Seha

(Redirección desde «Ura-Tarhunta»)

Seha foi un reino da Anatolia oriental, tributario primeiro de Arzawa e despois dos hititas. Estaba no val do río Seha, río non identificado, probabelmente na zona da costa fronte a Lesbos.

Historia

editar

O reino fundouse despois do -1430. O primeiro rei que aparece, na metade do século –XIV, levaba o nome de Muwa-Walwis ("León poderoso") e gobernaba ata Artemis en Lesbos; cando morreu, deixou o trono a Manapa-Tarhunta I, probabelmente fillo seu, pero non o máis vello, cousa que provocou a revolta do príncipe herdeiro (o irmán máis vello) Ura-Tarhunta, e o rei tivo que escapar a Karkiya (Caria, se ben outras fontes dan Karkišša) onde os seus bens serían expropiados polo gobernante local. Con todo, o novo rei foi impopular.

Suppiluliumas I morreu por mor dunha epidemia nunha data entre o -1345 e o -1320 e sucedeuno o seu fillo Arnuwandas II, o cal fixo agasallos ao gobernante de Karkiya ou Karkissa e logrou reinstalar a Manapa-Tarhunta cando o impopular Ura-Tarhunta foi derrubado.

Pero a epidemia causou tamén a morte un ano despois a Arnuwandas II, e sucedeuno o seu irmán máis novo Mursilis II. Durante este período fixérase co poder nos restos de Arzawa o rei Uhha-Ziti instalado por Suppiluliumas I, pero independizouse ao cabo do seu reinado. Este rei e os seus dous fillos serían derrotados antes por Mursilis II, que, ao acabar a campaña, avanzou entón polo río Seha, onde o rei Manapa-Tarhunta recibiu ao soberano solemnemente. Mursilis confirmoulle as terras do río e a terra de Appawiya.

Os pequenos reis de Mira, Hapalla e do río Seha asinaron un tratado recoñecendo ao reino Hitita como soberano, ao mesmo tempo que se recoñecía a súa liberdade.

Un rei que as taboíñas mencionan cono E.gal.pap (os dous puntos están por dúas letras que faltan) sublevouse ao oeste de Hatti durante dez anos, pero finalmente foi derrotado. A revolta tivo incidencia en Seha, o rei da cal parece que permaneceu fiel aos hititas.

Muwatallis II, sucesor de Mursilis II, non confiaba bastante na xente de Arzawa segundo Alaksandu de Wilusa. O rei hitita estivo en Seha para facer campaña contra Piyama-radu, un guerreiro posibelmente da illa de Lazba ou Lesbos, de onde era o seu avó, que dirixía un continxente de desarraigados de Arzawa, e tiña a axuda de Ahhiyawa, Millawanda (casou coa filla do rei Atpa de Millawanda) e Wilusa. Lesbos era unha dependencia do rei de Seha, e Piyama-radu atacouna; o seu avó minara a lealdade dos habitantes da illa e o Saripu (¿delegado?) de Seha en Lazba, e o Saripu do gran rei hitita na illa serían incitados polo avó a se rebelaren e, ao final, fixérono e pasáronse a Piyama-radu. Muwatallis enviou un exército a Seha desde onde atacou Wilusa. Manapa-Tarhunta II de Seha non participou alegando estar moi doente (segundo unha carta quedara imposibilitado e probabelmente morreu deseguido); pouco despois, cara ao final do reinado de Muwatallis II, aparece xa Masturi como rei de Seha; Masturi era probabelmente un fillo de Manapa-Tarhunta II e casou con Minaššanauzzi, irmá de Muwatallis II. O final da historia de Piyama-radu non se coñece, pero, en todo, caso Piyama-radu, coa axuda de Ahhiyawa e de Millawanda, continuou o enfrontamento cos hititas durante bastante tempo.

Urhi-Teshub chegou ao trono hitita baixo o nome de Mursilis III, e inmediatamente depuxo algúns das gobernadores dos antigos estados da rexión de Arzawa e estableceu o goberno directo e foi á zona para consolidar o seu poder. O rei de Seha non foi destituído ou, se fuxiu, foi restablecido despois por Hattusilis III do que foi unha axuda na guerra civil.

Á morte do rei Masturi de Seha, o país fíxose independente baixo un home de orixe descoñecida chamado Tarhuna-radu, que se aliou co rei de Ahhiyawa. Tudhaliyas IV, rei hitita, fixo persoalmente a campaña contra Seha. Ahhiyawa interveu, pero sufriu unha completa derrota. Tarhuna fuxiu a un illote chamado Outeiro da Aguia, lugar que tamén foi ocupado por Tudhaliyas IV e fíxoo prisioneiro xunto coas súas mulleres e outros familiares e levouno a Arinna. Colocou no trono a un membro da dinastía de Muwa-Walwis e a situación volveu á normalidade.

O reino desapareceu coa invasión dos Pobos do Mar antes do -1185.

Lista de reis

editar