 no punto máis débil, xusto por riba do tren de aterraxe. A fuga de combustible que saía do fondo da á probablemente incendiouse por un arco eléctrico na baía do tren de aterraxe (por restos que cortaron cables) ou a través do contacto con partes quentes do motor.[2] Os motores 1 e 2 apagáronse e perderon toda a potencia, e entón o número 1 recuperouse lentamente durante os seguintes segundos.[2] Desenvolveuse unha gran chama de lume, e o enxeñeiro de voo apagou o motor 2 en resposta a un aviso de lume e ás ordes do capitán.[2]

O controlador de tráfico aéreo Gilles Logelin decatouse das chamas antes de que o Concorde comezase a voar e informou a tripulación.[2] O avión superara a velocidade V1 polo que a tripulación continuou coa engalaxe, pero o aparello non gañou suficiente velocidade cos tres motores restantes xa que o dano na baía do tren de aterraxe impediu que este se recollese.[2] A aeronave foi incapaz de trepar ou acelerar, e a súa velocidade decreceu durante o seu breve voo. O lume causou danos na á de babor que comezou a desintegrarse, fundida polas altas temperaturas. O motor número 1 apagouse novamente, pero desta vez non se recuperou, e a á de estribor levantouse polo pulo asimétrico, inclinando o avión máis de 100 graos. A tripulación reduciu a potencia dos motores 3 e 4 nun intento de nivelar o avión, pero perderon o control debido á pouca velocidade e á perda do avión, esnafrándose contra o hotel Hôtelissimo Les Relais Bleus.[1][4] O hotel está preto do aeroporto e pegado a unha intersección coñecida como La Patte d'Oie de Gonesse.[5]

A tripulación estaba intentando desviarse ao próximo aeroporto de París-Le Bourget, pero os investigadores afirmaron que unha aterraxe segura sería moi improbable dada a ruta do avión.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Concorde Crash | The Canadian Encyclopedia". www.thecanadianencyclopedia.ca. Consultado o 2018-12-10. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Informe do accidente" (PDF). BEA. Consultado o 2018-12-15. 
  3. News, A. B. C. (2006-01-06). "Metal Part Maybe Came From Continental Jet". ABC News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2018. Consultado o 2018-12-15. 
  4. "BBC News | EUROPE | Concorde crash kills 113". news.bbc.co.uk. Consultado o 2018-12-15. 
  5. "A Gonesse, les habitants se souviennent du jour où "le Concorde est tombé"". ladepeche.fr (en francés). Consultado o 2018-12-15.