Leituga de mar

Especie de alga
(Redirección desde «Ulva lactuca»)

A leituga de mar[1] (Ulva lactuca), é unha alga verde incluída entre as verzas de mar, xebras ou ulvas, que medra na zona intermareal da meirande parte dos océanos do mundo. As súas longas follas danlle un aspecto semellante á leituga. Taméns se coñece cos nomes galegos de lavacán, verdello, verza de mar, xebra, ceba, aínda que moitos destes nomes son compartidos con outras algas, inclusos de xéneros distintos.

É unha alga comestible, que contén vitamina C e vitamina A. En cosmética utilízase na elaboración de produtos polas súas propiedades hidratantes e diversas poboacións costeiras, coma a galega, danlle uso agrícola coma fertilizante.

Descrición editar

De talo verde laminar, foliáceo, lobulado, formado por dúas camadas de células, fixado ao substrato por rizoides que medran coma expansións das células basais do caule. Pode acadar o metro de lonxitude, de contorna máis ou menos arredondada, ás veces dividida. É unha especie dioica cuxos talos produtores de gametos masculinos (gametófitos masculinos) distínguense dos produtores de gametos femininos (gametófitos femininos) pola tonalidade das marxes da lamela: verde amarelenta nos primeiros e verde escura nos segundos. Na zona basal pode presentar unhas costelas máis escuras por mor do agrupamento de rizoides. Cor verde clara ou escuro. Para unha correcta determinación cómpre a súa observación no microscopio; neste pódese ollar como as súas células dispóñense en liñas lixeiramente curvas, todas cun pirenoide xeralmente, e que as células máis superiores que emiten rizoides son do mesmo tamaño que as que non os emiten.

Hábitat editar

Na beiramar: zona intermareal, en charcas, porracas, rochas ou sublitoral até 20 m. Ao aturar salinidades baixas pode atoparse en esteiros, e tamén frecuentemente en zonas onde existen contribucións nitroxenadas.

Distribución editar

Presente en case todos os mares. É común en Galiza. Especies semellantes: Umbraulva olivascens, Ulva rigida (follegada do mar).

Reprodución editar

Pódese multiplicar vexetativamente por fragmentación e sexualmente mediante planogamia. A planogamia consiste na reprodución mediante gametos móbiles, tanto os masculinos coma os femininos, xa que ambos os dous posúen flaxelos que lles dan esa mobilidade; en función da mobilidade dos gametos fálase de Planogamia, e os gametos poden ser iguais (isogamia) ou de distinto tamaño (anisogamia).

Anisogamia (heterogamia), gametos diferentes en tamaño ou en morfoloxía interna (anisogamia morfolóxica), vai acompañada, xeralmente, por unha redución do gameto masculino, móbil e con pouca materia de reserva, a leituga de mar presenta unha anisogamia pouco pronunciada.

Notas editar

  1. Nome comercial e vulgar galego preferido en Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991; Diccionario Cumio da lingua galega, Vigo, Ed. do Cumio, 1999; Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009

Véxase tamén editar

Outros artigos editar