Vanderlei Eustáquio de Oliveira

futbolista brasileiro

Vanderlei Eustáquio de Oliveira, máis coñecido como Palhinha, nado en Belo Horizonte o 11 de xuño de 1950 e finado na mesma cidade o 17 de xullo de 2023,[1] foi un futbolista e adestrador brasileiro que xogaba como mediapunta e dianteiro. Está considerado como un dos mellores xogadores da historia do Cruzeiro, club co que disputou 457 partidos, nos que marcou 156 goles.[2] Gañou oito veces o Campionato Mineiro co Cruzeiro e conquistou tamén a Copa Libertadores de 1976, da que foi o máximo goleador. Militou ademais noutros importantes clubs brasileiros, e sumou ao seu palmarés outros dous Campionatos Mineiros co Atlético Mineiro, dous Campionatos Paulistas co Corinthians e un Campionato Carioca co Vasco da Gama. Foi internacional coa selección brasileira en 16 ocasións.

Palhinha
Información persoal
Nome Vanderlei Eustáquio de Oliveira
Nacemento 11 de xuño de 1950
Lugar de nacemento Belo Horizonte
Falecemento 17 de xullo de 2023
Lugar de falecemento Belo Horizonte
Altura 1,68 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
1965–1968 Cruzeiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1968–1976 Cruzeiro 117 (37)
1977–1980 Corinthians 34 (12)
1980–1981 Atlético Mineiro 32 (11)
1981–1982 Santos 11 (4)
1982 Vasco da Gama
1983–1984 Cruzeiro 10 (4)
1985 América
Selección nacional
1973–1979 Brasil 16 (4)
Adestrador
1985 América
1987 Atlético Mineiro
1988 Rio Branco
1989 Corinthians
1990–1992 União São João
1993 Ferroviário
1994 Inter de Limeira
1994 Cruzeiro
1995 Villa Nova
2002 Al-Tai
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Cruzeiro editar

Comezou a xogar ao fútbol na rexión de Barreiro, en Belo Horizonte, aos 10 anos. Aos 14 anos foi descuberto polo adestrador Lincoln Alves, do equipo de fútbol sala do Cruzeiro, club no que empezou a xogar como lateral esquerdo. Ao ano seguinte pasou a xogar no equipo xuvenil de fútbol herba e con 18 anos debutou co primeiro equipo, nun encontro do Campionato Mineiro contra o Araxá no Mineirão.[3] Esa tempada gañou o seu primeiro título mineiro.

Non dispuxo de moitos minutos durante os primeiros anos, pois o equipo contaba con destacados xogadores como Dirceu Lopes, Tostão ou Evaldo.[2] Despois da venda de Tostão ao Vasco da Gama en 1972, fíxose coa titularidade. Ese ano gañou o seu terceiro Campionato Mineiro, marcando os dous goles da vitoria por 2-1 sobre o Atlético Mineiro no partido de desempate polo título.[2] En 1974 alcanzou por primeira vez a final do Campionato Brasileiro, perdendo diante do Vasco da Gama. Continuou destacando no Cruzeiro durante os seguintes anos, nos que gañou ata sete veces o Campionato Mineiro. Foi o máximo goleador da edición de 1975, ano no que disputou tamén a súa segunda final do Campionato Brasileiro, contra o Internacional, despois de marcar dous goles nas semifinais contra o Santa Cruz. Ese mesmo ano gañou a Bola de Prata da revista Placar.

En 1976 conquistou a Copa Libertadores, da que foi o máximo goleador.[4] Os seus 13 goles en 11 partidos son o cuarto mellor rexistro da historia da Libertadores, só por detrás dos 17 de Daniel Onega en 1966, os 15 de Luizão en 2000 e os 14 de Norberto Raffo en 1967. Dous dos goles marcounos no partido de ida da final contra o River Plate.

Corinthians editar

En 1977 foi vendido ao Corinthians por 7 millóns de cruzeiros, na que foi a maior transacción do fútbol brasileiro da época. Na súa primeira campaña co club de São Paulo acadou a final do Campionato Paulista, onde se enfrontou ao Ponte Preta. Na ida Palhinha marcou o único gol do encontro, mentres que no partido de volta, diante dos case 150.000 seareiros que ateigaban o Morumbi, o Ponte Preta gañou e forzou un partido de desempate. Finalmente un solitario gol de Basílio no terceiro partido deulle ao Corinthians un título que non gañaba dende facía 23 anos. Trala chegada de Sócrates ao equipo, Palhinha formou con el unha gran dupla, e repetiu título paulista en 1979, marcando de novo un gol nun dos partidos da final, outra vez contra o Ponte Preta.[5] Deixou o equipo en 1980, despois de 148 partidos e 44 goles co club paulista.

Atlético Mineiro editar

Dende 1980 defendeu a camiseta do Atlético Mineiro, que contaba cun gran elenco de futbolistas como João Leite, Reinaldo, Cerezo, Chicão ou Éder Aleixo. Conquistou dúas veces consecutivas o Campionato Mineiro en 1980 e 1981 e foi subcampión do Campionato Brasileiro de 1980, tras unha polémica e disputada final ante o Flamengo, na que foi un dos tres xogadores mineiros expulsados no partido de volta no Maracanã.

Últimos anos editar

Máis tarde pasou polo Santos e polo Vasco da Gama, gañando con este último o Campionato Carioca de 1982, ao derrotar na final ao Flamengo. A continuación regresou ao Cruzeiro, co que gañou en 1984 o seu décimo Campionato Mineiro, o oitavo co Cruzeiro. Disputou un total de 457 partidos co Cruzeiro entre as súas dúas etapas no club, e marcou 156 goles.[6][2]

Pechou a súa carreira en 1985 no América de Belo Horizonte, onde inmediatamente iniciou tamén a súa carreira como adestrador.[5] Posteriormente pasou tamén polos bancos do Corinthians e o Cruzeiro, entre outros clubs.

Selección brasileira editar

Foi 16 veces internacional coa selección brasileira, coa que debutou o 27 de maio de 1973, nun amigable contra Bolivia no Maracanã que rematou con goleada brasileira por 5-0.[3] Foi convocado por Osvaldo Brandão para a Copa América de 1975. No primeiro encontro do torneo marcou os seus dous primeiros como internacional, nunha vitoria por 0-4 sobre Venezuela no estadio Olímpico de Caracas.[7] Marcou un terceiro gol no torneo, de novo ante Venezuela, na goleada brasileira por 6-0 no Mineirão. O equipo brasileiro caeu eliminado nas semifinais contra o Perú.[7] Repetiu convocatoria na seguinte Copa América, en 1979, na que marcou o seu cuarto e último gol coa canarinha, nun partido ante Paraguai.[8]

Palmarés editar

Cruzeiro
Corinthians
Atlético Mineiro
Vasco da Gama

Notas editar

  1. "Morre aos 73 anos Palhinha, ídolo de Cruzeiro, Atlético-MG e Corinthians" (en portugués). CNN Brasil. 17 de xullo de 2023. Consultado o 17 de xullo de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Drummond, Ivan (26 de decembro de 2020). "Cruzeiro 100 anos: Palhinha, o artilheiro da América descoberto no terrão" (en portugués). Consultado o 14 de outubro de 2022. 
  3. 3,0 3,1 Simões, Alexandre; Prata, Thiago (4 de novembro de 2020). "Faltam 58 dias: Palhinha, a genialidade e a marca de um dos maiores artilheiros do Cruzeiro" (en portugués). Consultado o 14 de outubro de 2022. 
  4. Astoni, Marco Antônio (27 de xullo de 2016). "Especial Libertadores 1976: Palhinha, o artilheiro da fantástica média de gols" (en portugués). Consultado o 14 de outubro de 2022. 
  5. 5,0 5,1 "Palhinha… o campeão que não saiu na foto" (en portugués). 23 de outubro de 2012. Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  6. "Capitão Léo completa 400 jogos com a camisa cinco estrelas". Cruzeiro Esporte Clube (en portugués). 12 de seembro de 2020. Consultado o 14 de outubro de 2022. 
  7. 7,0 7,1 Tabeira, Martín. "Copa América 1975". rsssf.org (en inglés). Consultado o 14 de outubro de 2022. 
  8. Tabeira, Martín. "Copa América 1979". rsssf.org (en portugués). Consultado o 14 de outubro de 2022.