Venus de Urbino

pintura de Tiziano

Venus de Urbino, tamén chamada A Venus do cadeliño, é unha célebre pintura ao óleo sobre lenzo cuxas dimensións son de 119 cm x 165 cm, realizada en 1538 polo pintor italiano Tiziano. A pintura, cuxo comitente foi Guidobaldo II della Rovere[1] entón fillo do duque de Urbino e que a denominou simplemente "a muller espida",[2] presenta un feixe de significados ocultos, aínda que a opinión máis común é que foi un agasallo para a súa esposa, Giulia Varano, e representa unha alegoría do matrimonio[1] con finalidade didáctica na que se destacan valores como a fidelidade, o erotismo e a maternidade.

Venus de Urbino
ArtistaTiziano
Data1538
Técnicaóleo sobre tea
Dimensións119 cm × 165 cm
LocalizaciónGalería Uffizi

En 1631 este cadro atopábase na colección dos Médicis, e foi en 1736 cando chega á Galería Uffizi (Florencia)[3], onde continúa.

Contexto

editar

A pintura foi encargada polo fillo do Duque de Urbino, Guidobaldo II Della Rovere, quen en marzo de 1538 facultou ao seu axente en Venecia para comprar unha "mujer espida" de Tiziano, mentres lle estaba a pedi-los cartos á súa nai, Eleonora Gonzaga. Como esta non aceptaba o capricho de seu fillo, tampouco lle deu os cartos polo que o cadro permaneceu moito tempo no taller do pintor, mentre Guidoblado, temeroso de que o cadro fose vendido, aseguroulle que pagaría mesmo a costa de empeñar algo propio.[4] Poucos meses máis tarde, a obra marchou camiño de Urbino. nun traballo publicado en 1997, a historiadora Rona Goffen defendeu un argumento a prol do suposto "didactismo" da pintura.[5] Segundo Goffen, a pintura foi concibida como un "modelo" educativo para Giulia da Varano, a extremadamente nova esposa do duque de tan só once anos coa que casou en 1534, por razóns políticas, para persuadila do matrimonio amoroso de xeito alegórico e culturalmente prestixioso.

Descrición

editar

O cadro presenta a unha moza espida semidistendida sobre un luxoso leito no interior dun cassone ou palacete veneciano. No fondo obsérvase unha grande fiestra por onde entran lixeiros reflexos da lagoa e obsérvase o ceo tras unha árbore, á beira de tal fiestra atópanse dúas criadas case enigmaticamente de costas ao espectador, acomodando roupas nun arcón, tal arcón semella evocar ao mito da caixa de Pandora. Mentres que aos pés da moza espida dorme un cadelo, cuxa presenza é signo de que a representada non é unha deusa, senón unha muller real, aínda que non se sabe exactamente quen é. O can, típica alegoría da fidelidade aquí aparece, suxerentemente, durmido.

Identificación

editar

Dende sempre foi un misterio quen é a muller representada no cadro. Algúns autores falan da posibilidade dunha amante do duque, abandonada para casar con Giulia Varano. Outros aseguran que sería Eleonora Gonzaga, muller de Francesco de Urbino, pai de Guidobaldo, pola semellanza dos rascos faciais con outro retrato da dama, mais resulta case imposible que unha muller de posición posara espida para o pintor, que talvez se inspirara nos seus rascos sen chegar a facer un retrato propiamente. A hipótese máis acaída, e comprobada noutros casos, é que fora unha prostituta pois era, relativamente, común que as familias humildes entregaran as fillas fermosas a ricos cabaleiros para asegurarlles a supervivencia.[3]

Análise

editar

Aínda que esta pintura está directamente inspirada na Venus durmida do Giorgione, que debido á morte deste foi rematada polo propio Tiziano,[3] é evidente que se afasta do idealismo característico do Renacemento italiano. A maior diferenza coas Venus típicas é que a moza aparece obviamente consciente e orgullosa da súa beleza e o seu espido, non existe ningún elemento que provoque a sensación dun distanciamento "divino": ela mira dun xeito doce, cómplice e decidido a quen a observa mentres a súa man esquerda apóiase sobre a pube que se sitúa no centro da composición.

As flores na man dereita resaltan o aura de erotismo xa reforzada pola luz case dourada que ilumina ao corpo. A cor clara e cálido de corpo produce unha impresión de sensual indolencia, realzada no contraste co escuro do fondo e o colchón; en efecto, a cor escura do lenzo da parede provoca unha cesura na mirada que entón se centra no corpo da muller. A fuga da perspectiva diríxese cara á dereita e está acentuada polas criadas figuradas totalmente vestidas e con tons fríos que achegan unha cota de realismo, a presenza da columna e a árbore no punto de fuga, e os sucesivos planos iluminados e sombreados que se resaltan nas baldosas. Todo isto fai destacar á moza espida que se atopa disposta nunha elegante liña oblicua.

Aínda que a obra mantén elementos do Giorgione, Tiziano innova ao expor claramente a voluptuosidade por mor do tratamento resolto do espido e á grande pureza formal do conxunto.

Influencias

editar

Foi unha obra que inflluirá posteriormente en varios autores. Así, recoñécese como o motivo principal de inspiración para a Olympia de Édouard Manet,[6] que realizara unha copia da obra de Tiziano nunha viaxe a Italia en 1853.[7] Tamén hai autores que establecen a posibilidade de que fose tamén moitvo de inspiración para a Maja espida de Goya[8] e, mesmo, houbo pintores como Ingres que realizaron copias directas da pintura, como a que está no Walters Art Museum de Baltimore[9].

Galería

editar
  1. 1,0 1,1 "Sitio oficial da Galería dos Uffizi". Arquivado dende o orixinal o 26-01-2017. Consultado o 15-03-2017. 
  2. Honour (1987), p. 373
  3. 3,0 3,1 3,2 López Mato (2008), p. 28
  4. Correspondencia publicada en 1904 por Gronau.
  5. Goffen, Rona (1997). "Sex, Space and Social History in Titian's Venus of Urbino". En Goffen, Rona. Titian's "Venus of Urbino". Colección: Masterpieces of Western Painting (en inglés). Cambridge / Nova York: Cambridge University Press. ISBN 978-0521449007. 
  6. Seraltz (1992), p. 34
  7. Brodskaya (2012), p. 5
  8. "Ficha da Fundación Goya en Aragón". Consultado o 30-03-2017. 
  9. "Ficha na web do Walters Art Museum de Baltimore". Arquivado dende o orixinal o 02-04-2017. Consultado o 30-03-2017. 


Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar